Primeiro verán en Meirás sen os Franco: máis de mil visitantes nun mes e memoria das vítimas da ditadura

Visitantes no Pazo de Meirás tras a súa reversión ao patrimonio público, o pasado xullo © Concello de Sada

A finais do pasado xuño, o Pazo de Meirás acolleu o acto solemne co que o Goberno de España quixo facer oficial a súa reversión ao patrimonio público, decretada pola sentenza xudicial do outono de 2020. Mentres continúa a batalla legal a respecto de cuestións como a propiedade dos bens do interior do pazo, o 1 de xullo comezaban as visitas ao recinto, responsabilidade do Concello de Sada en virtude do convenio asinado coa Xunta e mais co Estado.

As visitas ao pazo foron inauguradas por vítimas do franquismo e asociacións na defensa da memoria histórica

Aquela primeira xornada as reixas dos xardíns do Pazo de Meirás abríronse para vítimas da ditadura e as súas familias. Xan Castro, Suso Díaz ou Manuel Villares, acompañados por familiares de persoas represaliadas como Amalia Bóveda, Camilo Díaz ou Flor Baena e mais por integrantes de asociacións na defensa da memoria histórica atenderon ás explicacións de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, a maior investigación sobre o proceso que levou á incautación forzada dun Pazo por parte dos golpistas e dos seus cómplices.

Vítimas da ditadura e representantes de entidades memorialistas, do Concello de Sada e do Goberno de España, na primeira visita a Meirás como patrimonio público, o pasado 1 de xullo © Goberno de España

Tras esa primeira simbólica apertura, as visitas continuaron xa pasaron por Meirás máis de mil persoas. O Concello sadense vén de facer balance do primeiro mes tras apertura ou, o que é o mesmo, do primeiro xullo en máis de 80 anos no que o histórico edificio e os seus xardíns non serven de residencia estival para a familia de Franco. 

Na última etapa en que o pazo estivo nas mans da familia do xeneral golpista, as visitas organizábaas a Fundación Francisco Franco a través dun guía que convertía cada visita nunha oda ao ditador

Foron, concretamente, 986 as participantes en 53 visitas guiadas organizadas polo Concello de Sada. Algo máis da metade de visitantes (55%) procedían de Galicia, o 43% do resto do Estado e o resto, do estranxeiro. A elas hai que engadir, especifica o goberno local (Sadamaioría - BNG), "as visitas de carácter institucional e memorialístico que correron a cargo da Asociación Cultural Suárez Picallo" a través de Babío e Pérez Lorenzo. 

Este colectivo cultural é tamén o autor da guía editada polo Concello para a visita ao pazo, unha breve publicación con referencias históricas tanto á pegada de Emilia Pardo Bazán como á incautación do edificio por parte dos franquistas e a súa entrega ao ditador. Na última etapa en que o pazo estivo nas mans da familia do xeneral golpista, as visitas organizábaas a Fundación Francisco Franco a través dun guía que convertía cada visita nunha oda ao ditador salferida de ataques a calquera movemento político e social a prol da recuperación das Torres de Meirás para o patrimonio público.

Visitantes nos xardíns do pazo de Meirás en xullo de 2021 © Concello de Sada

As restricións da COVID e a alta demanda fan que as reservas para visitar Meirás xa estean completas para todo o mes de agosto

A concelleira de Turismo de Sada, Laura Rodríguez, coida que a boa acollida das visitas a Meirás, mesmo "superando as expectativas" do propio Concello, é unha boa mostra do "interese crecente pola memoria histórica" e "polo coñecemento do espolio do patrimonio cultural galego". Tamén, agrega, amosa a "potencialidade do patrimonio histórico e cultural como recurso turístico e motor de desenvolvemento cultural para a vila".

Os protocolos para a prevención da COVID-19 limitan as visitas a grupos de 20 persoas, de martes a domingo, e esa é a razón pola que as reservas "xa están completas para agosto, ao igual que para parte do mes de setembro". Neste sentido, o Concello de Sada di esperar que "máis adiante se posibilite o acceso libre aos xardíns" alén das visitas guiadas que inclúan o interior do pazo. Avanzan tamén que "no vindeiro mes" estará xa dispoñible a plataforma de reservas a través de internet.

Guía editada polo Concello de Sada e elaborada pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo para a visita a Meirás como patrimonio público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.