Vinte anos do plan unánime para o galego que virou 'radical'

Capa da primeira edición do PXNLG (2004) e diversas imaxes ligadas ao plan e ao uso e reivindicación do galego CC-BY-NC-SA Praza.gal

Cando alguén obtén unha praza para traballar na Xunta, o Goberno galego facilítalle o acceso ao Manual de acollida. Trátase dunha publicación concibida para "facilitar a incorporación" do persoal público achegándoo a diversos aspectos do traballo diario. Unha das áreas sobre as que é informado é a normalización lingüística e, dentro desta, o Manual bosquexa a importancia dun "dos avances máis importantes en política de extensión do uso social do galego", o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG).

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega naceu en 2004 ao abeiro da unanimidade parlamentaria. Media década despois, o Goberno de Feijóo reduciuno a "remuíño de ideas"

Esta publicación de uso interno é un dos últimos reflexos que, cando menos sobre o papel, o Goberno galego deu a un documento que está a piques de facer vinte anos con boa parte dos seus preceptos aínda pendentes de cumprir. Así sucede malia tratarse dun plan que foi froito dun amplo traballo dunha comisión técnica e sete comisións sectoriais, culminado despois por un consenso político que frutificou, o 21 de setembro de 2004, nunha votación unánime do Parlamento, composto como agora por PP, BNG e PSdeG.

Bancada do Goberno galego, con Feijóo en primeiro plano, durante o debate final do PXNLG, o 21 de setembro de 2004 © Arquivo Parlamento de Galicia

Dáse a circunstancia de que un plan impulsado dende o ámbito institucional e que, apoiado en diversos sectores sociais, frutificou de vez no eido parlamentario e gobernamental, acabou co tempo regresando ao espazo social e reivindicativo. En boa medida pola renuncia do Goberno galego a aplicalo, especialmente nos primeiros compases do retorno do PP á Xunta en 2009 cando, da man do daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo reduciu o Plan Xeral a un "remuíño de ideas" ou, como moito, a unha "referencia".

A Plataforma Queremos Galego reivindica no Día das Letras Galegas deste 2024 a aplicación íntegra do plan tras anos nos que varias das súas propostas foron caricaturizadas como radicais na contorna do PP

A reivindicación a aplicación do PXNLG está este ano na cerna da mobilización da Plataforma Queremos Galego polo Día das Letras. Considera o colectivo que o groso das máis de 400 medidas contidas non plan "non só non se desenvolveron, senón que sufriron importantes retrocesos". 

Mentres, dende o PP e sectores afíns -non así dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística- sitúase a esta plataforma e as súas reivindicacións no ámbito da radicalidade. Así o fixeran tamén Feijóo, o actual presidente Rueda e outros cargos cando o Goberno de coalición PSdeG-BNG, que tomou posesión menos dun ano despois da aprobación unánime do PXNLG, comezou a aplicar o plan en ámbitos como o ensino para garantir que, cando menos, a metade das materias escolares fosen impartidas en lingua galega.

Diagnóstico que sobrevive 

Participantes na experiencia de inmersión lingüística no Concello de Ames dentro do programa 'Modo galego, actívao! © RAG

Case dúas décadas despois, boa parte da diagnose e algunhas das propostas do PXNLG ecoan máis no eido reivindicativo ca no executivo ou gobernamental. Por exemplo, á hora de contrastar os "puntos fortes" do idioma, como "unha base social moi ampla de falantes", a "presenza en todo o territorio", a existencia dos medios públicos de comunicación ou a "mellora da imaxe e da presenza pública" cos "puntos débiles" ou materias pendentes.

A diagnose apuntaba fortalezas como a "base social moi ampla de falantes" e debilidades como a "ausencia case total do galego nas escolas infantís" ou a "escasa efectividade" das "axudas aos medios privados para aumentar o uso" do idioma 

Así, xa daquela o Plan prendía luces de alertas sobre elementos como o aumento "do número de pais que crían os fillos en castelán" ou a "persistencia de inercias non galeguizadoras nas clases altas". Pero tamén a "escasa sintonía dos sectores económico e empresarial" cos movementos a prol do galego, que "os transmisores afectivos da lingua son vellos", a "utilización ritual do galego por parte dalgúns cargos públicos" ou mesmo a "incoherencia de certas entidades que celebran o Día das Letras Galegas pero o resto do ano son indiferentes ou contrarias ao uso da lingua galega".

Neste sentido, o documento oficial evidenciaba feitos como a "ausencia case total do galego nas garderías e escolas infantís, maiormente nas privadas, que están creando xeracións novas impermeables o galego" ou que "a CRTVG non deu chegado aínda á audiencia xuvenil e urbana". Tamén a "escasa efectividade" das "axudas oficiais aos medios privados para aumentar o uso do galego" porque, admitía, "o pouco galego que aparece é o que se paga".

Sala de prensa no complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Propostas derrogadas ou pendentes

Sobre diagnósticos coma estes, o Plan fixaba obxectivos xerais que despois serían repetidos, tamén, máis no eido reivindicativo, tales como "garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións". E facíao xuntando principios xerais con medidas moi concretas, algunhas delas que chegaron a ser aplicadas e despois derrogadas, outras parcialmente executadas e outras que continúan pendentes vinte anos despois.

O Goberno PSdeG-BNG aplicou literalmente o Plan no seu decreto do galego no ensino, derrogado por Feijóo ao chegar á Xunta alegando loita contra a "imposición"

O ensino é, posiblemente, o mellor exemplo de avance e retroceso na aplicación do Plan. Así, no ano 2007 o Goberno de coalición aprobou un novo decreto do uso do galego no ensino con medidas coma o devandito mínimo do 50% da docencia en galego en todos os niveis e a súa ligazón a materias do eido científico ou técnico como as matemáticas, habitualmente instaladas no castelán.

Malia chegar a transcribir literalmente o estipulado no PXNLG, en 2010, Feijóo cumpriu a súa promesa de derrogar o decreto -que fora inicialmente pactado tamén co PP-, reduciu a presenza da lingua propia nas aulas e vetouna explicitamente de materias como as matemáticas alegando loita contra a "imposición". Ao tempo, excluíu as escolas infantís das accións de normalización lingüística mediante o redeseño gráfico e político das antigas Galescolas, malia responderen tamén ao mesmo Plan.

Indicacións do PXNLG en 2004 para o ensino e aplicación no decreto de 2007, derrogado en 2010 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Pero o Plan Xeral ía moi alén do ensino. Así, por exemplo, propuña medidas concretas como condicionar as "subvencións á produción en galego" nos xornais "a cambio dunha porcentaxe" de contidos na lingua propia de Galicia efectivamente publicados "e non a priori" ou varias liñas para "modernizar" a programación da CRTVG e procurar un maior achegamento á mocidade.

Da Igrexa ou as orquestras á tecnoloxía

O plan bosquexaba accións que nunca se aplicaron e outras que si comezan a xermolar, como o Proxecto Nós para facilitar a incorporación do galego en ferramentas como a tradución automática ou a síntese de voz

Tamén se centraba en ámbitos tan diversos como a galeguización da liturxia católica mediante a negociación coa Igrexa, pero tamén con accións como unha campaña baixo o lema Deus, que nos deu a palabra, enténdeas todas (tamén o galego)-. Resaltaba, igualmente, a importancia de que o galego fose un idioma de uso normal no repertorio das orquestras de verbena ou en diversas actividades empresariais e tecnolóxicas. 

Asemade, o PXNLG bosquexaba accións que aínda vinte anos despois están a xermolar ou asentarse, tales como propiciar o acceso en galego a producións audiovisuais internacionais. Ou tamén "potenciar a investigación da tradución automática, o recoñecemento e a síntese de voz, e outras novas técnicas que faciliten a opción positiva no mercado da información e da comunicación, e que aseguren a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna", o que actualmente cristaliza no Proxecto Nós.

Imaxe dun vídeo promocional do 'Proxecto Nós' CC-BY-SA USC / Xunta

Con todo este pano de fondo, esta semana o novo conselleiro con competencias en materia de Lingua, José López Campos, comparecía por primeira vez no Parlamento realizando aos grupos parlamentaros unha chamada a teceren os "consensos necesarios para seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os ámbitos" e facelo "desde a cordialidade e a liberdade" para "traballar xuntos nunha das grandes riquezas de Galicia". Non se detivo, non obstante, en concretar a aplicación do Plan unánime que está a piques de facer vinte anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.