O conselleiro de Cultura confirma que a familia do ditador recorreu a multa de 3.000 euros por non abriren o histórico edificio coruñés como manda a lei propoñendo "unha fórmula de colaboración" para "permitir as aperturas"
O pasado 2023 e co retorno ao patrimonio público do Pazo de Meirás como pano de fondo, a Xunta declarou como Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide da Coruña. O histórico edificio foi propiedade do historiador, político e ilustrado José Cornide (1734-1803). A súa familia doouno ao Concello, que á súa vez o traspasou ao Estado para convertelo en escola ata que volveu á propiedade municipal e, en 1962, unha poxa controlada por destacados franquistas locais permitiu que acabase nas mans do ditador e a súa esposa, Carmen Polo.
A condición BIC obriga os herdeiros do xeneral golpista, entre outros aspectos, a abrir a Casa Cornide para "visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día". Pero, como fixeran en Meirás, optaron por unha insubmisión que, tras advertir a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) á Valedora do Pobo, deu lugar a unha proposta de sanción de 3.000 euros por parte da Xunta.
Como en toda sanción administrativa, a multa aos Franco contemplou un prazo de alegacións. E este pasado venres, en declaracións aos medios durante a súa visita á Real Academia Galega, o conselleiro de Cultura confirmou que fixeron uso del. Recorreron, explica José López Campos, para pedir ao Goberno galego que "aclare os aspectos a apertura". Pero tamén para expoñeren a "posibilidade de buscar unha fórmula de colaboración" pola vía dun "convenio para permitir as aperturas".
Máis alá de que o propio conselleiro evidencia que, como propietarios dun BIC, teñen "responsabilidade legal" de cumprir co réxime de apertura sen ningún acordo adicional e agrega que persoal técnico do seu departamento abordará o recurso dende esa perspectiva, o movemento dos Franco non é novo. Encamíñase a tentaren lograr un acordo como o que conseguiron entre 2011 e 2012 para abrir Meirás, engraxados con algo máis de 50.000 euros públicos achegados pola Xunta.
Convenios e excepcións en Meirás
A apertura de Meirás ao público mediante a declaración BIC non foi, nin de lonxe, un camiño doado. O proceso lanzouno en 2006 o Goberno de coalición PSdeG-BNG, impulsouno o Concello de Sada en 2007 e cristalizou nun decreto en decembro de 2008. Polo medio, recursos administrativos e xudiciais que non remataron ata 2010, cando o último intento dos Franco naufragou no Supremo.
Naquela altura na Xunta xa non gobernaban socialistas e nacionalistas, senón o PP de Alberto Núñez Feijóo, cuxo Goberno dera en apelar á "prudencia" e á "negociación" para conseguir a apertura. En efecto, a negociación que os Franco piden agora na Casa Cornide existiu en Meirás e incluíu cartos públicos, ademais dalgunhas excepcións como frear as visitas "durante os días en que a familia" se atopase "aloxada no pazo, pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma".
O Goberno de Feijóo chegou a asinar cos Franco dous convenios e unha engádega para sufragar "os custos derivados" de abrir Meirás en eidos como a seguridade que ascenderon entre 2011 e 2012 a 53.713 euros
Os acordos quedaran plasmados, como informou Praza.gal, en dous convenios e unha engádega con desigual reparto de obrigas. A familia de Franco "garantía a apertura" de Meirás á que estaba obrigada pola lei. E a Xunta asumía "os custos derivados" das visitas en eidos como a seguridade e mais comprometíase a "facerse cargo da cobertura dos danos materiais que se puidesen producir (...) mediante a contratación dunha póliza de seguro".
Traducido a euros, o gasto público en animar os Franco a cumprir coa lei ascendeu a 53.713 euros procedentes das arcas da Xunta. A partir de 2013 o Goberno galego deixou de poñer cartos para as aperturas de Meirás. De aí en diante, a familia optou por outras estratexias como encomendar a xestión das visitas á Fundación Francisco Franco, que as convertera en actos de exaltación fascista. Así sucedeu ata que, finalmente, o Goberno de España accedeu a litigar pola propiedade pública do pazo.