A Avogacía do Estado presentou este mércores ante os xulgados de Madrid unha demanda contra a familia Franco reclamando a propiedade do Estado dunha gran parte dos bens mobles que alberga o Pazo de Meirás.
Son en total, segundo puido saber Praza.gal, 564 bens mobles ou documentos e cartafoles que desde o Estado dividen en tres categorías: dous bens de Patrimonio Nacional, 409 bens do Patrimonio Documental Español e 153 bens que son de dominio público pola súa afectación ao uso do Pazo de Meirás como residencia oficial do Xefe do Estado e que formarían parte do Patrimonio Histórico Español polo seu interese histórico e artístico. Neste último caso, inclúe algúns obxectos vinculados, por unha banda, á figura de Emilia Pardo Bazán e, por outra, á actividade oficial desenvolvida durante a ditadura, tal e como aclara a demanda, á que tivo acceso este diario.
A Avogacía do Estado demanda os Franco para reclamar 564 bens mobles ou documentos de Meirás e que non foran incluídos na demanda sobre a propiedade do Pazo
Estes bens que agora reclama o Estado non foran expresamente incluídos na demanda sobre a propiedade do Pazo de Meirás, algo que desde a Administración atribúese á negativa dos herdeiros do ditador a permitir a entrada nas Torres mesmo a técnicos de Patrimonio da Xunta, o que impediu coñecer que bens tanto os bens que había como as súas características, orixes e condicións que xustificarían que fosen propiedade estatal.
Foi despois, coa execución provisional da sentenza do Xulgado de 1ª Instancia da Coruña cando se permitiu coñecer os bens, inventarialos e xustificar tecnicamente a súa presenza ao patrimonio público e "permitir acreditar a súa incorporación ou presenza no Pazo durante o período de tempo no que estivo adscrito ao servizo público". Tamén acreditar que moitos deses bens forman parte do patrimonio histórico español "na medida en que forman parte conxunta dese 'lugar de memoria' que é o Pazo de Meirás, indubidablemente asociado con dúas personalidades históricas: a eminente escritora galega Emilia Pardo Bazán (...) e a figura de Francisco Franco, xefe do Estado español durante 40 anos".
Na demanda, o Estado pide unha medida cautelar para que os bens queden no Pazo mentres a xustiza non decide quen é o propietario
Segundo a Avogacía do Estado, ao igual que o Pazo de Meirás foi declarado como ben de dominio público por sentenzas -aínda non firmes- por ser "un ben adscrito exclusivamente ao servizo público de cubrir as necesidades da residencia de verán do Xefe de Estado, os bens mobles que existían no seu interior entre 1938 e 1975 "quedaron afectos ao mencionado servizo público". "Isto determinou a adquisición, cando menos por usucapión, da súa condición de bens de dominio público adscritos a un servizo do Estado", xustifica.
Ademais, a demanda presentada este mércores reclama unha medida cautelar que ordene a permanencia dos bens dentro do Pazo, e en depósito da Administración, ata que o xulgado resolva de quen son propiedade. Con esta acción, o Estado pretende garantir a conservación e protección de todos os bens, así como a integridade dos intereses históricos e artísticos vinculados a eles polo lugar onde se atopan.
A demanda do Estado non inclúe as esculturas do Mestre Mateo por teren sido xa reclamadas polo Concello de Santiago
Con todo, non inclúe o Estado na súa reclamación as esculturas do Mestre Mateo ao estar "promovida sobre ambas unha acción reivindicatoria do Concello de Santiago" contra os Franco, nin tampouco os 3.200 volumes que aínda quedan da biblioteca que alí reuniu Pardo Bazán e sobre a que a Xunta incoou xa procedemento para declarala Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén exclúe outros bens mobles que, estando descritos nos inventarios, non foron recollidos nalgúns dos informes periciais para acreditar a súa condicións de bens de dominio público conforme aos títulos que se relacionaron.
A demanda chega pouco despois de que os netos do ditador Franco solicitasen permiso ao xulgado coruñés para retirar estes bens, aqueles que non foran reivindicados nun incio polo Estado. O seu obxectivo era levalos a Madrid. Entre os obxectos, a mesa na que Pardo Bazán escribiu boa parte das súas obras, obras de arte, retratos de Sotomayor ou Zuloaga ou pezas arqueolóxicas.
Todos estes bens quedaran fóra tamén da cuestión incidental presentada polo Estado e que se limitara a 132 elementos que consideraba "inseparables" do Pazo de Meirás e dos que arredor de medio cento foran obxecto de discordia cos Franco. O xulgado estimara aquel incidente -ao que se sumaran a Xunta, a Deputación e os Concellos de Sada e da Coruña- ordenando que aqueles 132 bens permanecesen nas Torres ao consideralos inmobles por destino ou incorporación: instalados por vocación de permanencia ou que non poden ser trasladados sen danar o edificio. Si lles permitira levar unhas alfombras, bens que tampouco son incluídos agora na reclamación do Estado.
Daquela, o xuíz desestimara o incidente de execución do Concello de Sada, que pedía que todos os bens, agás os que os Franco acreditasen que foran instalados despois da morte do ditador, permanecesen no Pazo. Precisamente, o Concello sadense reiterou hai tan só catro días a solicitude ao Estado para que presentase de inmediato a demanda sobre a titularidade dos bens que reclamaban os herdeiros do xeneral fascista e que chegou este mércores.