Francisco Miguel, o vangardista "esquecido" co que cómpre "facer xustiza"

Retrato de Francisco Miguel realizado en México en 1933 por Manuel Álvarez Bravo © Manuel Álvarez Bravo's Archives / UNESCO

O pintor e gravador vangardista coruñés foi asasinado en 1936. O seu asasinato a mans dos franquistas sepultou tamén a súa figura como creador, falto de coñecemento e recoñecemento durante décadas

O 19 de setembro de 2023 foron exhumados no cemiterio de Bértoa (Carballo) os corpos de catro homes que foran asasinados polos franquistas en setembro de 1936 e deixados nunha foxa común. Un deles era o pintor e gravador Francisco Miguel Fernández Díaz, nacido na Coruña en 1897 e que se afianzara como unha personalidade central na arte galega anterior á Guerra Civil, ligado ás vangardas artísticas. Con todo, a súa figura como creador ficou sepultada o mesmo que o seu corpo e nas décadas seguintes ficou falto de coñecemento e recoñecemento. 

O vindeiro 29 de setembro recibirá unha homenaxe pública na Coruña que incluírá a entrega aos seus familiares dos seus restos mortais nunha cerimonia institucional no salón de plenos do Pazo de María Pita, semellante á que en abril se realizou para a entrega dos restos dos outros tres asasinados. Posteriormente, Francisco Miguel será soterrado no cemiterio de San Amaro, acompañado dun cortexo público.

 O Consello da Cultura Galega acolle o 24 de setembro unha xornada ao redor da súa obra e traxectorial vital e publica unha entrada no Álbum de Galicia, realizada polo crítico e comisario de arte Carlos L. Bernárdez

Durante o outono terán lugar outras actividades que buscan homenaxear a súa figura e a da súa dona, Syra Alonso, cuxos emocionantes Diarios veñen de ser reeditados por Alvarellos, e tamén devolver a Francisco Miguel a consideración e coñecemento público que a súa obra merece. Neste contexto, este mércores o Consello da Cultura Galega publicou a entrada no Álbum de Galicia dedicada ao pintor e anunciou a organización da xornada Francisco Miguel. Tempo de facer xustiza, que o mércores 24 revisará a súa dimensión artística na sede da institución.

Quen foi Francisco Miguel? Como destaca o crítico e comisario de arte Carlos L. Bernárdez na entrada publicada no Álbum de Galicia, "foi un pintor de notábel interese" que inicialmente colaborou nos anos vinte en importantes proxectos vangardistas como a revista lucense Ronsel (1924) e, especialmente a revista coruñesa Alfar -da que foi director artístico- "fundamental para a divulgación da plástica renovadora en Galicia, non só polas obras reproducidas senón polo espallamento do pensamento artístico modernizador no noso país".

Durante o outono terán lugar outras actividades que buscan homenaxear a súa figura e a da súa dona, Syra Alonso. O 29 de setembro os seus restos serán entregados aos seus familiares nunha cerimonia pública, para posteriormente ser soterrados no cemiterio de San Amaro

Neses anos nos gravados de Francisco Miguel "percíbese un esquematismo primitivista moi do gusto da vangarda do momento, algúns cun manifesto interese pola plasmación do ritmo e do dinamismo e outros dun marcado planimetrismo case contrutivista", destaca o crítico.

Francisco Miguel, que xa realizara estadías en París entre 1920 e 1923, marcha con Syra Alonso a América, primeiro a Cuba e despois a México. Alí desenvolve unha grande actividade ligada á obra de artistas como David Alfaro Siqueiros e ao grupo de escritores denominados os Contemporáneos, vivindo nun ambiente de compromiso da arte coa causa revolucionaria e coas preocupacións sociais e entrando en contacto con Diego Rivera ou o cineasta Sergėi Eisenstein.

Debuxos e gravados de Francisco Miguel publicados na revista 'Vida' (1920) e na revista de Casa América-Galicia (1922 e 1924). ©

Francisco Miguel "foi un pintor de notábel interese" que inicialmente colaborou nos anos vinte en importantes proxectos vangardistas en Galicia. Posteriormente residiu en México, onde entrou en contacto con Siqueiros, Rivera ou Eisenstein

Alí a pintura de Francisco Miguel reflite unha estética virada cara a posicións análogas ao retorno á orde posvangardista, de forte cromatismo. E, posteriormente, nos seus lenzos de motivos mariños da década de 1930 semella máis achegado ao realismo máxico coas súas naturezas mortas de brillantes cunchas, buguinas e cons.

A finais de 1933 Syra e Francisco Miguel marchan de México e tras vivir uns meses en Madrid, en 1935 regresan a Galicia, vivindo en Liáns (Oleiros), na que denominaron Casa da Felicidade, un lugar que actúa como contrapunto da dor vivida a partir do verán de 1936. 

En 1935 regresou a Galicia. En agosto de 1936 despois foi detido pola Garda Civil e un mes máis tarde foi asasinado, aparecendo o seu corpo coas mans amputadas nunha foxa común

O 3 de agosto, Francisco Miguel foi detido pola Garda Civil, acusado de actuar contra o réxime militar golpista de Franco. Posteriormente liberado grazas á mediación da súa muller, foi de novo secuestrado o 19 de setembro, capturado por cinco axentes da Brigada Social na pensión da rúa Mariño na Coruña. Foi levado á comisaría, á comandancia militar e despois ao cárcere, aparecendo o seu corpo dez días despois coa cara fendida e as mans amputadas, e sendo posteriormente soterrado na foxa común de Bértoa.

 

Un nome "esquecido" ao que cómpre "facer xustiza"

"A figura de Francisco Miguel é un deses nomes esquecidos dunha terra que adoita non mirar cara atrás na recuperación daqueles que fixeron da súa propia vida un salvoconduto da nosa dignidade como pobo", destácase na presentación da xornada que o 24 de setembro acollerá o Consello da Cultura Galega e que chama a "facer xustiza" cunha figura "afastada dos discursos oficiais da nosa plástica". 

Francisco Miguel: 'Muíño de vento' (1930) ©

"A figura de Francisco Miguel é un deses nomes esquecidos dunha terra que adoita non mirar cara atrás na recuperación daqueles que fixeron da súa propia vida un salvoconduto da nosa dignidade como pobo", destaca o CCG

Durante décadas foi un gran descoñecido non só para o público xeral, senón mesmo para creadores e expertos. Luís Seoane faloulle del a Isaac Díaz Pardo en dúas cartas nas que instaba a que no futuro Museo Carlos Maside, Francisco Miguel tivese un espazo destacado. 

Posteriormente, Manuel Rivas incluíuno na súa novela O lapis do carpintetiro (1998) e, sobre todo, a publicación dos Diarios de Syra Alonso (A Nosa Terra, 2000) levaron ao inicio da recuperación da súa memoria. Porén, "a súa obra segue a estar aínda necesitada dunha revisión á altura da importancia que ten no contexto da arte galega, mexicana e internacional das décadas dos vinte e trinta do pasado século", destaca Carlos Bernárdez.

"A súa obra segue a estar aínda necesitada dunha revisión á altura da importancia que ten no contexto da arte galega, mexicana e internacional das décadas dos vinte e trinta do pasado século", subliña Carlos Bernárdez.

O propio Carlos Bernárdez, que salienta a vontade de subliñae "o valor a súa traxectoria vital e artística" e "a necesidade crucial de recuperar a nosa memoria colectiva" abrirá a xornada do Consello da Cultura Galega, que tamén contará coas intervencións de Manuel Rivas e Ramón Rozas, que analizarán a relación entre arte e memoria, e cunha mesa redonda na que estarán presentes Rosario Sarmiento, xestora cultural, e Carmela Galego, vicepresidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, ademais de Rivas e Bernárdez.

Francisco Miguel: 'Retrato de Dolores Olmedo' (1931) ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.