O Supremo arquivou as actuacións contra Néstor Rego pola ocupación simbólica do Pazo de Meirás en agosto de 2017. A sala segunda do alto tribunal non atopa, de acordo coa Fiscalía, o carácter delitivo dos feitos suficientemente xustificado e advirte de que os indicios existentes de participación neles por parte do deputado do BNG non teñen "a mínima solidez esixida".
O Supremo pecha o caso contra Rego, derivado ao alto tribunal pola súa condición de aforado, pero declárase incompetente respecto ao resto de investigados
O tribunal pecha así o caso contra Néstor Rego, derivado da causa aberta contra outras 18 persoas no Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos e que este derivou ao Supremo. Malia que só o deputado nacionalista cumpría coa condición de aforado, o xulgado betanceiro alegara "indivisibilidade da causa e das acusacións" na denuncia formulada pola familia Franco, motivo polo cal a causa debía ser xulgada no alto tribunal.
Agora o Supremo declara nun auto a súa falta de competencia respecto ao resto das persoas investigadas neste mesmo caso --en conxunto, os 19 de Meirás, como eles mesmos se definiron-- ao non seren ningunha delas aforada.
A denuncia dos herdeiros do ditador atribuía a estas persoas, militantes do BNG, os posibles delitos de danos, violación de morada, contra o honor e de odio durante a ocupación simbólica [ver vídeo]. A familia Franco pediu 13 anos de cadea a cada un dos activistas que ocupou simbolicamente as Torres, unha solicitude que rolda os 250 anos en conxunto.
Os Franco pediron 13 anos de cadea para cada un dos militantes do BNG por un posible delito de danos, violación de morada, contra o honor e de odio
Agora, no seu auto, o Tribunal Supremo descarta "tanto que existan indicios sólidos" da comisión dos presuntos delitos por parte de Néstor Rego, así como da súa "participación nos feitos".
"A actuación de cada intervinte no acto reivindicativo non pode ou non puido ser individualizada", di o Supremo, que asegura que tampouco se pode determinar que houbese ningunha acción directa de dano nin directriz impartida por Rego ou que os posibles danos producidos fosen "consecuencia dunha acción conxunta colectiva froito dun acordo expreso ou tácito para a realización de danos". Algo, di, que sería "incongruente" por tratarse dun "acto reivindicativo do propio ben de interese cultural".
O Supremo nega o delito de odio ao non identificarse "grupo minoritario necesitado de especial protección"
Ademais, e en canto aos delitos de odio ou contra o honor, o auto aclara que "non se identifica grupo minoritario necesitado de especial protección ao que pertenzan os querelantes cando se senten destinatarios das pancartas exhibidas".
Para o Supremo, na frase "que nos devolvan o roubado", a palabra roubado é unha "expresión coloquial que non atribúe a persoa concreta de maneira precisa e determinada a comision dun delito". Ademais, aclara que a referencia ao Pazo faise nun "acto reivindicativo da propiedade" deste inmoble "para o patrimonio público", algo que, segundo o auto, "non se realiza con temerario desprezo da verdade" ao exisitr xa "algunha resolución xudicial que afirma a súa titularidade estatal".
En canto ao delito de violación de morada, o Supremo aclara que o ben xurídico que se protexe neste caso é "a inviolabilidade do domilio ligado ao dereito á intimidade familiar" e lembra que no momento de acceso ao Pazo estábase a desenvolver unha visita guiada "de modo que non podía predicarse a existencia dunha intimidade reservada a uns potenciais moradores nas zonas de paso interior".