A RAG insta a López Campos a que o posible pacto lingüístico implique derrogar o decreto do ensino

O conselleiro López Campos, na sede provisional da RAG no polígono coruñés de Pocomaco, acompañado por Valentín García (dereita) e recibido por Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo © RAG

O conselleiro é recibido na Academia no marco da súa rolda de contactos para un "pacto pola lingua" nunha semana marcada pola mobilización de Queremos Galego e a dimisión do coordinador de Cultura do PPdeG alegando discrepancias en política lingüística

A semana principiou entre os ecos do concorrido acto da plataforma Queremos Galego para esixir un cambio de rumbo na política lingüística. Continuou coa axitación interna no PPdeG a causa da dimisión do seu coordinador de cultura, Daniel Chapela, alegando, precisamente, fondas discrepancias nesta materia. Mentres, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude continuou coa súa rolda de visitas para expresar a que, asegura, segue sendo a vontade do Goberno: fiar un novo "pacto pola lingua" vinte anos despois do escasamente aplicado Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Esa xeira de contactos levou este venres a José López Campos á sede provisional da Real Academia Galega. Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, foi recibido polo presidente da institución académica, Víctor Freixanes, e o vicesecretario e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo. Alén do ton cordial, ambos resumiron ao conselleiro a posición que a RAG vén anos expoñendo: "preocupación" e esixencia dun "cambio de rumbo" que pase por un pacto, mais tamén por mudanzas políticas concretas.

Recepción ao conselleiro de Cultura e ao secretario xeral da Lingua na sede provisional da RAG, este 22 de novembro de 2024 © RAG

"Cómpre abrir un novo tempo que signifique superar o actual modelo de políticas lingüísticas, entre elas o decreto 79/2010", subliñou Freixanes no encontro en referencia ao denominado decreto do plurilingüismo co que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo remudou o aprobado tres anos antes polo Goberno de coalición, que aplicaba o fixado no PXNLG. O vixente decreto, evidencia o presidente da RAG, "limita o uso do galego no ensino", polo que cómpre "superalo" nun momento no que "necesitamos unha intervención urxente".

Freixanes: "Cómpre abrir un novo tempo que signifique superar o actual modelo de políticas lingüísticas, entre elas o decreto 79/2010, que limita o uso do galego no ensino"

"Non podemos mirar para outro lado" e é preciso "un gran pacto entre as forzas políticas con representación no Parlamento", resalta Freixanes. Na súa opinión, "se estas non son quen de se poñer de acordo para garantir o futuro dun patrimonio común tan fundamental como é a nosa lingua, a sociedade, o pobo, váillelo demandar".

Lembra a RAG que esta "reivindicación non é nova" porque leva tempo clamando polo "cambio de rumbo na política lingüística que permita reverter a perda de falantes, especialmente acusada entre a poboación de menor idade". Nesta liña, recordan, no último Día das Letras o propio Freixanes pediu un "novo horizonte para a lingua que corrixa erros e abra esperanzas" e, unha vez confirmada a tendencia da perda de falantes cos recentes datos do IGE, a Academia volveu advertir de "que urxe mudar de estratexias dende a procura de consensos".

Posicións coma estas serán desenvolvidas "proximamente" nun "novo informe sobre a situación do idioma" que ultima o Seminario de Sociolingüística da institución. O documento tamén proporá "posibles liñas de actuación para o futuro".

López Campos asegura que "canto máis nos reunimos, máis detectamos que é moito máis o que nos une" e reclama menos "crispación" política sobre o idioma

O conselleiro López Campos, pola súa banda, asegura tras a xuntanza que "canto máis nos reunimos, máis detectamos que é moitísimo máis o que nos une que o que nos separa" cara á posible consecución dun pacto lingüístico. Por iso, asegura, cómpre menor "crispación" política ao respecto.

O encontro coa RAG, agrega, encádrase na devandita rolda de contactos cara á que, "por parte da Xunta, elaborouse un texto de base no que se recollen as liñas básicas para acadar ese pacto pola lingua que favoreza a presenza do galego e moi diversos ámbitos e grupos de poboación e que ten vontade de enriquecerse coas propostas que vaian xurdindo no proceso". Esas "bases", engade, "contemplan a renovación" do PXNLG "coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.