O pasado mes de abril a Audiencia Provincial da Coruña revogou o auto que nomeaba o Estado depositario de todos os mobles e bens do Pazo pero abriu a porta a que demandase noutro preito a titularidade do que considere parte do Patrimonio Nacional
Este xoves comezou na Coruña o xuízo que debe determinar que bens forman parte do Pazo de Meirás, un proceso no que ademais da familia Franco, están presentados o Estado central, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os concellos da Coruña e Sada. A vista debe servir para a defensa dun patrimonio público ante os intentos dos herdeiros do ditador de sacar do pazo estes elementos.
O pasado mes de abril a Audiencia Provincial da Coruña revogou o auto que nomeaba o Estado depositario de todos os mobles e bens do Pazo pero abriu a porta a que demandase noutro preito a titularidade do que considere parte do Patrimonio Nacional. Na súa decisión, a Audiencia asumiu varias teses dos herdeiros do ditador, aos que permitiu retirar o mobiliario de Meirás, ademais de criticar o Estado e evidenciar a insuficiencia da declaración BIC para protexer os bens mobles.
Os peritos achegados polo Estado e pola Xunta defenderon no xuízo que o Pazo de Meirás perdería "o propio sentido histórico" se se retiran estes bens que forman parte do conxunto
No xuízo que comezou este xoves o Estado defende o carácter público de 133 elementos que non poden retirarse sen provocar danos no inmoble. Os peritos achegados polo Estado e pola Xunta defenderon no inicio que o Pazo de Meirás perdería "o propio sentido histórico" se se retiran estes bens que forman parte do conxunto e que "son necesarios para entendelo", pois o Pazo foi concibido por Emilia Pardo Bazán como "un proxecto unitario". De igual xeito, o perito presentado polo Concello de Sada subliñou que a retirada destes bens "suporía unha diminución do valor histórico e cultural do conxunto".
O Concello de Sada reclama a "integridade" de todos os bens existentes no Pazo, comezando polos que eran propiedade de Emilia Pardo Bazán e dos seus sucesores e sucesoras e tamén os ligados á súa ocupación pola Xefatura do Estado durante a ditadura
O Concello de Sada, pola súa banda, reclama a "integridade" de todos os bens existentes no Pazo, comezando polos que eran propiedade de Emilia Pardo Bazán e dos seus sucesores e sucesoras e tamén os ligados á súa ocupación pola Xefatura do Estado durante a ditadura. Segundo o Concello de Sada, a familia Franco só podería retirar aqueles que adquirira con posterioridade á morte do ditador.
Finalmente, a familia Franco admite que dos 133 elementos en discusión, 78 si deben permanecer no Pazo de Meirás, pero reclama en principio a titularidade doutros 55, aínda que no inicio do xuízo os herdeiros do ditador renunciaron xa á propiedade de cinco deles. Entre os restantes, os máis polémicos son o sepulcro da capela que mandou labrar Emilia Pardo Bazán ou un escudo do "ducado de Franco" que se atopa na fachada e cuxa retirada implicaría riscos para a súa estrutura.