Grazas ás comparacións de ADN un equipo multidisciplinar que traballa cos restos da foxa común de Celanova vén de identificar a dous mozos de Xixón fusilados hai 84 anos. Seguen buscando ás familias de Baldomero Vigil Vallejo, Guillermo de Diego Álvarez, Alfonso Moreno Gayol, Belarmino Álvarez García e Mariano Blanco González para identificalos
Na mañá do 22 de setembro de 1939, "un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos" fusilou a sete mozos asturianos contra o muro do cemiterio de Celanova. Abelardo Suárez del Busto, de 28 anos, albanel e natural de Xixón. Alfonso Moreno Gayol, de 26 anos, chofer e natural de Salamanca. Baldomero Vigil Escalera Vallejo, de 19 anos, pintor e natural de Xixón. Belarmino Álvarez García, de 29 anos, mineiro e natural de Sama de Langreo. Guillermo de Diego Álvarez, de 25 anos, chofer e natural de Mieres. Marcelino Fernández García, de 21 anos, mecánico e natural de Mieres. E Mariano Blanco González, de 36 anos, litógrafo e natural de Xixón.
Un equipo multidisciplinar que traballa ao abeiro do Plan de Memoria Democrática 2022 logrou identificar os restos de Marcelino Fernández García e a Abelardo Suárez del Busto, segundo se fixo público este martes nunha rolda de prensa no Liceo de Ourense, pero seguen na busca das familias dos outros cinco mozos, que agardan digna sepultura.
A investigación histórica levada a cabo polo grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela partiu da demanda das familias de Marcelino Fernández e Abelardo Suárez, ambos veciños de Xixón, que fuxiron ante a inminente toma por parte dos sublevados cara a finais de outubro de 1937. Neste equipo da USC seguiron o rastro das fontes xurídico-militares ata á prisión de Celanova e acharon que foran sete os condenados a pena de morte.
"A pesar de ser un proxecto pechado na actualidade, a maioría dos resultados de Nomes e Voces están vixentes e del saíron ferramentas clave", salientan desde Histagra
Foi a Bandeira de Fet de las Jons de Marruecos quen levou a cabo o seu asasinato e posterior enterramento nunha foxa común, segundo se explica na información actualizada do sitio web do proxecto Nomes e Voces, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto. "A pesar de ser un proxecto pechado na actualidade, a maioría dos resultados de Nomes e Voces están vixentes e del saíron ferramentas clave para a investigación da violencia de 1936, da Guerra, da Posguerra, da Ditadura e, incluso, da Resistencia", apuntan desde Histagra.
"As mostras de ADN contrastadas coas dunha filla, Josefa, no caso de Marcelino, e coas dunha neta, Graciela, no caso de Abelardo, obteñen unha compatibilidade de 99,9%, o que confirma os resultados da análise forense e a hipótese da investigación histórica", explican desde o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.
Concepción López, historiadora do Grupo Histagra da USC e responsable da documentación da fosa; Fernando Serrulla, antropólogo forense do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia); Mario César Vila, arqueólogo, responsable de Tempos Arqueólogos, empresa que executou a escavación; e Ana Mosquera, investigadora do Laboratorio de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC actuaron en representación do equipo multidisciplinar que se encargou da intervención na foxa para facer pública a identificación destes dous mozos 84 anos despois do seu asasinato e no día no que se conmemora a fin da ditadura en Portugal coa Revolução dos cravos.
Nas vindeiras semanas as familias de Marcelino Fernández e Abelardo Suárez recibirán os seus restos nunha cerimonia
A intervención desta foxa común con fusilados polo alzamento militar do ano 36 enmárcase no Plan de Memoria Democrática 2022, que van permitir abrir a foxa de Vilacova, en Lousame, na que consta que están os corpos de dúas persoas represaliadas das que só unha delas foi identificada; e mais unha foxa localizada no concello da Capela con tres corpos de veciños das Pontes.
Nas vindeiras semanas as familias de Marcelino Fernández e Abelardo Suárez recibirán os seus restos nunha cerimonia, mentres que o grupo de traballo en colaboración co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova seguirá na procura das familias dos outros cinco mozos que foron fusilados aquela mañá de 1939: Baldomero Vigil Vallejo, Guillermo de Diego Álvarez, Alfonso Moreno Gayol, Belarmino Álvarez García e Mariano Blanco González.