Investigadores coordinados polo grupo Histagra da USC logran identificar a tres das persoas fusiladas da foxa de Vilagarcía

Escavación da foxa de fusilados polos golpistas do cemiterio de Vilagarcía de Arousa © Histagra/USC

O equipo de historiadores, arqueólogos, forense e xenetistas conclúe que pode identificar só a tres persoas entre os restos atopados

A do camposanto de Vilagarcía de Arousa foi a primeira foxa de asasinados polos golpistas no 1936 que exhumaron seguindo o protocolo de actuación ditado xa no ano 2009 polo grupo de Historia agraria e política do mundo rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela co apoio do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e do grupo de Medicina Xenómica da USC. 

A documentación recompilada indicaba a presenza de 18 cadáveres, mais o traballo de campo demostrou que non fica evidencia de todos eles. "Concluíuse que, dos 18 corpos susceptibles de estar na fosa, tan só poderemos identificar a tres, xa que o resto ou ben desapareceu baixo novas construcións do cemiterio, ou ben non hai parentes vivos", trasladan desde o equipo investigador. 

Comezo dos traballos coordinados polo grupo Histagra da USC no camposanto de Vilagarcía © Lourenzo Fernández Prieto

O persoal investigador que integra o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia mantivo unha xuntanza este mércores co concello de Vilagarcía e, na sede da asociación O Faiado da Memoria, coas familias das persoas asasinadas no ano 36 e enterradas na foxa común do cemiterio municipal. Os historiadores, arqueólogos, forense e xenetistas explicaron que o proxecto se centrou "nos enterramentos irregulares que os golpistas de 1936 realizaron no cemiterio municipal”, tal e como sinalaron dende o grupo de investigación Histagra da USC. 

Así, trasladaron as tarefas de documentación, exhumación, análises forenses e xenéticas que levaron a cabo e que aínda non remataron por completo. Entre outras accións, destacaron "a consulta documental e do fondo oral de Terra e Memoria, Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo" e as entrevistas que realizaron como pezas clave para preparar a exhumación. 

"Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar foxas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas", salientan desde Histagra

Porén, no seu informe inciden en que as primeiras conclusións –á espera da análise definitiva dos restos aparecidos que está a ser levada a cabo polo forense do Imelga Fernando Serrulla e o equipo de Medicina Legal do catedrático da USC Ángel Carracedo– indican que só poderán determinar a identidade de tres das persoas alí enterradas nun inicio por non ter con quen cotexar os restos ou porque houbo cambios na localización dalgún dos corpos.

O equipo investigador agradeceu a "plena disposición á hora de colaborar nas tarefas de pescuda" das familias das persoas asasinadas e o apoio do Concello de Vilagarcía no proceso de escavación dentro do recinto do camposanto. "O contacto cos axentes sociais é imprescindible", sinala o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. "Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar foxas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas", engadiron dende este grupo, co que se pode contactar a través do enderezo histagra@usc.es ou no teléfono 881 812 734.

Foxa dos sete asturianos fusilados na Guerra Civil no cemiterio parroquial de Celanova © Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Neste ano que comeza, o grupo de investigación vai exhumar a foxa de presos asturianos de Celanova e buscará os restos de Manuel Hermo, asasinado en Lousame

Seguindo o Plan Cuadrienal tamén se traballou en foxas de Crecente e na análise dos restos que foran exhumados en 2018 en Aranga. Ademais, procedeuse a completar o Mapa de Fosas de Galicia, e establecer inercias de traballo que aseguren unha comunicación axeitada coa sociedade para que, de ser o caso, se produzan novas intervencións o ano que vén. 

"Así, os familiares de Manuel Hermo, natural de Ribeira e asasinado en Lousame puxéronse en contacto con nós para que se procedera á súa exhumación, e a Asociación de Memoria Histórica de Celanova, xunto ao goberno do Principado de Asturias tamén solicitaron a nosa colaboración nos traballos de documentación, arqueolóxicos e forenses da foxa común de presos existente no cemiterio desta localidade ourensá. Ambas tarefas serán programadas en 2022", apuntan dende Histagra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.