Bens ligados á Casa Cornide afloran no mercado de antigüidades en pleno proceso para botar os Franco

Casa Cornide, na Cidade Vella da Coruña © Concello da Coruña

Diversos bens ligados á Casa Cornide afloran desde hai algunhas semanas no mercado de antigüidades, en pleno proceso para a recuperación para o patrimonio público deste inmoble da zona vella da Coruña propiedade da familia Franco. 

Testemuños de varios anticuarios acreditan a posta á venda de pezas de importante valor que permanecían na Casa Cornide

Testemuños de varios anticuarios acreditan que varias pezas de importante valor que permanecían na Casa Cornide están xa á venda en tendas de antigüidades da Coruña. "Está máis que confirmado e é vox populi no sector desde hai algún tempo", confirma a Praza.gal un anticuario da cidade que prefire non facer público o establecemento ao que os Franco ou persoas vinculadas á familia venderon, aseguran, varios bens agora a disposición do público. Entre eles, cerámica, esculturas, tallas de madeira, porcelanas ou obras de arte. 

Unha furgoneta saíndo da Casa Cornide o pasado 22 de decembro CC-BY-SA BNG

A saída á venda destas pezas procedentes da Casa Cornide é coñecida desde hai algún tempo no mercado das antigüidades, onde outro testemuño dun anticuario advirte da presenza de cadros de elevado valor e apunta á posibilidade de obras de Fernando Álvarez de Sotomayor. 

"Para sacar dun inmoble obxectos que sumen un valor de centos de miles de euros no mercado non fai falta levar un camión, abonda con dúas caixas nun coche"

Entre historiadores expertos na memoria histórica en Galicia corría o rumor desde hai tempo sobre unhas ofertas que vinculan tamén coa masiva posta en venda nos últimos meses en coñecidos portais de internet de obxectos que relacionan co patrimonio acumulado polo ditador durante as súas estancias no verán en Sada e na Coruña. Xusto cando varias administracións iniciaron o proceso para desposuír os Franco da titularidade da Casa Cornide. 

"Para sacar dun inmoble obxectos que sumen un valor de centos de miles de euros no mercado non fai falta levar un camión, abonda con dúas caixas nun coche", advirte en conversa con Praza.gal un destes anticuarios --que prefire manter o anonimato-- sobre a facilidade coa que os Franco teñen para vender moreas de pezas que o ditador e a súa muller acumularon durante décadas na propia Casa Cornide ou no Pazo de Meirás. 

O pasado 22 de decembro, varios obxectos foran retirados da Casa Cornide nunha furgoneta

Precisamente, o pasado 22 de decembro, varios obxectos foran retirados do interior da Casa Cornide e trasladados en furgoneta a unha localización descoñecida, tal e como advertira veciñanza da Cidade Vella da Coruña e denunciara o BNG. Agora, coñécese a proliferación de pezas vinculadas a ese inmoble no mercado de antigüidades, ben porque a ese edificio pertencían ou, máis seguramente, porque alí foron depositadas tras seren adquiridas polos Franco durante anos. "O que non vendan a casas de aquí, acabará en casas de poxas en Madrid", aseguran fontes do sector. 

"O caso é que nin se sabe nin se saberá o que alí había exactamente", aseguran diversas voces de historiadores expertos sobre o franquismo, que advirten tamén que, mentres o edificio non goce dunha especial protección nin a xustiza determine a imposibilidade de retirar bens --como ocorre agora co Pazo de Meirás-- os Franco poderán seguir actuando con impunidade no que ten que ver coa venda de obxectos obtidos durante a etapa do ditador como xefe do Estado. 

Fachada principal da Casa Cornide, na Coruña © Xunta

Todo acontece cando Xunta e Concello da Coruña están en pleno proceso para botar os Franco da Casa Cornide. Desde o Goberno galego ultímanse os trámites para declarar o inmoble Ben de Interese Cultural (BIC) e está só á espera de recibir os informes técnicos encargados ao Consello da Cultura Galega, a Real Academia de Belas Artes e a Universidade da Coruña para incoar o expediente e publicar no DOG a declaración. 

A Xunta ultima os trámites para declarar BIC a Casa Cornide e o Concello da Coruña xa anunciou accións legais para recuperala para o patrimonio público

Foi precisamente o Concello da Coruña quen iniciou o proceso para a protección da Casa Cornide, achegando un informe de expertos no que se analizaban as características artísticas, históricas e arquitectónicas do edificio. 

Ademais, e só unha semana despois de que o Estado oficializase a expulsión dos Franco do Pazo de Meirás, o Concello anunciou que iniciará accións legais para recuperar para o patrimonio público a Casa Cornide, logo de que o informe xurídico encargado polo goberno local á Universidade da Coruña (UDC) avalase a decisión municipal de acudir á Xustiza. No documento, os expertos advirten das irregularidades e a "simulación" levada a cabo na venda do inmoble ao ditador. 

A venda de bens vinculados á Casa Cornide sinalada por varios anticuarios chega só uns meses despois de que os Franco puxesen tamén á venda o propio edificio nun portal inmobiliario de Vigo, onde aínda segue en oferta. O avogado da familia do ditador xa asegurara que os netos do xeneral fascista "declararon os impostos da herdanza da súa nai e poden poñer á venda calquera inmoble da súa propiedade". 

Noutros portais de compravenda de obxectos aparecen, á marxe dos bens sinalados polos anticuarios, algunhas outras reliquias que historiadores consultados por Praza.gal sinalan como bens que ben poderían estar relacionados tamén, dunha ou doutra maneira, cos Franco. Entre esas posibilidades, un manuscrito do historiador, político e ilustrado José Cornide, primeiro propietario da Casa Cornide, valorado en miles de euros e cuxa última localización coñecida era a biblioteca do Consulado, a libraría pública máis antiga da cidade. 

Concentración na Coruña pola causa contra activistas denunciados pola familia Franco CC-BY-NC-SA Galiza Nova

Arrinca o xuízo a unha "acción simbólica"

Por outra banda, os nove activistas militantes do BNG denunciados pola familia Franco logo dunha protesta en 2017 na Casa Cornide vincularon os feitos cunha "acción simbólica" para denunciar un "espolio" e exixir que o inmoble fose devolto "ao pobo galego". Foi o que argumentaron durante a súa declaración no xuízo que se iniciou este xoves. 

Os nove activistas denunciados polos Franco por unha protesta na Casa Cornide vinculan a acción a unha "acción simbólica" para denunciar un "espolio"

Nunha concentración previa, un grupo de persoas apoiou os encausados e a deputada do BNG no Parlamento Mercedes Queixas cualificou de "mundo ao revés" a denuncia dos Franco, ademais de reclamar que se declare de maneira urxente BIC a Casa Cornide. 

Unha das denunciadas, Elvira Branco, xustificou a acción do outono de 2017 na "finalidade de chamar a atención de que en Galicia hai inmobles roubados polos Franco", nun argumento que repetiron na súa declaración nos xulgados o resto de denunciados: Armando Carril, Manuel Méndez, Carolina Fernández, Andrés López, Salvador González, Óscar Calvo, Daniel Carballada e Bieito Lobeira.

Todos eles advertiron dunha acción "simbólica" e "pacífica", mentres que o avogado dos Franco pediu que fosen condenados por un delito leve de coaccións, logo de que o maxistrado non lle permitise a posiblidade de formular cuestións xa rexeitadas pola Audiencia Provincial, como a posibilidade de que fosen xulgados por delitos de vulneración de morada ou de odio. 

A defensa, pola súa banda, pediu a absolución dos nove activistas que, dixo, só levaron a cabo "un exercicio de liberdade de expresión". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.