Os Franco poñen á venda a Casa Cornide mentres se celebra o xuízo polo Pazo de Meirás

Casa Cornide, na Coruña, propiedade da familia Franco Dominio Público Zarateman

Unha inmobiliaria de Vigo ofrece a Casa Cornide como "exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente en 2018"

A familia Franco pon en venda a Casa Cornide. En plena celebración do xuízo --que comezou este luns-- pola demanda do Estado para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público, un portal inmobiliario de internet ofrece este edificio de estilo barroco, de preto de 1.500 metros cadrados, situado na Cidade Vella da Coruña e que é tamén reclamado por diferentes formacións políticas e administracións para que volva ás mans dos poderes públicos. 

O portal, dunha inmobiliaria de Vigo, presenta este histórico inmoble como unha "propiedade única no centro da Coruña" e "exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e recentemente en 2018". 

A Casa Cornide, en venda, nun portal web inmobiliario CC-BY-SA Praza Pública

A inmobiliaria Philippot&Lloyd non pon prezo á casa ("a consultar", especifica) destaca que "se ben require unha reforma integral, os materiais existentes atópanse en perfecto estado de conservación". E asegura que o conxunto das tres estancias "dota ao inmoble dun aspecto señorial ou palaciego". 

A Casa Cornide foi obtida para os Franco por Barrié de la Maza nunha poxa supostamente amañada; unha carta do secretario do ditador desvela a artimaña


Neste xoves, e durante outra xornada do xuízo polo Pazo de Meirás, o avogado da familia Franco, Luis Felipe Utrera Molina, defendeu que os seus clientes poden pór á venda "calquera propiedade que sexa súa". "Declararon os impostos da herdanza da súa nai e poden pór á venda calquera inmoble da súa propiedade", dixo en referencia á Casa Cornide. 

A Casa Cornide, antiga propiedade do historiador, político e ilustrado José Cornide, fora doada por esta familia ao Concello da Coruña para acabar funcionando como escola e ser propiedade do Ministerio de Educación. A administración local e o Estado permutaron propiedades para que a primeira volvese gozar da propiedade do edificio, ata que decidiu sacala a poxa pública tras un acordo da corporación municipal que prohibía volver vendelo nun prazo de dez anos.

Pedro Barrié de la Maza, home de prol do franquismo, financeiro das tropas fascistas e impulsor da compra do Pazo de Meirás, acudiu á poxa xunto a outro militante fascista, o falanxista José Luis Amor Fernández. O banqueiro impúxose e obtivo o inmoble tras pagar pouco máis de 300.000 pesetas. 

Foi o 2 de agosto de 1962. Un día antes, o secretario persoal do ditador, Ricardo Catoira, enviaba unha carta desde o Pazo de Meirás ao daquela subsecretario de Facenda, Juan Sánchez-Cortés y Dávila na que se evidencia a suposta fraude cometida na compravenda da Casa Cornide a través dunha poxa amañada co obxectivo de satisfacer o “desexo” de Franco e da súa dona, Carmen Polo. 

Manuel P. Lorenzo e Carlos Babío, declarando no xuízo do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Nunca fora feita pública desde que se atopou no Archivo General de Palacio, procedente da Casa Civil do Xefe do Estado. Praza.gal fíxoo hai case un ano, logo de que o seu contido fose xa desvelado polos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo na súa obra Meirás. Un pazo. Un caudillo. Un espolio.

Precisamente, estes dous historiadores foron este martes protagonistas no xuízo do Pazo de Meirás que se desenvolve na Audiencia Provincial da Coruña. Citados como peritos, na súa declaración certificaron as intimidacións que o bando franquista levou a cabo en varios concellos da provincia da Coruña para recadar cartos entre a veciñanza para a adquisición das Torres para o ditador, así como a intención real de dotar así dunha residencia ao xefe do Estado, e non a unha persoa particular, e o uso de persoal e fondos públicos para o mantemento do inmoble. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.