Cunchas e buguinas despediron a Francisco Miguel, "artista creador de beleza asasinado polo fascismo"

Miguel Anxo Fernán Vello porta os restos de Francisco Miguel para o seu soterramento no cemiterio de San Amaro CC-BY-SA Praza.gal

Os restos do pintor foron entregados este luns aos seus familiares, chegados dende México. Un acto institucional en María Pita deu paso a un cortexo cívico no que as persoas participantes deixaron cadansúa cuncha sobre a tumba na que por fin repousa o artista coruñés

"Todo se esfarelou como nun pesadelo". Esta frase de Syra Alonso, recollida nuns dos seus diarios, completa o epitafio que se pode ler na tumba do cemiterio herculino de San Amaro na que dende este luns repousa, por fin, Francisco Miguel: "artista creador de beleza, cidadán exemplar, asasinado polo fascismo no 1936". Os restos do pintor vangardista coruñés, asasinado en Bértoa (Carballo) o 29 de setembro de 1936 foron soterrados no chan, a poucos metros da tumba de Manuel Murguía, nun fermoso acto que completou un nutrido cortexo cívico.

Previamente, o Salón de Plenos do Pazo de María Pita acolleu un acto institucional no que os restos de Francisco Miguel, exhumados o pasado ano xunto cos doutros tres homes asasinados polos franquistas, foron entregados aos seus familiares, chegados dende México. Alí interveu Regina de Miguel, bisneta de Francisco Miguel e Syra Alonso, que agradeceu o traballo da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e declarou que setirse "estremecida" ao "pensar que esa violencia e ese exilio marcaron o inicio da historia da miña familia".

Cortexo cívico e enterro de Francisco Miguel, no cemiterio de San Amaro CC-BY-SA Praza.gal

“Francisco Miguel regresa hoxe á súa cidade como memoria viva, como símbolo da Coruña fronte á barbarie, fronte ao odio fascista que segue a asomar en diferentes partes do mundo e que debemos combater cada día", destacou Inés Rey

No acto institucional interviron tamén a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ademais da deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra, Así mesmo, participou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente da ARMH, Emilio Silva, entre outras autoridades e representantes de entidades sociais.

“Francisco Miguel regresa hoxe á súa cidade como memoria viva, como símbolo da Coruña fronte á barbarie, fronte ao odio fascista que, por desgraza, segue a asomar en diferentes partes do mundo, e que debemos combater cada día, con firmeza e convicción, cara a un futuro mellor”, sinalou Inés Rey, que engadiu que “a memoria é xustiza restitutiva, a cultura é democracia e progreso, e a verdade nunca poderá ser soterrada de maneira definitiva”.

En San Amaro Miguel Anxo Fernán Vello portou unha urna cos seus restos, cuberta cunha bandeira galega e unha rosa vermella

O acto de homenaxe trasladouse posteriormente ao cemiterio de San Amaro, onde o editor e poeta Miguel Anxo Fernán Vello -unha das persoas que máis traballou pola recuperación do corpo do pintor- portou unha urna cos seus restos, cuberta cunha bandeira galega e unha rosa vermella. Acompañada polo son da banda municipal de música, o cortexo cívico atravesou o cemiterio de San Amaro ata o lugar -no chan e a carón da tumba de Manuel Murguía- no que repousa xa Francisco Miguel.

Chegada ao cemiterio de San Amaro do cortexo cívico que acompañou o enterro dos restos de Francisco Miguel © Concello da Coruña

Alí, mentres soaban buguinas e acompañados por un gran número de viraventos azuis de papel -dous elementos presente nas súas pinturas- os seus restos foron finalmente soterrados. Sobre a tumba foron deitadas dúas flores brancas, tres cunchas coas cores da bandeira republicana -deixadas pola súa bisneta- e centos de cunchas máis que, unha a unha, foron deixando as moitas persoas que asistiron ao cortexo cívico. 

Os actos deste luns enmárcanse dentro das actividades xa iniciadas coa inauguración, a comezos de mes, da exposición dos debuxos do artista na Casa Museo Casares Quiroga, e doutras iniciativas nas que participa a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) ou a Deputación da Coruña, que está a organizar o ciclo de conferencias "Memoria de amor e loita" .

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.