Varios municipios galegos afrontarán demandas xudiciais por non retirar simboloxía franquista do seu rueiro. Os concellos de Meira, Lugo, O Porriño, Pontevedra, Beade e Ourense veñen de recibir senllos dereitos de petición por parte do avogado Eduardo Ranz, solicitando a "redefinición de rúas de exaltación de guerra civil e ditadura". Teñen tres meses para cumprir o solicitado e, de non facelo, o letrado interporá cadansúa demanda contencioso-administrativa contra as administracións locais, como xa fixo no caso de Betanzos.
Meira, Lugo, O Porriño, Pontevedra, Beade e Ourense reciben dereitos de petición para que retiren a simboloxía franquista das rúas; de non facelo en tres meses, afrontarán demandas contencioso-administrativas
A demanda deste avogado experto en dereitos humanos e memoria histórica é relevante logo de que o xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Valladolid obrigase ao Concello de Olmedo a elaborar un catálogo de vestixios neste municipio sobre a guerra civil e a ditadura, así como á retirada de calquera simboloxía do réxime franquista e a súa represión. É a primeira sentenza emitida por incumprimento da Lei de Memoria Histórica, non admite recurso e estima a demanda interposta por Ranz para instar ao cumprimento da normativa neste municipio e varias ducias máis en diferentes autonomías.
A vaga desta vía xudicial chegou tamén a Galicia e máis concretamente a estes concellos, aínda que algúns deles prevense que acheguen a documentación que demostre a retirada da simboloxía ou as iniciativas tomadas para levalo a cabo. O dereito de petición, fundamental e recoñecido na Constitución, refírese nesta ocasión a casos "de rúas e avenidas que exaltan de maneira evidente a ditadura ou represión franquista a través de personaxes senlleiras dela", explica Eduardo Ranz. Son casos como a rúa Caudillo de Beade ou doutras coa denominación Generalísimo nalgunhas destas localidades.
Unha demanda idéntica acabou coa primeira sentenza por incumprimento da Lei de Memoria Histórica en Olmedo (Valladolid)
Xa hai máis dun ano, este mesmo avogado denunciara sete alcaldes e tres bispados por manter simboloxía franquista. Naqueles casos, tal e como explica, "as demandas foron arquivadas ao non prosperar a vía penal". Desta vez é diferente, xa que "a vít contencioso-administrativa si adoita prosperar ao dirixirse contra o concello ou o órgano colexiado". A sentenza contra a administración local de Olmedo "senta un precedente".
"Somos optimistas porque a formulación legal empregada é a mesma de todas as demandas, onde se alude ao incumprimento dalgúns artigos da Lei de Memoria Histórica, aprobada hai nove anos", di. Concretamente, os artigos 15.1 e 15.3. Neles asegúrase que as administracións públicas "tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da guerra civil e da represión da ditadura". Tamén, que o Goberno central, en colaboración coas comunidades autónomas e as entidades locais, elaborarán "un catálogo de vestixios relativos" ao conflito e ao franquismo.
O avogado Ranz amósase "optimista", non só desde o punto de vista xudicial, senón pola "repercusión mediática" que "leva as administracións a reaccionar"
"A Lei de Memoria Histórica cumprirá unha década o ano que vén, o tempo que os concellos levan incumpríndoa", destaca Ranz, que considera que, "desde un punto de vista democrático e xurídica, hai dúas opcións: dar cumpriento á lexislación de maneira inmediata ou seguir dilatando, e con isto ser cómplices do golpe de Estado de 1936 contra a legalidade da Segunda República", conta.
O avogado cre que a repercusión mediática das demandas e, sobre todo, de sentenzas como a da localidade de Olmedo "fan deste un problema visible e que as administracións locais reaccionen malia que a lei xa ten dez anos". "A esperanza non só é desde o punto de vista xudicial, senón tamén pola reacción das administracións ante as noticias que saen dos medios doutros procesos xudiciais", di o letrado, que confía en que a propia iniciativa dos concellos arranxe unha ilegalidade que suma anos.