Josefa Fernández volverá a Celanova por terceira vez, e desta volta poderá visitar a foxa na que está sepultado o seu pai xunto a outros seis asturianos, fusilados en 1939. Mentres, o Goberno de Asturias manifesta a súa vontade de proceder á exhumación
Josefa Fernández Gutiérrez tiña apenas un mes de vida cando seu pai foi capturado polos fascistas no porto de Xixón o 21 de outubro de 1937. Agora prepárase para viaxar a Celanova para honrar a súa memoria. O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova iniciou a finais do ano pasado as investigacións sobre a foxa na que se atopan os cadáveres dos sete asturianos fusilados ″por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos contra o muro do cemiterio de Celanova a mañá do 22 de setembro de 1939″.
Eles son Abelardo Suárez del Busto, de 28 anos, albanel e natural de Xixón. Alfonso Moreno Gayol, de 26 anos, chofer e natural de Salamanca. Baldomero Vigil Escalera Vallejo, de 19 anos, pintor e natural de Xixón. Belarmino Álvarez García, de 29 anos, mineiro e natural de Sama de Langreo. Guillermo de Diego Álvarez, de 25 anos, chofer e natural de Mieres. Marcelino Fernández García, de 21 anos, mecánico e natural de Mieres. E Mariano Blanco González, de 36 anos, litógrafo e natural de Xixón.
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova localizou á filla de Marcelino Fernández a través da Consejería de Presidencia do Goberno de Asturias
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova lembra que as publicacións do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, da Universidade de Vigo, e as diversas fontes orais achegaron as primeiras pistas que levaron á publicación das actas de defunción dos sete homes e, a continuación, a dar a coñecer as causas que permanecen no Arquivo Militar de Ferrol.
Oliva Gutiérrez, nai de Josefa Fernández Gutiérrez, foi visitar ao seu home, Marcelino Fernández García, a Celanova uns meses despois de que o detiveran, e levou á nena con ela. Viaxaron de Xixón a Celanova despois de facer unha colecta entre as veciñas. E estiveron uns días na vila grazas á xenerosidade da familia da casa na que pararon. Así o lembra hoxe Josefa, a quen o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova localizou a través da Consejería de Presidencia do Goberno de Asturias.
Oliva Gutiérrez morreu con 74 anos despois dunha vida ″moi dura, vivindo as dúas alugadas, ela traballando en casas, case sen cartos para comer...″, segundo lembra a súa filla
A viúva volveu a Celanova nos anos setenta buscando a tumba de Marcelino. No Comité saben que ″escribiu unha carta que figura no expediente carcerario do seu home, con data do 11 de maio de 1979, na que reclamaba os seus dereitos como viúva″. Oliva morreu con 74 anos despois dunha vida ″moi dura, vivindo as dúas alugadas, ela traballando en casas, case sen cartos para comer...″. ″Nunca superou a morte do meu pai″, trasladou Josefa nunha conversa telefónica co Comité, na que se mostrou decidida a volver a Celanova.
O pasado 25 de setembro celebrouse a primeira homenaxe en Celanova aos sete asturianos fusilados nos primeiros meses da Guerra Civil, que contou coa participación do Goberno de Asturias. Celia Inés Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica de Celanova, asegura que os responsables da Consejería de Presidencia veñen de reiterar a súa ″disposición″ a proceder ″á documentación e á exhumación da foxa″, situada no propio camposanto, despois de que se atopara a dúas familiares dos asasinados. Pois a comezos deste mes, a neta de Abelardo Suárez Del Busto, Gracia Gutiérrez, visitou a tumba do seu avó en Celanova e tamén se entrevistou con membros do Comité.