O secretario de Estado de Memoria Democrática anunciou que o Goberno central ultima unha demanda polos bens de Patrimonio Nacional en Meirás
O secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, presidiu este xoves no Pazo de Meirás unha homenaxe ás vítimas do franquismo e a inauguración dunha exposición conmemorativa. Logo de que o pasado mes de decembro o Estado oficializase a expulsión dos Franco das Torres tras a sentenza que devolvía o inmoble ao patrimonio público, e despois do primeiro verán recibindo visitas nun espazo por fin aberto ao público, os xardíns acolleron desta vez unha reivindicación das persoas represaliadas.
Foi nese acto onde confirmou Martínez que o Goberno central está apañando "todas as probas que van facer posible unha demanda civil nos xulgados en relación cos bens de Patrimonio Nacional que hai no Pazo". Ademais, ratificou que a Avogacía do Estado apoiará o incidente de execución do Concello de Sada que pide estender a reclamación de titularidade pública a máis bens, tanto aos da época de Pardo Bazón como aos incorporados polo Estado, agás os que os Franco acrediten ter mercado logo da morte do ditador.
"É un deber, precisamente desde Meirás, render homenaxe aos milleiros de galegos e galegas vítimas desa violencia política do franquismo"
Ademais, no acto, familiares de vítimas e representantes de colectivos pola memoria democrática tomaron a palabra nunha homenaxe que Fernando Martínez definiu como "deber moral" en plena "culminación dun longo proceso de renconversión deste lugar en patrimonio público do pobo galego".
O secretario de Estado de Memoria Democrática advertiu da "esixencia" que o Estado ten para que o Pazo de Meirás "se explique con toda a súa dimensión e historia" e lembrou que, ademais de propiedade de Pardo Bazán, foi "residencia de verán dun ditador que someteu a España a unha crúa guerra e a unha longa ditadura marcada pola violencia política". "É un deber, precisamente desde aquí, render homenaxe aos milleiros de galegos e galegas vítimas desa violencia política do franquismo", engadiu.
Ademais, recoñeceu o labor "fundamental" do movemento memorialista na demanda de recuperación do Pazo que logo fixeron seu partidos, sindicatos e administracións, e puxo en valor os informes que impulsaron o Parlamento galego e a Deputación, "claves" para a demanda da Avogacía do Estado que acabou coa sentenza que ordenou devolver as Torres. Así, quixo destacar, especialmetne, o traballo dos historiadores Carlos Babío e Manel Pérez Lorenzo, ademais do de Núñez Seixas e Emilio Grandío.
Por outra banda, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 emitiu o pasado mércores unha providencia na que ordena ao Estado abrir as portas do Pazo este venres a catro auxilares dos peritos da familia Franco para elaborar unha pericial sobre os bens. Así, o maxistrado admite a alegación dos irmáns Martínez-Bordiu, que denunciaron a tardanza en poder acceder ás Torres e a negativa do Goberno central a permitir a entrada aos peritos.