O galego "continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio". É unha das principais conclusións que a Xunta tira dos datos de coñecemento e uso do galego actualizados este venres polo IGE, unhas cifras que constatan que o castelán xa é o idioma predominante en Galicia.
O Goberno galego salienta que "sete de cada dez persoas se comunican en lingua galega" e pon o foco na "poboación procedente do exterior" como fonte de "incremento de castelanfalantes" e "nicho de potenciais neofalantes"
No marco da presentación das novidades do sitio web neofalantes.gal, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, considerou destacable que apenas "un 29,20% manifesta utilizar unicamente o castelán de maneira habitual". Por ese motivo, sinala, a interpretación do Goberno é que "sete de cada dez persoas se comunican en lingua galega" nun contexto no que, incide, "a poboación procedente do exterior inflúe directamente no incremento de castelanfalantes" e vira tamén nun "nicho de potenciais neofalantes" de galego nos que a Xunta, di, quere incidir.
Mentres a Xunta salienta os devanditos datos e se congratula de que, "en maior ou menor medida o galego falado é entendido nun 93,37%" dos casos, a Real Academia Galega (RAG) observa un panorama "sombrío". "Por primeira vez, o galego non é a lingua maioritaria", lamenta o coordinador do Seminario de Sociolingüística e vicesecretario da institución, Henrique Monteagudo, en referencia á comparación dos datos coñecidos este 11 de outubro coas anteriores catro edicións da enquisa, que o IGE realiza cada cinco anos dende 2003.
Monteagudo: "Ninguén que queira que o galego teña futuro pode negar que cómpre un cambio de rumbo drástico; achégase un momento no que non se vai poder reverter a situación"
Resalta Monteagudo que se os resultados son negativos en xeral, nos "grupos de idade máis novos" a "situación é realmente límite", con "pouco máis dun 15%" da poboación de 5 a 14 anos como "galegofalante habitual". Agora, considera, "o que toca é unha reflexión seria, honesta, sincera" sobre "o que está facendo cadaquén nas súas responsabilidades cara ao idioma". E esa reflexión, engade, "a quen lle toca máis en profundidade é ao Goberno galego" por ser "quen dirixe o proceso" e quen ten "recursos para cambiar as cousas".
Neste sentido, o vicesecretario da RAG advirte de que "ninguén que queira que o galego teña futuro pode negar que hai que facer un cambio de rumbo drástico". Porque, alerta Monteagudo, "achégase un momento no que non se vai poder reverter a situación" de devalo no uso da lingua propia de Galicia "se non se toman decisións xa".
O galego está nunha situación "límite", advirten BNG e PSdeG
Tamén os dous grupos da actual oposición parlamentaria sinalan á Xunta e ínstana a mudar a política lingüística ante uns datos que, para a portavoz nacional do BNG, confirman "até que punto a política de acoso e derribo do PP contra o galego está sendo eficaz". "Lévanos a unha situación na que está en risco a propia supervivencia do idioma", afirma Ana Pontón.
Pontón: "Lévannos a unha situación de risco da propia supervivencia do idioma"
A xuízo da líder do Bloque os "demoledores" datos do IGE "deixan en evidencia como as políticas contra o galego do PP fan que cada vez haxa menos nenas, nenos e adolescentes que usen o noso idioma". Esa constatación, cre, supón que "están atacando o que máis nos une como sociedade, a lingua propia de Galiza" con accións coma o decreto de uso de linguas no ensino vixente dende 2010. "O informe do IGE mostra a caída en picado do uso do galego na primeira xeración educada integramente baixo esa normativa", lamenta.
A xuízo de Pontón, o Goberno de Alfonso Rueda debería "empezar por recoñecer o problema en lugar de seguir impasible vendo como a lingua se desangra" por mor dunha "política premeditada" que "empezou co agora presidente por tras da pancarta nunha manifestación contra o galego". Nunha "situación crítica", conclúe, Rueda "debería estar anunciando que vai suprimir o decreto da vergoña "e "convocar as forzas políticas, porque está en xogo o futuro da nosa lingua".
O PSdeG coida que os datos "dan a medida das consecuencias das políticas galegofóbicas do Goberno galego"
Pola banda do PSdeG a súa deputada e voceira en materia de Lingua, Silvia Longueira, interpreta os datos como unha "emenda á totalidade das políticas de lingua" da Xunta. A caída de galegofalantes reflectida nos datos, coida, "dá a medida das consecuencias das políticas galegofóbicas do Goberno galego" e dun presidente "que chegou por tras da pancarta de Galicia Bilingüe" e "hoxe está máis preto dunha Galicia monolingüe en castelán".
"Chegados a este punto e cos datos enriba da mesa, se un compañeiro meu fose secretario xeral de Política Lingüística recomendaríalle que presentase de inmediato a súa dimisión". Porque os datos, resalta, "evidencian unha alarmante situación despois de 15 anos de medidas de descrédito do idioma dende as propias institucións autonómicas", mesmo "desatendendo" as alertas do Consello de Europa sobre o incumprimento da Carta Europea das Linguas.