"As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma”, di Monteagudo
A Real Academia Galega reaccionou este mércores ao sexto informe da comisión de expertos do Consello de Europa encargada de analizar o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en España, coñecido este martes. A RAG insta as autoridades galegas "a executaren as recomendacións de actuación inmediata" sinaladas no documento, que sinalou eivas en sectores como a sanidade, a xustiza ou o ensino.
O informe incluía catro recomendacións de acción inmediata, entre elas a "eliminación das limitacións" que "impiden que o galego poida usarse" nas materias escolares de ciencias. Tamén pide "asegurar" que "as instalacións de atención social como hospitais, residencias da terceira idade e albergues ofrecen o uso do galego". Así mesmo, chama a atención sobre a vulneración da Carta por parte da administración da Xustiza e denuncia a falta de medidas para protexer o galego en Asturias, Castela e León e Cáceres.
O informe incluía catro recomendacións de acción inmediata , entre elas a "eliminación das limitacións" que "impiden que o galego poida usarse" nas materias escolares de ciencias
A RAG pide a adopción de medidas por parte da Xunta e doutras administración para a solución das eivas denunciadas polo Consello de Europa. "As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma”, conclúe Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG na tribuna publicada hoxe na páxina web da institución.
No texto incide no incumprimento da obriga de establecer unha liña educativa en galego, catalán e éuscaro desde o ensino infantil ata a Universidade, "previsión que nunca se cumpriu no noso caso", sinala. "A inexistencia de tal liña educativa en galego foi reiteradamente denunciada por ese Comité, que, coherentemente, criticou con dureza o Decreto chamado do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta de Galicia en 2010 e vixente aínda na actualidade”, detalla Monteagudo.
En canto ás autoridades xudiciais, Monteagudo considera que son “as primeiras en incumprir a Carta”
En canto ás autoridades xudiciais, Henrique Monteagudo considera que son “as primeiras en incumprir a Carta” e recorda que o último informe do Consello de Europa é especialmente enfático en volver a esixir que os tribunais leven a cabo os procedementos penais, civís e administrativos en galego a instancia de parte.
Sobre o galego nas comarcas estremeiras, o documento recomenda con respecto ao galego de Asturias ou galego-asturiano o seu recoñecemento como lingua oficial no Estatuto de Autonomía da comunidade veciña, medidas para o seu uso na educación infantil, o incremento da súa presenza na secundaria ou o aumento do seu uso nos medios de comunicación.
O documento recomenda o recoñecemento do galego de Asturias como lingua oficial no seu Estatuto de Autonomía
Para o caso do galego en Castela e León, falado no Bierzo e na comarca de Seabra, o Comité pide que se desenvolva o seu uso nos medios e que se dote dun financiamento específico as organizacións que apoian a súa protección e promoción. Para a Fala de Cáceres, propóñense medidas na mesma liña, ademais do apoio aos traballos iniciados para a elaboración dunha ortografía común da Fala.
A RAG fai estas recomendacións na véspera do Día Europeo das Linguas, que se celebra este xoves 26 de setembro. O seu presidente, Víctor F. Freixanes, participará este xoves no acto conmemorativo que terá lugar no Congreso dos Deputados
A Real Academia Galega fai estas recomendacións na véspera do Día Europeo das Linguas, que se celebra este xoves 26 de setembro. A este respecto, Henrique Monteagudo destaca que “o Día Europeo das Linguas ofrece un motivo de celebración, mais tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade".
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participará este xoves no acto conmemorativo do Día Europeo das Linguas que terá lugar no Congreso dos Deputados, un ano despois de que o Parlamento español recoñecese plenamente o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións e documentos. A Real Academia Galega tamén estará presente na oitava reunión do Consello das Linguas Oficiais da Administración Xeral do Estado. Henrique Monteagudo representará a institución no encontro convocado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que se desenvolverá na Universitat d’Alacant.