Os autodenominados '19 de Meirás' cualifican como "vitoria" o arquivo da causa, que non é firme e pode ser recorrido polos Franco á Audiencia Provincial
O Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos vén de declarar o sobresemento provisional e o arquivo da causa aberta contra varias persoas activistas, militantes do BNG, que ocuparon simbolicamente o Pazo de Meirás en agosto de 2017 para reclamar a súa "devolución ao pobo galego".
O auto de resolución, que aínda non é firme e pode ser recorrido polos Franco ante a Audiencia Provincial, foi comunicado este martes segundo aseguran as persoas afectadas, autodenominadas como os 19 de Meirás, que sinalan como "unha vitoria" o arquivo da causa.
“Estamos enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 cpara denunciar o espolio perpetrado polo franquismo e reclamar a devolución de todo o roubado ao pobo galego” explica Anxo Louzao, voceiro do colectivo, que aclara que a acción foi levada a cabo ao entender "que as institucións públicas tiñan que actuar para pór fin a máis de 80 anos de ignominia.
A denuncia dos herdeiros do ditador atribuía a estes militantes do BNG os posibles delitos de danos, violación de morada, contra o honor e de odio durante a ocupación simbólica [ver vídeo]. A familia Franco pediu 13 anos de cadea a cada un dos activistas que ocupou simbolicamente as Torres, unha solicitude que rolda os 250 anos en conxunto nunha causa que xa fora arquivada polo Tribunal Supremo no caso do deputado no Congreso e, xa que logo, aforado, Néstor Rego.
"O Pazo debe ser transferido á administración galega e que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego”
“A día de hoxe fica absolutamente demostrado que o Pazo foi roubado ao pobo galego e que é absolutamente vergoñento que os herdeiros da ditadura desfrutasen dun patrimonio que foi espoliado co sangue de milleiros de galegas e galegos”, asegurou Louzao, que en nome do colectivo cre que, unha vez que conclúa todo o proceso xudicial sobre a propiedade do inmoble, "corresponde que o Pazo sexa transferido á administración galega e que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego”.
Foi no pasado mes de decembro cando o Estado oficializou a expulsión dos Franco do Pazo de Meirás, cumprindo así a execución provisional da sentenza do 2 de setembro, na que se acordou que o inmoble é un ben público. Púxose fin a 82 anos de propiedade do ditador e dos seus herdeiros, logo de décadas de loita da sociedade civil e de agrupacións pola recuperación da memoria histórica, á espera dun ditame definitivo que confirme a propiedade pública das Torres.
Os 19 de Meirás lembran que, con todo, é "innúmero o patrimonio que foi espoliado ao pobo por parte da ditadura franquista e que debe ser devolto", tras lembrar o caso da coruñesa Casa Cornide ou as esculturas do Pórtico da Gloria, aínda en litixio.
Ademais, Anxo Louzao recoñece a posibilidade do recurso dos Franco, vistos os antecedentes noutras causas, pero entende que o feito de que ditames do Supremo e do xulgado de Betanzos desboten as súas pretensións son bos indicios. "Que a familia do ditador poida seguir batallando logo de que se demostrase que o Pazo foi roubado ao pobo é unha mostra máis de que aínda quedan bastantes rescaldos do franquismo", conclúe.