Os herdeiros de Franco admiten a derrota no caso das esculturas espoliadas en Santiago

Esculturas de Abraham e Isaac, nunha imaxe incluída no inventario de Meirás durante o proceso para recuperar a propiedade pública do pazo CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

O avogado dos netos do ditador comunica a "vontade expresa de cumprir a condena" e indica ao Concello que as pezas do Mestre Mateo están á súa "disposición inmediata" no Pazo de Meirás, onde as deixaron cando o Estado os botou

Unha derrota tan tardía como total. O pasado xuño o Tribunal Supremo condenou os herdeiros de Francisco Franco a devolver ao Concello de Santiago as dúas esculturas do Mestre Mateo que, provenientes da composición orixinal do Pórtico da Gloria, foran espoliadas polo ditador e a súa esposa en 1954. O alto tribunal considerou que os ditames xudiciais previos incorreran en "erros patentes" e acreditou tanto que "as dúas esculturas románicas pertencen ao Concello" como que o goberno local as identificou correctamente para reclamalas no proceso que lanzou en 2017

A contundente sentenza deixaba escasísima marxe de manobra aos Franco, que agora admiten que perderon sen matices. Fano a través dunha carta remitida polo avogado dos netos do xeneral golpista ao Concello a través do seu representante legal no proceso, Xoaquín Monteagudo, comunicación á que puido ter acceso Praza.gal.

As esculturas do Mestre Mateo. nunha imaxe divulgada pola Xunta cando estiveron expostas temporalmente en Santiago CC-BY-SA Xunta

Indica o letrado Juan José Aizcorbe, tamén deputado de Vox no Congreso, que os Franco teñen "vontade expresa de cumprir de maneira voluntaria e total a condena". Tamén de "evitar a apertura de calquera procedemento de execución forzosa" que, argumenta, provocaría un incremento das custas procesuais, que tamén están "dispostos" a pagar sen litigar. 

A alcaldesa, que agradece o labor da asesoría xurídica, de colectivos da memoria histórica e dos ex-alcaldes Noriega e Bugallo para recuperalas, prevé expoñelas "permanentemente" cunha "explicación que fique para as xeracións actuais e vindeiras"

Por iso informa de que as esculturas do Mestre Mateo "están á disposición inmediata do Concello de Santiago" nun lugar ao que "ten acceso" ao "estar en posesión da Administración Xeral do Estado dende o mes de decembro do ano 2020". Isto é, continúan no Pazo de Meirás. Neste sentido, "convida" o Concello a que "coordinen á maior brevidade posible a recollida" e pídelle, asemade, unha "confirmación por escrito da proposta de recollida". Se non existe, agrega, comunicarán ao xulgado "a nosa disposición a cumprir".

Sanmartín pide "buscar a maneira máis rápida de traelas"

A alcaldesa de Santiago vive como "un día grande para o Concello de Santiago e para a sociedade civil" a confirmación de que os Franco "claudican na batalla por seguir sendo os donos dunhas estatuas que, evidentemente, non lles pertencen". Alén da celebración, Goretti Sanmartín confirma que xa deu "instrucións internas" para que o consistorio busque "a maneira máis rápida de traer as estatuas".

Documentos achados polo Concello de Santiago en 2017 sobre a adquisición das esculturas © Concello de Santiago

O goberno local, detalla Sanmartín, porase en contacto tanto co Goberno de España como coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta nun contexto no que, explica, o seu propósito é "traballar da man de persoas expertas" para "buscar o mellor sitio" onde poder ter "expostas permanentemente" as dúas pezas e, canda elas, "unha explicación que fique para as xeracións actuais e vindeiras".

Este, coida a rexedora, é tamén o momento de "recoñecer o traballo" de "todos os colectivos que levan anos deixando a pel para facer realidade que o que foi espoliado e roubado volva onde non debeu saír". Neste sentido, traslada un agradecemento "singular" á asociación O Sorriso de Daniel, mais tamén "aos alcaldes Martiño Noriega e Xosé Sánchez Bugallo" e "ao persoal da Asesoría Xurídica e de Patrimonio do Concello"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.