A ARMH está a realizar traballos de exhumación na procura dos restos mortais de Justo Fernández Suárez e Manuel Antonio Mon Miranda, asasinados polos golpistas o 23 de xullo de 1936
Os traballos de exhumación que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) está a levar a cabo no cemiterio de Ribadeo na procura dos corpos de Justo Fernández Suárez e Manuel Antonio Mon Miranda atoparon este martes os primeiros restos humanos na fosa na que se está a escavar. Os traballos continúan na procura de máis restos e, posteriormente, a entidade deberá confirmar que corresponden aos dous homes, asasinados polos golpistas o 23 de xullo de 1936.
Ese día pistoleiros fascistas acabaron coa vida de sete persoas, segundo se coñece grazas ás investigacións realizadas nos últimos anos por Xose Miguel Suárez Fernández, que a través do seu blog Como augua de torbón difunde os seus achados sobre a represión no occidente de Asturias e na contorna de Ribadeo.
O 18 de xullo, en canto se soubo do golpe de Estado, o goberno municipal de Ribadeo organizou a través dun comité de guerra a requisa de armas e vehículos para facer fronte ás forzas sublevadas
O 18 de xullo de 1936, en canto se coñeceron as primeiras noticias do golpe de Estado, o goberno municipal de Ribadeo organizou a través dun comité de guerra a requisa de armas e vehículos para facer fronte ás forzas sublevadas. Nestas operacións participaron veciños da localidade e varios carabineiros do posto de Ribadeo, que se implicaron na defensa da vila ao mando do Tenente Ramón Lorenzo Fernández e o alférez Antonio Trujillo Rodero, ambos os dous sometidos posteriormente a Consello de Guerra e executados en Lugo.
Na tarde do día 23 dúas columnas procedentes de Lugo, unha pola estrada de Barreiros e outra pola de Vegadeo, entraron en Ribadeo disparando de forma indiscriminada. Polo lado de Barreiros produciuse unha inmediata desbandada dos defensores, que estaban armados unicamente con escopetas de caza e de aire comprimido.
En cambio, pola beira de Vegadeo, á altura do antigo cemiterio de Ribadeo (hoxe Parador de Turismo) os defensores da localidade fixeron fronte ás tropas golpistas nun enfrontamento no que morreron o motorista de carabineiros Casimiro Pérez Martínez e mais un veciño que o acompañaba, Ramón Crespo Rodas.
Na tarde do día 23 dúas columnas procedentes de Lugo, unha pola estrada de Barreiros e outra pola de Vegadeo, entraron en Ribadeo disparando de forma indiscriminada
Na incursión das tropas atacantes na vila de Ribadeo, estas foron asasinando máis persoas, entre elas Rosalía Alonso Lastra, criada das monxas clarisas que se asomou a unha xanela e recibiu un disparo; Manuel Tella, que os enfrontou cunha machada; Vicente Muiño Tojeiro, que se atopaba accidentalmente en Ribadeo; Manuel Mon Miranda, carabineiro que facía garda na rúa Tras da Cerca (hoxe rúa Ibañez); e Justo Fernández Suárez, que resultou morto nun enfrontamento coa Garda civil na parroquia de Cubelas. Todos eles foron soterrados na área de fosa común do cemiterio novo de Ribadeo, que fora inaugurado en 1932.