O Concello de Sada advirte do risco de que os Franco leven bens de Meirás e pide acelerar a protección total

Explicación do historiador Manuel Pérez, xunto a Carlos Babío, na visita a Meirás de vítimas do franquismo e entidades de defensa da memoria histórica en xullo de 2021 © Concello de Sada

O titular o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de ratificar que os herdeiros de Franco non poden levar máis dun cento dos bens que quedaron no Pazo de Meirás cando, no verán de 2021, foi recoñecido xudicialmente como patrimonio público. Trátase de todos os que estaban en cuestión neste litixio, tanto no interior como no exterior do edificio, coa única excepción dunhas alfombras.

Pero todos os bens do litixio non é sinónimo de todos os bens que ficaron en Meirás. Hai outros, como os incorporados pola ditadura dende 1938 (cando o xeneral golpista quedou co pazo) ata 1975 (morte do ditador), e os pertencentes a Emilia Pardo Bazán. Sobre eles pon o foco o Concello de Sada, que vén actuando como parte de todos os procesos para recuperar o pazo e que agora advirte da importancia de que todo o patrimonio do complexo estea protexido.

Vítimas da ditadura e representantes de entidades memorialistas, do Concello de Sada e do Goberno de España, na primeira visita a Meirás como patrimonio público, en xullo de 2021 © Goberno de España

O goberno local sadense afirma que, aínda que o xulgado desestimase a súa petición de englobar xa no patrimonio público todos os bens -o Estado non o reclamou no procedemento orixina, subliñou o xuíz-, é positivo que "determinados bens que os Franco pretendían retirar agora sexan considerados contido do pazo" e daquela, a efectos prácticos, "públicos". Agora o que toca, di, é que tanto o Estado como a Xunta actúen a prol da blindaxe total.

Por parte do Goberno de España, di, non ten máis que apoiarse no que "recoñece" o propio auto do xuíz e que "o Concello de Sada vén pedindo dende o primeiro momento", isto é, "a presentación dunha demanda posesoria e reivindicatoria sobre os outros bens mobles, tanto os de Pardo Bazán como os instalados polo Estado" ata o pasamento de Franco. "Esa demanda debe ser presentada canto antes polo Estado" e incluír, din, a solicitude da "medida cautelar que impida a súa retirada".

Visitantes nos xardíns do pazo de Meirás en xullo de 2021 © Concello de Sada

Pero a Xunta, advirte, tamén ten responsabilidades: "incoar de inmediato o expediente de modificación do decreto BIC das Torres de Meirás", o impulsado polo Goberno de coalición PSdeG-BNG que permitiu abrir o recinto ao público, para "asegurar a integridade do sitio histórico" e todo o seu contido. Facelo, evidencia, tamén permitirá ao Goberno galego impedir calquera retirada.

O Concello sadense insta o Goberno de España a presentar canto antes a demanda posesoria por todos os bens do pazo e urxe á Xunta a ampliar a declaración BIC de Meirás para protexer tamén todo o seu contido

"Bens mobles fundamentais para o sitio BIC e que teñen a natureza de bens públicos corren perigo" e por iso "Estado e Xunta deben mover ficha canto antes", subliña o goberno local sadense (Sadamaioría - BNG - Alternativa dos Veciños) e o Concello, avanzan, "seguirá exercitando todas cantas accións sexan necesarias para evitar o baleirado" do pazo, pero "nin pode presentar a demanda posesoria nin modificar o BIC; Estado e Xunta poden e deben facelo".

Mentres, dende o Goberno de España, nunha primeira reacción a súa subdelegada na Coruña, María Rivas, "celebra" o novo auto a prol do carácter público de Meirás. "É unha nova vitoria democrática e unha satisfacción para todas aquelas persoas que cremos que a democracia plena se consegue recuperando a memoria histórica", resalta a socialista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.