Os herdeiros de Franco non poden retirar os bens do Pazo de Meirás que reclamaban. A vista celebrada o pasado xuño na Coruña vén de dar lugar a un auto no que o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da cidade, Francisco Javier García, vén de denegar as pretensións da familia do ditador agás no que atinxe a unhas alfombras situadas nos corredores do edificio, declarado patrimonio público o pasado ano.
O maxistrado conclúe que deben ser considerados "bens inmobles inseparables" os abordados neste proceso, que non inclúen, por exemplo, propiedades de Pardo Bazán
Tras as "cuestións incidentais" formuladas polo Estado, a Xunta e o Concello de Sada -no caso do goberno local sadense, a súa reivindicación era finalizar a cuestión preservando integramente a propiedade pública do conxunto, con todos os bens incorporados ata 1975-, o xuíz resolve que, agás as devanditas alfombras, "deben considerarse [bens] inmobles inseparables" o propio edificio do Pazo e todos os bens en litixio situados no seu exterior. Pero tamén os que se atopan no interior e estaban en disputa neste proceso, tales como diversas esculturas, o mobiliario da capela ou tapices, entre outros. E total, 132 elementos dos que estaban en cuestión neste caso arredor de medio cento, indica o auto.
Cómpre ter en conta, non obstante, que este litixio non inclúe a totalidade dos bens de Meirás. Deixa fóra, por exemplo, os de Emilia Pardo Bazán e a súa descendencia incorporados dende a entrega da propiedade ao xeneral golpista en 1938. Polo tanto, estes si poden levalos a non ser que, por exemplo, a Xunta acelere na súa protección como Ben de Interese Cultural.
No referido aos bens no terreo exterior do Pazo, o maxistrado especifica que se trata de "inmobles por destino" aínda que sexan, en boa medida, "fisicamente separables" sen risco de deterioración. "Figuras ou conxuntos pétreos, de santos e virxes entre outras" foron situados en Meirás con "vontade de permanencia" e para constituír un "todo harmónico e artístico" e por iso non poden ser retirados.
No referido aos bens do interior, o auto cita bens como unha porta, un lavabo ou diversas esculturas para explicar que resultan fundamentais cadanseus emprazamentos, "poñéndoos en relación coa finalidade perseguida á hora de realizar a colocación nun determinado lugar". Por exemplo, sobre o altar maior da capela do pazo, detalla que non se trata de que exista "controversia" sobre se os bens poderían ser movidos sen "quedar afectados ou deteriorados", senón que tamén teñen unha "clara vontade de permanencia", de conxunto, o que "fai que sexan considerados inmobles por destino".
Cuestión diferente son para o xuíz as alfombras colocadas en corredores do pazo, por teren un fin "puramente funcional" para "mitigar o ruído" ao camiñar e por "razóns de seguridade". Unha delas, segundo consta no proceso, foi trasladada dende pola filla do ditador dende a súa casa de Madrid e a outra, "posta por unha empresa contratada". "En todo caso, é indiscutible o seu carácter moble" e os Franco poden levalas.
O xuíz subliña que non pode realizar resolución ningunha sobre a propiedade dos bens por non ser reclamada no proceso orixinal, pero lembra que o Estado pode reivindicalos nunha nova demanda
Con esta cuestión resolta, queda claro que os Franco non poden levar os devanditos bens, pero non así a súa propiedade. Todo o referido á titularidade dos bens -non do pazo mesmo- non foi abordado no proceso xudicial no que o Estado reivindicou -e gañou- a titularidade de Meirás, polo que "non pode constituír" obxecto deste proceso. Non obstante, evidencia, os argumentos deste ditame poden ser utilizados "para defender a propiedade do Estado sobre os bens mobles nunha demanda onde se reivindiquen os mesmos".
No mesmo auto, ademais, o xuíz oponse á pretensión da familia de Franco para deixar sen efecto o inventario dos bens do pazo realizado a finais de 2020 por persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. "Non existe razón fundada para que non se acepte a petición de conservación do inventario" realizada polo Estado e "carece de sentido, mírese por onde se mire", alén de que suporía unha "indiscutible dilación procesual" e un "custo económico innecesario" para elaborar un novo, remata. Contra esta resolución cabe recurso de apelación.