Historia, memoria e dignidade: as familias de tres asasinados polo franquismo reciben á fin os seus restos

Cadaleitos cos restos mortais de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete, este venres no Pazo de María Pita © Concello da Coruña

Este venres os restos de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete foron entregados aos seus familiares nun acto celebrado no salón de plenos do pazo municipal de María Pita

Esta é unha historia en tres actos. O primeiro, o 29 de setembro de 1936, momento do secuestro e asasinato de Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga, Pedro Pinilla Calvete e Francisco Miguel Fernández Díaz a mans de franquistas. O segundo, o 19 de setembro de 2023 cando os seus corpos foron exhumados no cemiterio de Bértoa (Carballo), despois dunha longa procura a cargo das súas familias e do impulso da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Un proceso que, como moitas veces nestes casos, foi complexo, e atopou durante meses o obstáctulo engadido do Arcebispado de Santiago.

E o terceiro, este venres 11 de abril, cando os restos mortais dos tres primeiros foron finalmente entregados aos familiares, nun acto institucional celebrado no Pazo de María Pita, na Coruña, nunha cerimonia que busca pechar un proceso e, quen sabe, axudar a pechar a ferida aberta aquel día de setembro de 1936. A entrega dos restos da cuarta vítima, Francisco Miguel Fernández Díaz, levarase a cabo en setembro.

Familiares dos asasinados, nun momento dos traballos de exhumación dos seus restos en Bértoa © ARMH

Durante a súa intervención, a alcaldesa da Coruña afirmou que “a verdade non prescribe, e a democracia só é plena cando recoñece ás súas vítimas e repara o dano causado”

O acto foi presidido pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e da voceira da ARMH en Galicia, Carmen García Rodeja. Os restos dos tres represaliados foron entregados ás súas familias en caixas cubertas coa bandeira de Galicia e unha rosa vermella.

A cerimonia contou coas intervencións das familias das vítimas: Carolina Pinilla, sobriña neta e bisneta de Andrés e Pedro Pinilla; e Dolores Pujol, sobriña política de Juan Boedo, en representación da familia Boedo. Tamén interviñeron o vicepresidente da ARMH, Marco Antonio González, o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e a veciña de Bértoa, María Díaz, que puxo voz á memoria popular gardada durante décadas na parroquia.

Durante a súa intervención, a alcaldesa afirmou que “a verdade non prescribe, e a democracia só é plena cando recoñece ás súas vítimas e repara o dano causado”, destacando que “as caixas que hoxe colocamos con respecto levan historia, levan memoria e levan dignidade, a mesma que lle foi negada en vida”.

“As caixas que hoxe colocamos con respecto levan historia, levan memoria e levan dignidade, a mesma que lle foi negada en vida”, destacou a rexedora

Rey subliñou que “hoxe devolvemos tamén unha parte da nosa cidade porque Juan, Andrés e Pedro eran homes do común, cidadáns conscientes, e por iso foron perseguidos e asasinados”. A alcaldesa da Coruña pechou o acto reafirmando o compromiso do Goberno local coa memoria e chamou ás instititucións a comprometerse coa súa recuperación, sinalando que “nós non o facemos por nostalxia, facémolo por responsabilidade porque sen memoria non hai cidadanía, sen recoñecemento non hai convivencia e sen xustiza non hai democracia”.

Inés Rey destacou tamén que "a memoria non nace dos arquivos, senón das persoas", e lembrou que foi grazas á forza das familias e "á veciñanza que non esqueceu" que foi posible o acto. “A memoria democrática vive nas casas, nos barrios, nas mans que deixaron flores cando parecía que xa ninguén lembraba. Preservala é unha responsabilidade colectiva”, concluíu

Un zapato, achado durante os traballos de exhumación dos seus restos en Bértoa © ARMH

Os catro asasinados

O 29 de setembro de 1936 apareceron en Bértoa (Carballo) os corpos de catro homes asasinados por mor da súa ideoloxía republicana, soterrados posteriormente nunha foxa común no cemiterio

O 29 de setembro de 1936 apareceron en Bértoa (Carballo) os corpos de catro homes asasinados por mor da súa ideoloxía republicana, soterrados posteriormente no cemiterio. Tratábase de Juan Boedo Pardo, de 28 anos, e veciño de Cristovo das Viñas (A Coruña), de profesión gasista; de Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, que fora conserxe do Colexio Notarial da Coruña; do tamén coruñés Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, de profesión mecánico; e de Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos, pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte, a quen en 1999 se lle dedicou unha rúa na cidade da Coruña.

Juan Boedo Pardo, da aldea de San José en Meicende (A Coruña), traballaba na compañía coruñesa de gas e electricidade e tiña actividade sindical. Despois do Golpe de Estado participou cos seus irmáns na defensa da cidade. Trala derrota, foron perseguidos e escaparon ao monte. Foi detido polos falanxistas e a Garda Civil cuando se atopaba agochado perto do seu domicilio. Foi liberado do cuartel grazas á influencia do propietario da empresa de gas, pero posteriormente foi secuestrado por falanxistas e asasinado en Queo de Arriba. Deixou viúva e dous fillos que morreron no exilio. Este venres será soterrado no cemiterio do barrio de San Cristovo das Viñas.

 “A memoria democrática vive nas casas, nos barrios, nas mans que deixaron flores cando parecía que xa ninguén lembraba. Preservala é unha responsabilidade colectiva”, concluíu Inés Rey

Andrés Pinilla Calvete e Pedro Pinilla Fraga, pai e fillo, foron sacados do cárcere por falanxistas e asasinados en Campo de Morgade, en Queo de Arriba (Bértoa). Andrés Pinilla, de 52 anos, era xastre, e Pedro, de 21 anos, era mecánico. Posteriormente foron trasladados á foxa común do cemiterio de Bértoa.  Non son os únicos represaliados nesta familia: tamén Enrique (de 23 anos) e Andrés (de 29 anos), irmáns de Pedro e fillos de Andrés, foron asasinados polos franquistas o 25 de setembro de 1936. Este sábado Pedro e Andrés serán soterrados no cemiterio de Santa Cristina de Montouto (Abegondo). 

Traballos de exhumación dos restos en Bértoa © ARMH

Francisco Miguel Fernández Díaz naceu en 1897 na Coruña. Tivo ao seu cargo a Librería de Arte, na rúa Real da Coruña, e colaborou activamente con revista Alfar, da que foi director artístico. Participou en charlas da súa propia librería e do café La Peña, con diferentes intelectuais do momento. Ao longo da súa vida realizou múltiples viaxes e cambios de residencia, pasando por París, Cuba ou México, onde naceron dous dos seus fillos e onde traballou co muralista David Alfaro Siqueiros. En 1933 volveu a España. Tras un ano en Madrid regresou a Galicia, instalándose na Casa da felicidade en Liáns, Oleiros.

O 3 de agosto de 1936 foi detido pola Garda Civil, acusado de actuar contra o réxime militar golpista de Franco. Posteriormente liberado grazas á mediación da súa muller, foi de novo secuestrado o 19 de setembro, capturado por cinco axentes da Brigada Social na pensión da rúa Mariño na Coruña. Foi levado á comisaría, á comandancia militar e despois ao cárcere, aparecendo o seu corpo dez días despois coa cara fendida e as mans amputadas.

Traballos de exhumación dos restos en Bértoa © ARMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.