A Deputación de Pontevedra outorga 23.000 euros en subvencións para a retirada de simboloxía franquista
Por toda Galicia fontes, lavadoiros e outro tipo de espazos públicos seguen a presentar desde hai décadas simboloxía franquista. Non adoitan ter tanta visibilidade como as grandes cruces aos caídos, os escudos nas casas consistoriais ou as homenaxes nas paredes das igrexas, pero seguen a ser supoñer unha exaltación dunha ditadura contra a que agora a Deputación de Pontevedra vén de actuar con subvencións de escaso importe económico pero que axudan e incentivan aos concellos a eliminar esa simboloxía.
A administración provincial informou este mércores da concesión de axudas por un importe total duns 23.000 euros a sete concellos da provincia para retirar esa simboloxía: Baiona, A Guarda, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas e Vilagarcía. Segundo salienta a deputación, “na meirande parte dos casos, as retiradas de simboloxía corresponden a elementos relacionados coa Falange (FET y de las Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura”, pero “tamén hai elemento das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falange formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza”.
En Baiona os 2.032,63 euros que se recibirán servirán para eliminar simboloxía de tres fontes de titularidade municipal en diferentes parroquias: a fonte de Alférez Barreiro, a da subida á Virxe da Rocha e a de San Antón. A primeira, por exemplo, ten gravado o escudo falanxista do xugo e as frechas e a inscrición “Restaurada por JAM 1950”, referente á inclusión do símbolo por parte das Xuntas de Acción Municipal no devandito ano. Nas tres fontes faranse traballos de desbastado da pedra ata acadar a superficie lisa e instalarase un escudo do Concello de Baiona en bronce no primeiro dos casos.
Vilagarcía retirará a cruz acaroada á fachada da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, para o que recibirá 5.916,95 euros. Segundo se explica na memoria do proxecto de retirada, a cruz é un elemento engadido durante a época franquista “que carece de autoría e interese artístico” e que será retirado con asesoramento dunha experta restauradora.
Ponte Caldelas recibirá 9.9918,37 euros para a supresión da simboloxía franquista e a rehabilitación da fonte lavadoiro Maceira na zona de Silvoso, unha construción de titularidade municipal que ten na súa fronte unha pedra gravada co xugo e as frechas da Falange. Ademais, neste caso demolerase a estrutura existente, piares e cuberta para substituílas por unhas novas.
Na Guarda eliminarase a simboloxía franquista da Praza de Abastos e da fonte –lavadoiro da Silveira grazas aos 1.762,20 euros de subvención. Nos dous casos hai placas con xugos e frechas.
En Salceda de Caselas, cunha subvención de 1.573 euros, retiraranse escudos falanxistas de xugo e frechas da Fonte de Mil, no barrio da Revolta na parroquia de Parderrubias, e da Fonte de Liñares, no barrio de Barreiro da parroquia de Santa María de Salceda.
As Neves recibirá unha axuda de 1.028,5 euros para a eliminación de simboloxía na Fonte de San Ignacio e no portalón de acceso ao centro de saúde, nos dous casos con xugos e frechas.
A deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, subliña “a valentía dos concellos solicitantes para cumprir coa Lei de Memoria vixente"
Pazos de Borbén recibirá 943 euros para retirar o símbolo da Falange dun lugar especialmente simbólico: o balcón da fachada principal da antiga Casa do Concello.
A deputada provincial de Memoria Histórica, a nacionalista María Ortega, subliña “a valentía dos concellos solicitantes para cumprir coa Lei de Memoria vixente, que abrirá camiño para que en vindeiras edicións a liña de axudas chegue aínda a máis municipios da provincia co fin de erradicar as conmemoracións ou lembranzas do franquismo que aínda se conserven”. Ortega destaca que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón na simboloxía e no interese amosado desde os gobernos locais por retirar elementos que están vencellados coa ditadura e por cumprir os principios de verdade, xustiza e reparación’.