"Hai cousas ben interesantes, sobre todo para explicar como e que pensaba o ditador e como e que pensaba o réxime". O inventario dos máis de 560 bens que garda o Pazo de Meirás, e que o Estado vén de reclamar aos Franco a través dunha demanda xudicial, inclúe moreas de documentos, informes, proxectos, cartas ou fotografías que levan décadas sen control, coidado nin análise ningunha na antiga residencia de verán do ex-xefe do Estado e da súa familia.
O Pazo de Meirás garda moreas de documentos "moi importantes para explicar como e que pensaban o ditador e o réxime"
Por suposto, ningún historiador puidera acceder ata agora a toda esta documentación que Franco gardaba no seu despacho, na biblioteca ou noutras dependencias dun Pazo -recuperado para o patrimonio público hai case dous anos e aínda pendente dun recurso ante o Supremo- que agochaba papeis de enorme relevancia.
"Non é un caudal enorme pero si hai documentación moi importante que nos dá unha imaxe clara do que pensaba o ditador, do que era o réxime de Franco e tamén do que representaba o Pazo de Meirás no contexto do Estado; era unha residencia de verán, si, pero tamén un lugar de poder", di Emilio Grandío, historiador, profesor da Universidade de Santiago e un dos expertos que participou no inventario do material achado nas Torres. "O inmoble, sen toda esa documentación e todos os bens, é simplemente unha cáscara", explica sobre a relevancia duns papeis que non pode detallar máis ao atoparse aínda en litixio e sub iudice a decisión sobre a súa propiedade.
Entre eses máis de 400 documentos que agora reclama o Estado inclúense reportaxes gráficas e numerosa documentación sobre a guerra civil, varios albumes fotográficos sobre pazos galegos, memorias, orzamentos, informes económicos ou cartas. Mesmo a axenda persoal de Franco de 1955 coas anotacións das reunións do ditador.
Entre os papeis, un informe sobre movementos para instaurar a III República ou a axenda persoal de Franco de 1955
Tamén pezas confidenciais como o expediente de 1963 do denominado Proyecto Cáncer: "informes reservados" sobra a información "dun movemento para instaurar a III República desde Arxel e Illas Canarias, canalizando recursos desde México e países do telón de aceiro". "Contén mapas, planos, recortes de prensa e outros materiais complementarios ás noticias do servizo de información" mais "detalles de persoas", explícase na demanda sobre uns papeis "afectados polo lume" e con follas que "non se poden ler".
Tamén unha "carta reservadísima" do bispo de Burgos ao Xefe do Estado "sobre a creación dunha Facultade de Teoloxía no País Vasco" ou un decreto de 1959 da Nunciatura Apostólica en España -a embaixada da Santa Sede no Estado- "sobre a denominación El Ferrol del Caudillo relativa á diócese de Mondoñedo-Ferrol".
Entre a documentación, moita relacionada coa guerra civil, como un cadro de "ex-cativos polas hordas marxistas de Basauri", álbums fotográficos do conflito ou informes estatísticos dos danos causados en diferentes localidades. Tamén moreas de libros de sinaturas de adhesión ao réxime e ao ditador por parte de ex-militares ou papeis que detallan a "filiación profesional e política" dos elixidos nas eleccións (sic) municipais de 1963.
Hai documentación da guerra civil, listas de adhesións ao réxime, memorias da xudicatura militar ou estudos sobre a entrada de España no Mercado Común
Ademais, o Pazo de Meirás garda tamén un "estudo previo sobre a posible asociación de España ao Mercado Común", de 1962, e outro "relativo a unha nova orde económica que se propugna establecer", datado en 1942. Mesmo acolle un informe sobre as características e as probas realizadas a finais dos anos 60 co mísil INTA S-9, que foi instalado finalmente en varios avións do Exército do Aire. Tamén un proxecto de reforma do "novo estadio do Real Madrid".
Son varios os documentos relacionados con Galicia, como un informe da Dirección General de Enseñanza Primaria que analiza a situación do ensino nesa etapa educativa no país, o anteproxecto de 1959 para a instalación dunha refinería de petróleos en Vigo "cunha capacidade de 1.200.000 toneladas anuais de petróleo cru" ou unha memoria da "investigación magnética" levada a cabo na Serra da Capelada en 1943.
Tamén documentos previos ao golpe de estado e a chegada do xeneral fascista ao poder, como unha fotografía de 1922 da delegación galega "ante o ministro de Fomento pedindo o Ferrocarril Central Galego", un proxecto ferroviario que cruzaba Galicia do suroeste ao nordeste unindo Marín e Ribadeo, pasando por Lalín, Monterroso e Lugo. Tamén, do mesmo ano, o "título de académico correspondente da Real Academia Galega a favor de don José Coubes Pego" e asinado por Manuel Murguía.
Alén disto, nos papeis de Meirás atópanse documentos que deitan máis luz aínda sobre o evidente uso como residencia oficial do Estado do Pazo de Meirás e doutros inmobles que foron adquiridos polo ditador como consecuencia do seu cargo e que os seus herdeiros reclaman como propios malia seren patrimonio público. Proxectos para a instalación eléctrica ou de calefacción central en Meirás ou unha carta do daquela xerente de Fenosa, Benigno Quiroga, a Ricardo Catoira, "intendente da Casa Civil do Xefe de Estado" e secretario de Franco, "comunicándolle o envío do proxecto e orzamento para instalar calefacción e auga quente no palacio de Cornide".
Catoira foi quen en 1962 enviou unha carta desde o Pazo de Meirás ao daquela subsecretario de Facenda, Juan Sánchez-Cortés y Dávila na que se evidenciaba a suposta fraude cometida na compravenda, precisamente, da Casa Cornide a través dunha poxa amañada co obxectivo de satisfacer o “desexo” de Franco e da súa dona, Carmen Polo sobre unha propiedade á venda en internet e que agora reclama para o patrimonio público o Concello da Coruña.
Entre os papeis gardados por Franco hai orzamentos para obras no Pazo, na Casa Cornide e na residencia familiar do ditador en Madrid
É o mesmo Catoira o que aparece "como intermediario" nunha operación á que fai referencia un "expediente" achado no Pazo "con documentación contable coas obras de adaptación da Residencia Hermanos Bécquer número 8 de Madrid". O enderezo correspóndese co domicilio de cinco dos netos de Franco e da inmobiliaria familiar Pristina, tal e como se pode comprobar na propia demanda que o Estado presenta contra os herdeiros do ditador.
Ademais, entre a extensa documentación das Torres de Meirás hai tamén unha memoria dos fiscais militares do Consello Supremo de Xustiza Militar de 1948, programas de actos na honra de Eva Duarte, a "árbore xenealóxica dos familiares de Francisco Franco" ou a "certificación de carta xenealóxica dunha vaca Rubia Galega cos índices de crecemento e desenvolvemento persoal".
"Que no Pazo se garden documentos do Estado tan importantes é moi preocupante desde o punto de vista democrático", di Pérez Lorenzo
"No Pazo de Meirás resulta que se estaban gardando documentos oficiais do Estado moi relevantes, algo moi preocupante desde o punto de vista dunha democracia seria", reflexiona o historiador Manuel Pérez Lorenzo, implicado tamén no inventario das Torres e autor de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio. "Que nun inmoble que permanece en estado de practicamente abandono durante uns vinte anos se garden documentos tan importantes do Estado é moi indicativo. Aí vese esa confusión entre o público e o privado, que é o que enguedella todo e o que dificultou e dificulta todo o proceso de recuperación das Torres e do que hai dentro", di.
"É unha tradición en España e un gran problema. En Meirás gardábanse todos estes documentos, pero é que a Fundación Francisco Franco ten tamén moitos, ao igual que son fundacións privadas as que gardan papeis de Adolfo Suárez ou Arias Navarro", di Emilio Grandío, que advirte da "dificultade de acceso" a todos estes fondos documentais como "o gran problema". "Non é normal e é algo que noutras sociedades occidentais do noso contexto non ocorre", engade.
"Que esta documentación estea en Meirás dá conta do incompleto que foi o tránsito á democracia", di Fernández Prieto
"É moi significativo que isto ocorra e a anomalía que supón vémolo cando reparamos en que o FBI vén de entrar na casa de Donald Trump por levar documentación como presidente dos EUA que non lle pertence a el senón ao Estado", reflexiona Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea na USC. "Que estes documentos estean en Meirás dános a medida do que fai a ditadura e do incompleto que foi e as dificultades que tivo o tránsito á democracia; esquecemos e clausuramos o pasado en todos os seus sentidos", engade.
"Houbo que esperar case 50 anos para reclamar algo que un particular non pode ter; desde o século XIX, toda a documentación deste tipo e que ten que ver co Estado está en arquivos públicos. O franquismo privatizou esa custodia dos documentos, pero nin os gardaba nin os disciplinaba", lamenta Fernández Prieto.
"Meirás representa mellor o franquismo que Cuelgamuros"
Para Emilio Grandío, pola súa banda, a presenza de todos estes documentos en Meirás non fai máis que ratificar a idea de que o Pazo representa "o poder do Estado, da Corte que se traslada a un lugar". "Por iso, toda esa documentación debería conservase alí como un conxunto", di quen cre que as Torres, en Sada, "son moito máis representativas do que foi o franquismo que o Valle de los Caídos".
"É unha imaxe moito máis fiel do que a ditadura quería representar cara a fóra que Cuelgamuros. O Valle de los Caídos é un símbolo da vitoria militar, dunha reconciliación frustrada, mentres que o Pazo transmite esa imaxe de orde, tranquilidade, tradición, xerarquía... Esa idea que todas as ditaduras pretenden de que non hai futuro, senón unicamente pasado e presente", explica Grandío, que cre tamén que Meirás é "a imaxe constante que se difunde de Galicia cara ao exterior durante 40 anos: o verde, a tranquilidade, a calma e mesmo unha volta ao pasado, a unha etapa medieval".
"Entendo mellor a imaxe e propaganda que quere transmitir o franquismo con esa candea acesa que tiña Franco en Meirás todas as noites, esa especie de descanso do guerreiro que sempre está vixilante", remata.