Falar da relación entre a Xunta e o Pazo de Meirás é falar de controversia. O anterior Goberno galego iniciou os trámites para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o pazo entregado por subscrición popular forzosa a Francisco Franco e correspondeulle ao actual Executivo culminar o expediente, o que implicou poñer en marcha o réxime de visitas ao público que deriva de tal condición. Dende o inicio da apertura a controversia veu dada polos gastos que derivan da mesma, como seguridade ou guías. Dende as asociacións pola defensa da memoria histórica veuse reclamando, ademais da "devolución" do edificio, que fose a familia do ditador e non as arcas públicas quen asumise eses custos. Tamén dende a oposición parlamentaria se ten censurado que os cartos dos impostos vaian destinados a tal fin. Pero esas achegas mantivéronse a última, o pasado marzo, en forma de convenio entre os Franco e a Consellería de Cultura e Educación por importe de 21.200 euros.
As achegas do Goberno galego para a seguridade privada do recinto superan xa os 50.000 euros en apenas dous anos
O importe do novo acordo vén de coñecerse en virtude da obriga que a Lei de Transparencia lles impón a todos os departamentos gobernamentais de dar a coñecer periodicamente os convenios asinados con diversas entidades e institucións. Como ten informado Praza, xa o Valedor do Pobo informara á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de que a principios deste 2012 estaba "en tramitación un convenio similar, nas mesmas condicións de visita que durante o ano pasado", isto é, cos custos de seguridade e guías asumidos polo Goberno galego e, ademais, con certos privilexios para a familia do golpista, tales como vetar as visitas cando os Franco se atopan de vacacións en Meirás.
Así as cousas, canto leva gastado xa a Xunta para garantir a seguridade do recinto mentres é visitado? Cando menos, unha cantidade que xa supera os 50.000 euros en virtude de tres acordos coa, en terminoloxía da Xunta, "propiedade do Pazo de Meirás". O primeiro convenio asinouse para pór en marcha as visitas de 2011. En abril dese ano o daquela secretario xeral da antiga Consellería de Cultura, Antonio Fernández Campa, recoñecía que, malia non figurar ningunha "obriga" na Lei de Patrimonio Cultural, a Xunta decidira asumir os gastos do servizo de seguridade privada en Meirás. O gasto, revelaba a preguntas da oposición no Parlamento, fóra de 9.513 euros.
A esa chega inicial engadiríase outra, decidida poucos meses despois e coñecida en setembro do mesmo ano. En pleno mes de agosto Cultura e os Franco pactar unha "addenda" ao convenio inicial, cun impacto adicional de 23.000 euros para as arcas públicas. Este fóra o último gasto coñecido ata este xoves, cos devanditos 21.200 euros. Deste xeito, van destinados xa á seguridade de Meirás cando menos 53.713 euros nun contexto no que, ademais de estar libres de pagamentos, os herdeiros do ditador dispoñen de facilidades e trato preferente. Non a preguntas da oposición, pero si do Valedor, o Goberno galego admitiu que unha cláusula dos convenios asinados -a Lei de Transparencia obriga a facer público o obxecto e o importe, pero non o texto exacto- inclúe a posibilidade de "dispensar do cumprimento da obriga de apertura para visitas públicas, de forma puntual e excepcional, en atención ás circunstancias concorrentes". Unha desas circunstancias son "as visitas durante os días en que a familia [Franco]" está "aloxada no pazo pola imposibilidade de garantir a seguridade da mesma”.