Unha furgoneta retira mobles da Casa Cornide ás portas do inicio do proceso para que os Franco devolvan o edificio

A furgoneta, saíndo do interior da Casa Cornide, está mañá CC-BY-SA BNG

Varios mobles foron retirados na mañá deste martes do interior da Casa Cornide, na Coruña, e trasladados en furgoneta a unha localización descoñecida, segundo informa o xornal La Opinión. Ignórase igualmente o contido exacto da furgoneta ou os elementos concretos que foron sacados do edificio. 

O edificio está ás portas de iniciar un proceso que podería devolver a súa titularidade a mans públicas

O inmoble é propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco, pero está ás portas de iniciar un proceso que podería devolver a súa titularidade a mans públicas. Por unha banda, a Xunta iniciou os trámites para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) e, ademais, o Concello da Coruña prevé activar en breve os mecanismos legais para recuperar o patrimonio público da Casa Cornide, reclamándoa nos tribunais por irregularidades e "simulación" na venda aos Franco.

Fachada principal da Casa Cornide, na Coruña © Xunta

O BNG denuncia que a familia Franco "está a extraer os bens da Cornide diante da posibilidade de perderen tamén este inmóbel"

O BNG, que foi alertado da situación pola veciñanza da zona, denunciou que a familia Franco "está a extraer os bens da Cornide diante da posibilidade de perderen tamén este inmóbel", despois de verse obrigados a entregar o Pazo de Meirás hai unhas semanas. O Bloque cre que con este movemento os herdeiros de ditador buscarían adiantarse a un inventario que rexistre o contido da Casa Cornide e que evitaría que subtraesen este elementos do seu interior. A formación nacionalista urxe ao Goberno municipal a "formalizar a demanda para que o palacete volva ao pobo da Coruña" e a solicitar que se faga un inventario do que se atopa dentro "para evitar calquera tentativa de saqueo".

Nas semanas anteriores á devolución do Pazo de Meirás vivíronse varios episodios nos que a familia Franco ameazou con levar o contido do inmoble ou foi acusada de querer facelo. No mes de novembro técnicos da Consellería de Cultura levaron a cabo un inventario do interior do Pazo de Meirás, co obxectivo de catalogar e detallar os bens existentes no inmoble e evitar que ningunha peza fose trasladada antes da entrega do inmoble ao Estado. 

A furgoneta, saíndo do interior da Casa Cornide, está mañá CC-BY-SA BNG

A poucas semanas da devolución do Pazo de Meirás ao Estado, a familia Franco asegurou nunha entrevista publicada polo xornal La Razón que tiña preparados "entre trinta e cincuenta camións" para baleirar o edificio

No medio deste proceso, a familia Franco asegurou nunha entrevista publicada polo xornal La Razón que tiña preparados "entre trinta e cincuenta camións" para facer a "mudanza" e baleirar o Pazo de Meirás. Os herdeiros do ditador nunca chegaron a cumprir a súa ameaza, pero as súas palabras foron tidas en conta polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que nun auto prohibiu aos Franco retirar do interior do Pazo de Meirás os bens mobles ou inmobles que o compoñen, dando validez ás declaracións nas que a familia pretendía "proceder á retirada de pezas ou elementos que estarían unidos de maneira fixa e permanente ás leiras, ao edificio ou ás construcións anexas que se inclúen no inmoble obxecto da reivindicación". A sentenza lembraba que "nos atopamos ante un inmoble declarado ben de interese cultural, o que implica que goce dunha protección integral que se estende a todos os seus elementos e compoñentes".

Mentres que no caso do Pazo de Meirás a familia Franco ameazou publicamente con retirar elementos do seu interior, aínda que finalmente non chegou a facelo, na Casa Cornide semella ter feito exactamente o contrario

De igual xeito, este verán coñeceuse que a familia Franco puxera a Casa Cornide á venda en paralelo á celebración do xuízo sobre o Pazo de Meirás. Aínda que a atención estaba fixada nese momento no pazo sadense, en realidade xa se puxeran en marcha os procesos que nos vindeiros meses poderían rematar coa devolución da Casa Cornide a mans públicas. 

Mentres que no caso do Pazo de Meirás a familia Franco ameazou publicamente con retirar elementos do seu interior, aínda que finalmente non chegou a facelo, na Casa Cornide semella ter feito exactamente o contrario. Nesta ocasión os herdeiros do ditador non reclamaron en público os seus supostos dereitos sobre o edificio e o seu contido ou realizaron declaracións sobre a súa intención de retirar os bens que contén o inmoble. En cambio, directamente actuaron para subtraer un número descoñecido de mobles.

A Casa Cornide Dominio Público Zarateman

A Casa Cornide, unha propiedade pública obtida polos Franco nunha poxa supostamente amañada

O inmoble foi doado pola familia do ilustrado José Cornide ao Concello da Coruña para acabar funcionando como escola e ser propiedade do Ministerio de Educación

A Casa Cornide, antiga propiedade do historiador, político e ilustrado José Cornide, fora doada por esta familia ao Concello da Coruña para acabar funcionando como escola e ser propiedade do Ministerio de Educación. A administración local e o Estado permutaron propiedades para que a primeira volvese gozar da propiedade do edificio, ata que decidiu sacala a poxa pública tras un acordo da corporación municipal que prohibía volver vendelo nun prazo de dez anos.

A Casa Cornide foi obtida para os Franco polo financeiro Pedro Barrié de la Maza nunha poxa supostamente amañada

A Casa Cornide foi obtida para os Franco polo financeiro Pedro Barrié de la Maza nunha poxa supostamente amañada; unha carta do secretario do ditador desvela a artimaña. Barrié de la Maza acudiu á poxa xunto a outro militante fascista, o falanxista José Luis Amor Fernández. O banqueiro impúxose e obtivo o inmoble tras pagar pouco máis de 300.000 pesetas. Foi o 2 de agosto de 1962. Un día antes, o secretario persoal do ditador, Ricardo Catoira, enviaba unha carta desde o Pazo de Meirás ao daquela subsecretario de Facenda, Juan Sánchez-Cortés y Dávila na que se evidenciaa suposta fraude cometida na compravenda da Casa Cornide a través dunha poxa amañada co obxectivo de satisfacer o “desexo” de Franco e da súa dona, Carmen Polo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.