Medio cento de persoas homenaxean a Julio González Álvarez, Amadeo López Bello, Silvio Torres Díaz e Eloy Romero na Poza das Ras, onde foron asasinados polos golpistas o 29 de agosto de 1936
Julio González Álvarez, Amadeo López Bello, Silvio Torres Díaz e Eloy Romero Luis foron asasinados no lugar coñecido como A Poza das Ras, na parroquia de San Pedro de Ourille do Concello de Verea, o 29 de agosto de 1936, vítimas da represión fascista. Este domingo foron homenaxeados polas súas familias, representantes do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e do Concello de Verea nun acto que rematou cunha ofrenda floral.
O alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, avanzou que desde o ente municipal xa se iniciaron os trámites para solicitar ao Ministerio da Presidencia a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria ao abeiro da Lei de Memoria Democrática, que inclúe a creación dun Inventario de Lugares de Memoria Democrática por parte do Estado.
Medio cento de persoas déronse cita no lugar dos fusilamentos de hai 87 anos. Veciñanza de Verea e Celanova, representantes dos Amigos da República e do Comité de Memória Histórica do Val do Límia participaron no acto tamén participaron no acto, no que unha das familiares de Julio González reclamou manter viva a memoria daquelas vítimas neste espazo e asegurou que no seu caso a manterá viva no desenvolvemento da súa futura profesión de mestra.
"Loitaron polas liberdades, polo cambio social e pola dignidade dos homes e mulleres deste país", destacou a presidenta do Comité de Memoria de Celanova
Julio González Álvarez, natural de Verea, tiña 25 anos cando foi asasinado polos golpistas. Era mestre en Gontán. Escapou a Portugal, segundo as informacións recompiladas na iniciativa Nomes e Voces, pero foi capturado. Morto a causa dunha hemorraxia interna-traumatismo, o seu cadáver aparece na Poza das Ras.
Amadeo López Bello era natural de Carballeda de Avia e tiña 32 anos cando foi fusilado. Era mestre en Beiro, na mesma parroquia na que residía. A causa da súa morte aparece rexistrada por unha hemorraxia interna por traumatismo.
Silvio Torres Díaz tiña 23 anos e era natural de Ourense. Traballaba como chofer e era veciño do barrio ourensán do Couto. Consta que o seu corpo aparece na Poza das Ras e que falece por hemorraxia interna e traumatismo.
Eloy Romero Luis tiña 28 anos e era natural de Leiro, onde traballaba como farmacéutico. Segundo a información recollida por Nomes e Voces, foi xulgado en Ourense por excitación á rebelión, causa que resultou sobresida e posta a disposición gobernativa.
A presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Feijóo Soto, destacou no seu discurso que os fusilados "loitaron polas liberdades, polo cambio social e pola dignidade dos homes e mulleres deste país" e subliñou que esta homenaxe "ten un precedente no acto que celebrou no ano 2009 o colectivo Arraianos, e ten o seu fundamento nas investigacións de xente como o médico David Simón e o historiador Mateo Martínez", que agora se abren "cara ao futuro coa iniciativa do Concello de Verea de impulsar a declaración da Poza das Ras como lugar de Memoria".