Varias das testemuñas citadas na primeira xornada do xuízo do Pazo de Meirás, logo de que o Estado demandase os Franco para a recuperación do inmoble, ratificaron que persoal das administracións públicas prestou servizos nas Torres ata a morte do ditador e mesmo nalgúns casos despois do seu falecemento.
Varias das testemuñas ratificaron que persoal das administracións públicas prestou servizo no Pazo de Meirás durante a ditadura e despois dela
No xuízo, o Estado busca demostrar que a compra do Pazo por parte de Franco foi "simulada e fraudulenta" e que foi empregado como residencia do xefe de Estado e con uso público, polo que sería propiedade estatal. Precisamente, foi este último argumento o que varios testemuños certificaron mentres os letrados da familia do ditador, coas declaracións das testemuñas solicitadas, tentaron facer ver que foron os herdeiros do xeneral fascista os que sufragaron os gastos derivados do mantemento do inmoble, especialmente despois do incendio que sufriu en 1978.
Pero mesmo nese caso, unha das testemuñas solicitadas polos Franco acabou por recoñecer o uso de persoal público no inmoble. Luis Fernando Quiroga y Piñeyro, sogro dunha das demandas, neta do ditador, insistiu no elevado gasto e no "esforzo" levado a cabo pola familia para restaurar o Pazo tras a chegada da democracia, pero advertiu de que durante a ditadura, e uns días antes de que os herdeiros gozasen das súas vacacións en Sada, "o Exército ía alí e pintaba superficialmente". "Non arranxaban nada, non se aproveitaron da Xefatura do Estado para deixar aquilo como un palacio", recuou a testemuña, en contra do argumento do Estado, que insiste en que foi a Administración central quen sufragou o mantemento, a vixilancia ou as obras das Torres.
Testemuños advertiron de que persoal do Concello da Coruña, do Exército ou da Garda Civil traballaron no inmoble en diferentes momentos
Antes, un veciño de Meirás explicou que gardas civís vixiaron durante anos o Pazo nun labor que se mantivo ata os 80, e advertiu de que "traballadores da Comandancia de Obras e xardineiros do Concello da Coruña" tamén acudían ao inmoble "para preparalo" nos días previos á chegada do ditador e da súa familia no verán. Ademais, aclarou que tras a morte do ditador, mantívose durante anos a presenza de gardas civís no recinto, o último deles outro axente da Benemérita que estivo desde 1982 ata 1990.
Precisamente, este último garda civil que prestou servizo dentro do Pazo, José Suárez, aclarou que el foi quen exerceu como guardia hortelano eses anos, que vivía dentro do inmoble e que lle pagaba a Garda Civil malia que vixiaba a propiedade dos Franco, onde colaboraba tamén na limpeza. De feito, chegou a aclarar que era co secretario dos herdeiros cos que falaba das cuestións relacionadas coas Torres e admitiu que estivo destinado anos noutra propiedade da muller do xeneral fascista en Oviedo.
No mesmo sentido, outra testemuña, funcionario do Concello da Coruña, asegurou que nos 60 e 70 bombeiros da cidade "levaban auga ao pazo" e participaron na extinción do incendio de 1978. Así, destacou que nos informes que el mesmo realizou sobre aqueles labores se indicaba que todos os anos, no verán, unha motobomba do parque coruñés levaba auga a Meirás sen que conste que esas saídas fosen pagadas, aínda que tiñan que ser xustificadas por levarse a cabo fóra do termo municipal.
Un veciño de Meirás lebrou que a súa avoa foi "presionada" e "expulsada da súa casa" para que os Franco se fixesen co Pazo
Tamén xardineiros ou canteiros do Concello da Coruña terían colaborado en labores nas Torres segundo asegurou un veciño de Meirás, que aclarou que camións do Exército colaboraron na extinción do incendio de 1978. Ademais, lembrou que a súa avoa foi "expulsada da súa casa" e "presionada" para que marchase cando os Franco quedaron co Pazo.
Mentres os letrados do Estado, a Xunta, a Deputación ou os Concellos da Coruña e Sada teimaban na idea de que persoal público traballou no Pazo durante anos, os avogados dos Franco insistían en amosar que eran estes os que sufragaban as obras, tamén de rehabilitación. Así, o ex-alcalde de Sada, e recoñecido franquista, Ramón Rodríguez Ares, dixo non constarlle que poderes públicos tivesen feito algo no inmoble despois de 1978, asentando así na principal argumentación dos herdeiros do ditador: a inacción e mesmo desleixo das administracións durante décadas respecto da propiedade.
Ramón Rodríguez Ares, ex-alcalde de Sada, asegura que o Pazo de Meirás "sempre foi unha propiedade privada"
"Fálase de recuperación pero para recuperar algo ten que ter sido de alguén antes e isto sempre foi unha propiedade privada", chegou a dicir Rodríguez Ares, que dixo non ter falado nunca coa familia Franco sobre a lexitimidade da súa propiedade sobre o Pazo e que lembrou as negociacións da Deputación da Coruña, a través do seu presidente daquela, Romay Beccaría, coa famlia Franco para adquirir as Torres, e mesmo as conversas co Concello da Coruña polo mesmo motivo. A idea, unha vez máis dos Franco, de evidenciar que a propiedade por parte dos herdeiros do ditador foi "asumida" polos entes públicos.
No mesmo sentido se manifestou Quiroga y Piñeyro, que recordou a súa petición, mediando polos Franco, ao daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, para que o Goberno autonómico participase nas obras de rehabilitación tras o incendio. "Dixo que non era posible axudar", disque lle dixo o político xa falecido. "En política non me metín para nada", asegurou despois ao ser preguntado polos movementos de reivindicación para que Meirás tornase en patrimonio público e tras asegurar que "en absoluto" as administracións públicas se fixeron "cargo" de "algo" desde 1975.
"É un día histórico"
Antes do comezo do xuízo, o avogado dos Franco, Luis Felipe Utrera Molina, advertiu de que detrás do xuízo do Pazo de Meirás, hai "un transfondo político". "O que se defende é unha propiedade dun inmoble, esperamos que non haxa ningunha implicación de tipo político porque é de natureza civil", alertou quen quixo desvincular calquera circunstancia do seu contexto político.
O avogado dos Franco pide "que non haxa ningunha implicación de tipo político porque é de natureza civil"
"O que realmente se trata é a discusión da propiedade dun inmoble que tanto o Estado como o resto das institucións que comparecen abandonaron por completo no ano 75 e só le lembraron diso 44 anos despois", dixo, ratificando a argumentación que vai empregar a familia do ditador e que fora xa adiantada hai meses. "Non se acordaron cando se destruíu, non se acordaron cando se incendiou, cando houbo que reconstruílo e acórdanse agora", insistiu.
"Son os lexítimos propietarios que estiveron mantendo e pagando todos os impostos do pazo durante os ultimos 45 anos", asegurou Utrera Molina fronte aos argumentos da Avogacía do Estado, que presentou a demanda, e das demais partes que se sumaron: a Xunta, os Concellos de Sada e da Coruña e a Deputación provincial.
Pola súa banda, o alcalde de Sada, Benito Portela, cualificou de "histórico" o día por ser "o inicio da gran recuperación da dignidade das vítimas do réxime" e advertiu de que durante moitos anos Meirás foi "o epicentro do réxime fascista" e un "símbolo".
Ademais, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Fernando Souto, mostrouse "optimista" nun "momento histórico, moi ilusionante e de moita alegría". Na súa opinión, desde este xuízo, "cambiará o concepto de doazón ao de venda simulada", agregou.
Antes do inicio do xuízo, no exterior da Audiencia Provindcial da Coruña concentráronse tamén unha vintena de persoas con partas nas que se podía ler "Fascismo, nunca máis. Fin da impunidade xa" e"Acción civil pro-devolución".