- EN VINTE | Vinte falando. En que fala a xente nova na Galicia dos anos vinte?
- EN VINTE | Neofalantes en Twitter: "O meu propósito deste ano é falar galego"
Esta semana o Instituto Galego de Estatística actualizará o módulo de "coñecemento e uso do galego" da súa enquisa estrutural a fogares con datos correspondentes a 2023. Cinco anos despois da súa anterior edición, coñecida en 2018 con cifras do ano previo, o estudo devolverá cando menos durante uns días ao debate público a cuestión do idioma e a súa saúde.
A campaña 'Saca a lingua que levas dentro' presenta o galego como "elemento clave da nosa identidade" e pon o foco tamén nos "novos galegos e galegas", persoas provenientes do exterior ás que a consellería ofrecerá cursos do idioma e a cultura de Galicia
En vésperas desta publicación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de presentar en sociedade unha campaña de comunicación con certas semellanzas de concepto e estéticas coas dos últimos anos dos gobernos de Manuel Fraga -caso da titulada Entre nós, en galego-. Ou mesmo con algunha das accións de movementos a prol do idioma críticos coas políticas lingüísticas dos primeiros anos de Feijóo na Xunta. E acompañouna, ao tempo, con varios anuncios na materia entre os que destaca unha primeira cita cos grupos políticos á procura do que o conselleiro José López Campos denomina "un gran pacto pola lingua", convocada para o vindeiro día 24.
Saca a lingua que levas dentro é o lema dunha campaña que, sinalan López Campos e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, pretende incidir no galego como "elemento clave da nosa identidade". E que encadran, din, no "desafío" de "prestixiar e atraer xente cara ao noso idioma". Isto é, fomentar o neofalantismo de persoas nadas en Galicia pero tamén de "persoas provenientes do exterior", os "novos galegos e galegas".
O conselleiro López Campos e o secretario xeral da Lingua, encadran a campaña nun plan de "cincuenta medidas" para "impulsar o emprego" do galego que, din, lanzarán "cara ao ano 2025"
Trátase, abondan, de "alimentar o arraigamento, o orgullo e o sentimento de pertenza a través da lingua" como vía "efectiva e afectiva" de fomentar o seu emprego. Neste contexto, sinala García, é no que o seu departamento ofertará "máis dun cento de cursos de lingua e cultura galegas a persoas procedentes do exterior" como parte dun "plan de cincuenta medidas cara ao ano 2025" para "impulsar o emprego" do galego "en distintos ámbitos e en todos os contextos da sociedade".
O lanzamento destas accións formativas, avanzan, incluirá o "contacto con asociacións e entidades que traballan coas comunidades dos distintos países de procedencia" para "artellalos á medida das súas singularidades". Os cursos terán modalidade en liña e presencial.
Xunto á procura de neofalantes chegados doutros lugares do mundo, ese "plan de cincuenta medidas", di López Campos, tamén incluirá "outras encamiñadas ao impulso do neofalantismo". Caso dun "espazo de lecer que funcione como un repositorio de contidos musicais e audiovisuais" en galego ou outras "centradas no aproveitamento das tecnoloxías e o espazos dixitais".