Traballos de exhumación en Carballo buscan os restos de catro homes asasinados por pistoleiros franquistas

Cemiterio de Bértoa (Carballo) CC-BY-SA ARMH

Este martes comezaron no cemiterio de Bértoa (Carballo) os traballos de exhumación dos catro homes, nun proceso que nos últimos anos foi demorado pola inicial negativa do Arcebispado de Santiago, propietario do cemiterio, a conceder unha autorización 

O 29 de setembro de 1936 apareceron en Bértoa (Carballo) os corpos de catro homes asasinados por mor da súa ideoloxía republicana, soterrados posteriormente no cemiterio. Tratábase de Juan Boedo Pardo, de 28 anos, e veciño de Cristovo das Viñas (A Coruña), de profesión gasista; de Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, que fora conserxe do Colexio Notarial da Coruña; do tamén coruñés Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, de profesión mecánico; e de Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos, pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte, a quen en 1999 se lle dedicou unha rúa na cidade da Coruña.

Este martes comezaron no cemiterio de Bértoa (Carballo) os traballos de exhumación dos catro homes, nun proceso que nos últimos anos foi demorado pola inicial negativa Arcebispado de Santiago, propietario do cemiterio, a conceder unha autorización para os traballos que si fora concedida de inmediato pola Consellaría de Sanidade e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. Finalmente, o Arcebispado mudou a súa posición, permitindo iniciar o rescate dos restos mortais destes catro homes.

Francisco Miguel Fernández Díaz © ARMH

O 29 de setembro de 1936 apareceron en Bértoa os corpos de catro homes asasinados por mor da súa ideoloxía republicana, soterrados posteriormente no cemiterio: Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Miguel Fernández Díaz

O proceso está a ser desenvolvido pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), que hai uns anos recibiriu a petición da familia de Francisco Miguel Fernández Díaz para tentar atopar os restos do seu devanceiro. As investigacións, como sempre complexas, conseguiron descubrir as circunstancias da súa morte e o lugar do seu soterramento posterior.  

Francisco Miguel Fernández Díaz naceu en 1897 na Coruña. Tivo ao seu cargo a Librería de Arte, na rúa Real da Coruña, e colaborou activamente con revista Alfar, da que foi director artístico. Participou en charlas da súa propia librería e do café La Peña, con diferentes intelectuais do momento. Ao longo da súa vida realizou múltiples viaxes e cambios de residencia, pasando por París, Cuba ou México, onde naceron dous dos seus fillos e onde traballou co muralista David Alfaro Siqueiros. En 1933 volveu a España. Tras un ano en Madrid regresou a Galicia, instalándose na Casa da felicidade en Liáns, Oleiros.

O 3 de agosto de 1936 foi detido pola Garda Civil, acusado de actuar contra o réxime militar golpista de Franco. Posteriormente liberado grazas á mediación da súa muller, foi de novo secuestrado o 19 de setembro, capturado por cinco axentes da Brigada Social na pensión da rúa Mariño na Coruña. Foi levado á comisaría, á comandancia militar e despois ao cárcere, aparecendo o seu corpo dez días despois coa cara fendida e as mans amputadas.

Outra imaxe do cemiterio de Bértoa (Carballo) CC-BY-SA Jglamela

A ARMH ten o contacto de dúas das familias, pero leva tempo tratando de localizar algún familiar de Pedro Pinilla Calvete ou de Andrés Pinilla Fraga para poder levar a cabo unha identificación xenética dos restos que se atopen

A ARMH ten o contacto de dúas das familias, pero leva tempo tratando de localizar algún familiar de Pedro Pinilla Calvete ou de Andrés Pinilla Fraga para poder levar a cabo unha identificación xenética dos restos que se atopen. Ambos os dous, tío e sobriño, foron sacados do cárcere e asasinados o 29 de setembro de 1936 neste lugar. Andrés Pinilla, de 52 anos, era conserxe do Colexio Notarial da Coruña, e o seu sobriño Pedro, de 21 anos, era mecánico. Non son os únicos represaliados nesta familia: tamén Enrique (de 23 anos) e Andrés (de 29 anos) foron mortos polos franquistas o 25 de setembro de 1936.

Pedro Pinilla Calvete ou de Andrés Pinilla Fraga foron sacados do cárcere e asasinados o 29 de setembro de 1936

Pola súa banda, Juan Boedo Pardo, da aldea de San José en Meicende (A Coruña), traballaba na compañía coruñesa de gas e electricidade e tiña actividade sindical. Despois do Golpe de Estado participou cos seus irmáns na defensa da cidade. Trala derrota, foron perseguidos e escaparon ao monte. Foi detido polos falanxistas e a Garda Civil cuando se atopaba agochado perto do seu domicilio. Despois de pasar polo cuartel, foi sacado polos falanxistas e asasinado en Queo de Arriba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.