O 29 de setembro de 1936 apareceron no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, Bértoa (Carballo) os corpos de catro homes que, por mor da súa ideoloxía republicana, foran sacados das súas casas e posteriormente asasinados
O 29 de setembro de 1936 apareceron no Campo de Morgade, en Queo de Arriba, Bértoa (Carballo) os corpos de catro homes que, por mor da súa ideoloxía republicana, foran sacados das súas casas e posteriormente asasinados por integrantes dos grupos que levaran a cabo o Golpe de Estado do 18 de xullo. O cura da parroquia e un grupo de veciños decidiron soterrar os seus restos no cemiterio de Bértoa, onde aínda permanecen.
Tratábase de Juan Boedo Pardo, de 28 anos, e veciño de Cristobo das Viñas (A Coruña), de profesión gasista; de Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, que fora conserxe do Colexio Notarial da Coruña; do tamén coruñés Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, de profesión mecánico; e de Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos, pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte, a quen en 1999 se lle dedicou unha rúa na cidade da Coruña.
A ARMH, a petición dos familiares, iniciou os trámites legais para levar a cabo procura e posterior exhumación dos corpos. Só falta a autorización do Arcebispado que, un ano despois, aínda non deu o permiso
Oito décadas despois a familia de Francisco Miguel Fernández Díaz púxose en contacto coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) para tentar atopar os restos do seu devanceiro. As investigacións, como sempre complexas, conseguiron descubrir as circunstancias da súa morte e o lugar do seu soterramento posterior. Francisco Miguel Fernández Díaz fora detido pola Garda Civil o 3 de agosto; posteriormente liberado, foi de novo secuestrado o 19 de setembro, aparecendo o seu corpo dez días despois coa cara fendida e as mans amputadas.
O Arcebispado de Santiago afirma que está a estudar "de forma coidadosa" a solicitude e argumenta que no lugar onde se quere escavar poden estar soterrados tamén os restos doutras persoas, o que obrega a actuar "con cautela" para evitar "profanacións"
A ARMH iniciou os trámites legais para levar a cabo procura e posterior exhumación dos corpos, acadando os permisos da Consellaría de Sanidade e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e contando en todo momento co apoio do Concello e de gran parte da veciñanza da parroquia. Faltaba simplemente a autorización do propietario do terreo, neste caso o Arcebispado de Santiago. Porén, máis dun ano despois, esta autorización aínda non chegou, a pesar dos encontros mantidos cos responsables eclesiásticos.
A entidade denuncia que a autoridade eclesiástica está "alongando o proceso", atrasando de forma indefinida a resposta das solicitudes presentadas. O Arcebispado de Santiago afirma, pola súa banda, que está a estudar "de forma coidadosa" a solicitude, que en absoluto está paralizada e que "por suposto" non de opón á lei, que habilita os familiares dos desaparecidos forzosos a iniciar este proceso. A institución eclesiástica argumenta que no lugar onde se quere escavar poden estar soterrados tamén os restos doutras persoas e que os traballos poderían provocar un incomodo aos seus familiares. Isto, sinala, obriga a actuar "con cautela" pois os cemiterios "son un lugar sagrado" e non se pode permitir que se produza "unha profanación" doutra tumba. "Hai que garantir que isto non sucede", engade.
"Os traballos non se fan con maquinaria pesada, todo o contrario: fanse con moito coidado, cunha pa pequena e cun pincel, para evitar causar o máis mínimo dano. E, por suposto, se non se atopan os corpos no lugar previsto, os traballos paralízanse e déixase todo como estaba", di García-Rodeja
A ARMH constesta que "os traballos non se fan con maquinaria pesada, todo o contrario: fanse con moito coidado, cunha pa pequena e cun pincel, para evitar causar o máis mínimo dano. E, por suposto, se non se atopan os corpos no lugar previsto, os traballos paralízanse e déixase todo como estaba", explica Carmen García Rodeja, da ARMH, que ademais destaca que esta exhumación é mesmo máis sinxela tecnicamente que outras, ao estar o lugar da prospección apartada dos nichos.
A asociación conta con fontes documentais e orais que sinalan a localización do enterramento. "Non hai unha seguridade absoluta, pero o lugar está moi acoutado", sinala. Nos últimos meses a asociación e os familiares das vítimas levaron a cabo varios encontros coa veciñanza, que entregaron de inmediato 80 sinaturas a favor dos traballos de exhumación e mesmo remitiron cartas ao arcebispado, o mesmo que os familiares das vítimas.
A ARMH salienta que é a primeira vez, nas numerosas exhumacións que leva realizadas en Galicia, que atopa este tipo de problemas coa Igrexa
A ARMH salienta que é a primeira vez, nas numerosas exhumacións que leva realizadas en Galicia, que atopa este tipo de problemas coa Igrexa. A entidade explica que mantén "relacións cordiais" cos diferentes bispados e que ata agora nunca puxeran obstáculos no seu labor de axudar as familias dos desaparecidos pola represión franquista a atopalos para identificalos e poder darlles unha sepultura digna.
Carmen García Rodeja explica que en varias ocasións o propio Arcepbispado de Santiago mesmo mediou ante algún crego ou veciños para facilitar estes procesos, o que incrementa a "sorpresa" ante o que está a suceder neste caso. Destaca, ademais, que neste caso que o principal responsable do enterramento dos asasinados no cemiterio en 1936 foi o párroco do lugar, Narciso Coello de Portugal, que consideraba que debían recibir sepultura cristiá e que mesmo os velou.
"Nós non queremos meternos nunha guerra, só queremos que o Arcebispado recapacite", di Carmen García Rodeja
"Nós non queremos meternos nunha guerra, só queremos que o Arcebispado recapacite", di Carmen García Rodeja, que é rotunda ao afirmar que "as familias teñen dereito a recuperar os corpos dos seus devanceiros, non entendemos a actitute da Igrexa", destaca a responsable da ARMH, que sinala que o sucedido está a provocar "unha grande indignación" nos familiares e "un gran disgusto". "É unha cuestión de dereitos humanos, por iso nos doe tanto. É unha falta de amor ao próximo e de humanidade", conclúe.