No ano 1939 un grupo de falanxistas construíu unha cruz de gran tamaño no outeiro da Obra, que domina a vila de Celanova. O monumento en homenaxe aos "Caídos" do bando nacional na Guerra Civil que acababa de rematar aínda permanece en pé, máis de 45 anos despois da morte do ditador Francisco Franco e 14 anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica que obriga á eliminación de todos os elementos conmemorativos "de exaltación persoal ou colectiva do levantamento militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura".
"O Concello debe cumprir a lei como primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo"
Agora o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova vén de iniciar unha campaña para esixir a derruba deste monumento, "unha exaltación pública e visíbel do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade republicana", aplicando a Lei de Memoria Histórica de 2007 e instando ao Concello de Celanova a cumprir con esta norma.
A entidade publica este martes (aniversario das últimas eleccións da Segunda República) un manifesto apoiado pola práctica totalidade das entidades de memoria histórica de Galicia, por historiadores, historiadoras e persoas do mundo da cultura. Entre eles aparecen dous ex presidentes da Real Academia Galega, como son Xosé Luís Méndez Ferrín e Xesús Alonso Montero; e historiadores e historiadoras como Aurora Marco, Bernardo Máiz, Dionísio Pereira, Xosé Manuel Núñez Seixas, Lourenzo Fernández Prieto, Uxío Breogán Diéguez, Carlos Babío, Manuel Pérez, Antón Mascato, Eliseo Fernández e Carlos Méixome. Ademais, aparecen os fillos de Celso Emilio Ferreiro (Francisco Xabier e Luis), de Pepe Velo (Vitor) e Luís Soto (Luís).
A entidade convida á veciñanza da comarca “a levantar o manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que foron represaliados polos golpistas"
O texto destaca que “o Concello debe cumprir a lei como primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo e co horizonte de satisfacer os principios de verdade, xustiza e reparación que impulsan o labor dos colectivos memorialísticos ao abeiro das Nacións Unidas”. E convida á veciñanza da comarca “a levantar o manto de silencio que tapa as biografías de todas aquelas persoas que desde o seu desempeño profesional, vital e político promoveron os valores republicanos antes de 1936 e que foron represaliados polos golpistas e o poder ilegal que se instaurou no Estado durante as catro décadas seguintes”.
A “eliminación do símbolo fascista que alimentou o medo durante máis de oitenta anos” será “unha oportunidade para dialogar co pasado que se nos negou"
O manifesto destaca que a “eliminación do símbolo fascista que alimentou o medo durante máis de oitenta anos” será “unha oportunidade para dialogar co pasado, sobre todo con ese pasado que se nos negou". Fai fincapé na memoria dos sete últimos presos fusilados en Celanova pola Bandera de Falange de Marruecos en setembro de 1939 ou de Luís Soto, Pepe Velo, Celso Emilio Ferreiro e Xulio González, mestre executado en Verea.
A cruz "non é un símbolo relixioso, senón un símbolo político que debe ser desterrado do mesmo xeito que por exemplo Alemaña desterrou todos os símbolos do nazismo", di Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, destaca que "ese monumento rende tributo á vitoria nunha guerra inxusta contra o goberno lexítimo da República", engadindo que esa cruz "non é un símbolo relixioso, senón un símbolo político que debe ser desterrado do mesmo xeito que por exemplo Alemaña desterrou todos os símbolos do nazismo". O Comité avoga porque o lugar, unha vez retirada a cruz, sexa convertido nun "espazo de memoria". "Esa é unha demanda compartida por todo o movemento memorialista en Galicia e no resto do Estado. Pediremos que o espazo se resignifique para que sexa un espazo que rememore ás vítimas do franquismo", explica Celia Inés Feijóo Soto.