O pasado setembro o Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa publicou o seu sexto informe de avaliación sobre o cumprimento desta norma no Reino de España. Para o galego puxo o foco na necesidade de garantir a atención na lingua propia de Galicia nos servizos sanitarios, pero tamén regresou sobre outros aspectos recorrentes en avaliacións previas: o ensino.
Sobre a presenza do galego nas aulas o informe o Consello de Europa insistiu na necesidade "eliminar as limitacións" que "impiden que o galego poida usarse" nas materias de ciencias ou en que a lingua galega "só está presente nunha parte das escolas infantís". Ademais, subliñaba que os datos dispoñibles no IGE "non confirman" as "afirmacións" da Xunta segundo as cales está lograda a adquisición de "competencia análoga" en galego e castelán" no sistema educativo e advertía das protestas d'A Mesa pola Normalización Lingüística pola menor presenza do galego en colexios urbanos, así como polas limitacións do vixente decreto de uso das linguas no ensino.
Adicionalmente, o Consello de Europa advertiu doutra eiva xa sinalada tamén en Galicia no pasado por algunhas entidades. "A inspección educativa é a responsable de controlar o uso do galego no ensino; non obstante, os seus informes periódicos non semellan estar publicados, malia estar dispoñibles algúns datos lingüísticos no software de xestión educativa XADE". Desa aplicación informática bota man a Xunta para, en resposta ao Consello, asegurar que en realidade galego e castelán si gozan de "equilibrio" nas aulas.
A partir dos datos de horarios lectivos das diferentes materias tirados do software de xestión educativa XADE o Goberno indica que o galego ten unha presenza de entre o 46,1% e o 50% en primaria e entre o 43,5% e o 49,3% en Bacharelato
A través de dúas capturas de senllas extraccións de datos do XADE, o Goberno galego reflicte a suma de horas das diferentes materias escolares en Primaria e Bacharelato -non na ESO- en función do idioma que teñen "asignado" para a súa impartición. Trátase de cifras datadas en xaneiro de 2024 para o curso escolar en marcha nese momento e desagregadas en función da poboación dos concellos nos que se atopan os centros escolares.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, segundo esas cifras a presenza do galego no horario lectivo oscila entre o 46,1% e o 50% en Primaria e entre o 43,5% e o 49,3% en Bacharelato. A Xunta acompaña os números indicando que o decreto do ano 2010 "estipula que as materias impartidas en galego e castelán" deben contar con "igual porcentaxe de horas lectivas semanais" e "se as materias son impartidas nunha lingua estranxeira, fundamentalmente inglés, un terzo do horario semanal debe ser asignado a cada idioma".
Tras expoñer os datos, a Xunta inclúe unha "consideración final". "Debe concluírse, ao contrario da opinión expresada polo Comité de Expertos, que os compromisos" de equilibrio entre galego e castelán "están completamente acadados".
As cifras reflicten a agregación de formularios que os centros educativos enchen indicando a lingua "asignada" a cada materia, non resultados de controis que acrediten o idioma é empregado en realidade
Así e todo, fontes educativas consultadas por Praza.gal advirten de que esas táboas de asignación horaria por idiomas non son, necesariamente, un reflexo da realidade das aulas. Reflicten a agregación de formularios que os centros educativos enchen indicando, entre outros aspectos, que lingua ten "asignada" cada materia para ser impartida. Non se trata, daquela, dos resultados de controis ou inspeccións nos que a Consellería acredite que idioma é empregado efectivamente en cada centro e materia, senón un reflexo do que acontecería se esa asignación se cumprise en todo caso.
Deste xeito, unha materia pode ter "asignado" o galego e ser realmente impartida en castelán -ou viceversa- sen que os datos de XADE varíen. Neste sentido, este xornal puido acreditar casos de materias que teñen asignado o galego que son recorrentemente impartidas en castelán e tamén, por exemplo, a decisión dun centro escolar dunha vila de impartir Matemáticas en galego malia á prohibición expresa da normativa vixente dado que o alumnado é maioritariamente galegofalante e, ilustran, "conta en galego".
As notas das materias lingüísticas
Xunto aos datos de reparto do horario lectivo por idiomas, a Xunta tamén afirma ao Consello de Europa que galego e castelán están equilibrados nas aulas apoiándose nas notas que o alumnado logra nas materias lingüísticas. Para facelo recorre outra vez ao XADE que, subliña, recolle os resultados de todos os centros educativos, tanto públicos como privados.
A Xunta tamén apoia a súa defensa do "equilibrio" amosando que as cualificacións medias de Galego, Castelán e Inglés roldan o 7 en Primaria e o 6 tanto na ESO como no Bacharelato
"Este sistema -indican- permite á administración educativa comprobar, monitorizar e asegurarse do cumprimento do equilibrio entre os idiomas cooficiais en cada colexio e aula, así como avaliar o desempeño académico baseándose nas notas asignadas polo profesorado aos estudantes". A continuación, amosan unha táboa segundo a cal as notas medias na materia de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e mais Inglés roldan o 7 en Primaria e están arredor da cualificación do 6 tanto na ESO como no Bacharelato.
Tanto a avaliación do Comité do Consello de Europa como as respostas e cifras ofrecidas pola Xunta chegaron en vésperas duns días nos que, previsiblemente, as cifras de uso do galego volverán ecoar con forza no debate público porque o Instituto Galego de Estatística se dispón esta mesma semana a publicar novos datos ao respecto tras un traballo de campo realizado en 2023. Os anteriores datan de 2018 e indicaban, entre outros aspectos, que o galego resistía como lingua maioritaria da metade da poboación, pero tamén que un cuarto da infancia non sabía falar galego e case a metade só usaba o castelán ou que a quebra na transmisión xeracional do galego certificaba a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua.