A publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns da incoación do procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide da Coruña, propiedade dos Franco, reduce a marxe de manobra da familia do ditador ante calquera intención de venda ou operación na histórica vivenda. O edificio da Cidade Vella conta desde xa cunha protección integral "inmediata e provisoria" --que será definitiva nun prazo máximo de dous anos-- que abrangue tamén "a totalidade dos bens existentes no interior do inmoble e que constitúen xunto a este unha unidade singular".
A incoación do proceso para declarar BIC a Casa Cornide garante a súa protección "inmediata e provisoria" ante as actuacións dos Franco
Foi o Concello da Coruña quen solicitou o pasado mes de novembro a declaración BIC e cuxo impulso conta cos informes favorables do Consello da Cultura Galega, a Universidade da Coruña e a Real Academia Galega, as tres institucións consultadas na tramitación. Agora, co informe engadido dos seus servizos técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúe que a Casa Cornide pode ser considerada "como un monumento de carácter sobranceiro que constitúe un exemplo moi escaso da arquitectura residencial deseñada e construída na época da Ilustración en Galicia".
Patrimonio Cultural destaca a "relación" da Casa Cornide coa "residencia dunha das máis destacadas personalidades en Galicia e en España do Século das Luces, José Andrés Cornide Folgueira e Saavedra", e que "ocupa un lugar de relevancia e moi significativo no contexto urbano da Cidade Vella da Coruña".
Persoal técnico de Patrimonio Cultural accederá ao interior do inmoble para unha "completa documentación" dos bens existentes
Agora, para "completar e precisar o alcance da protección", persoal técnico designado por Patrimonio Cultural deberá acceder ao seu interior para unha "completa documentación" dos bens mobles existentes e "determinar a sua relación co monumento e os seus valores culturais". Mentres, e de forma cautelar e provisional, seralles de aplicación a protección que a lei "establece para os monumentos e as súas partes integrantes e o resto de bens vinculados".
Co réxime de protección BIC que agora se aplica, a Casa Cornide e todo o que hai nela queda protexido contra as posibles operacións que poidan levar a cabo os Franco, algunhas recentes e xa denunciadas. No pasado Nadal, varios obxectos foran retirados do interior do inmoble e trasladados en furgoneta a unha localización descoñecida, tal e como advertira veciñanza da Cidade Vella da Coruña e denunciara o BNG.
Os Franco manteñen a casa á venda nun portal de internet e diversos bens ligados á Casa Cornide xa afloraron no mercado de antigüidades
Case ao tempo, tal e como adiantara Praza.gal, diversos bens ligados á Casa Cornide afloraron no mercado de antigüidades, en pleno proceso para a recuperación para o patrimonio público do inmoble. Testemuños de varios anticuarios acreditaron que varias pezas de importante valor que permanecían no edificio estaban xa á venda en tendas especializadas da Coruña.
A venda de bens vinculados á Casa Cornide chegara só uns meses despois de que os Franco puxesen tamén á venda o propio edificio nun portal inmobiliario de Vigo, onde aínda segue en oferta. O avogado da familia do ditador xa asegurara que os netos do xeneral fascista "declararon os impostos da herdanza da súa nai e poden poñer á venda calquera inmoble da súa propiedade".
Coa protección BIC agora aplicada, tal e como se aclara no DOG, os Franco estarán obrigados, entre outras cousas, a pedir autorización á Xunta para calquera intervención na casa. Ademais, deberán "conservar, manter e custodiar debidamente" o inmoble e "permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas".
Desde xa, os Franco deberán abrir ao público a Casa Cornide, pedir permiso á Xunta para calquera intervención e "conservar, manter e custodiar" o inmoble
A familia do ditador, desde este luns, está tamén obrigada a "comunicar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise" o inmoble e que "afecte de forma significativa o seu valor cultural", así como, permitir "a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente". Unha apertura de portas que, no caso do Pazo de Meirás, fora sempre atrancada polos Franco.
Por outra banda, tal e como especifica a Lei de Patrimonio Cultural, calquera pretensión de transmisión da propiedade deberá ser notificada á Xunta, así como calquera traslado de bens. Do mesmo xeito, o réxime BIC implica que "o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente".
O paso que agora dá a Xunta a petición do Concello da Coruña supón un seguro máis nun proceso no que a administración local pretende a marcha dos Franco do inmoble. De feito, só unha semana despois de que o Estado oficializase a expulsión da familia do ditador do Pazo de Meirás, o Concello coruñés anunciou que iniciaría accións legais para recuperar para o patrimonio público o inmoble, logo de que o informe xurídico encargado polo goberno local á Universidade da Coruña (UDC) avalase a decisión municipal de acudir á Xustiza. No documento, os expertos advirten das irregularidades e a "simulación" levada a cabo na venda do edificio ao ditador.
"Pezas de incalculable valor histórico"
Desde o Concello da Coruña, a súa alcaldesa, Inés Rey, cre que a incoación do BIC avala as accións que levou a cabo desde o principio do mandato o goberno local "co fin de recuperar o edificio espoliado pola familia Franco" e que culminarán, unha vez que se distinga coa catalogación dos bens, cun proceso xudicial para “lle devolver á cidade un patrimonio que é de todas e todos os veciños da Coruña”
Inés Rey agarda que pronto se poida facer un inventario do que se atopa dentro do edificio xa que, segundo as persoas expertas, "podería haber pezas dun incalculable valor histórico". Tamén sinalou que os servizos xurídicos do Concello están estudando a vía xudicial que garanta a maior seguridade de cara a "recuperar esta xoia da Ilustración".