O 21 de setembro de 2004 o Parlamento aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, elaborado coas achegas de entidades de todo tipo e que incluía 445 medidas correctoras que a Xunta se comprometía a levar a cabo
O 21 de setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), elaborado baixo pola Dirección Xeral de Política Lingüística pero a través da participación dun milleiro de persoas de entidades de todo tipo (sindicatos, asociacións culturais, lingüísticas...) e que incluía unha análise do estado sociolingüístico de cada sector e unha serie de 445 medidas correctoras que a Xunta se comprometía a levar a cabo. Coincidindo co vinte aniversario da aprobación do Plan de Normalización, a plataforma Queremos Galego chama a atención sobre o incumprimento de moitas das medidas e propostas que contiña
O vindeiro venres 17 de maio ás 12 horas a entidade convoca unha manifestación en Compostela baixo o lema 'Un idioma galego vivo é a mellor garantía dunha Galiza viva' que reclamará accións a favor do galego en todos os ámbitos, "para reverter a situación de emerxencia lingüística" e fará fincapé na falta de aplicación dunha parte importante das medidas do Plan nestes 20 anos que "non só non se desenvolveron, senón que sufriron importantes retrocesos".
O manifesto da marcha que terá lugar o 17 de maio fai un chamamento ás administracións, en especial á Xunta, para que asuman "a súa responsabilidade legal e moral co idioma" e acompañen "a sociedade que actúa e se mobiliza día a día"
O manifesto da marcha, que se pode asinar en liña, será lido pola actriz María Vázquez. Na web da plataforma pode consultarse a oferta de autobuses que ese día realizarán cun prezo simbólico (5 euros) desprazamentos de ida e volta a Santiago dende A Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, A Mariña, Pontevedra, Ferrol e Vilagarcía de Arousa.
No texto sublíñase que "precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo" e faise un chamamento ás administracións, en especial á Xunta, para que asuman "a súa responsabilidade legal e moral co idioma" e acompañen "a sociedade que actúa e se mobiliza día a día".
"Cómpre darlle a volta á regresión que vén sufrindo o PXNLG" e "comezar unha nova etapa de avances para o galego", dixo Marcos Maceiras
Na presentación da convocatoria, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego, asegurou que "cómpre darlle a volta á regresión que vén sufrindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística nos últimos anos" e "comezar unha nova etapa de avances para o galego".
A desaparición do galego nas escolas infantís, as dificultades para as aulas en galego con EDIXGAL, a ausencia de contidos audiovisuais infantís en RTVE, entre as críticas de Queremos Galego
Algúns exemplos do panorama actual sobre a lingua denunciados por Maceira son "a desaparición do galego nas escolas infantís, as dificultades para as aulas en galego con EDIXGAL, a ausencia de contidos audiovisuais infantís en RTVE, o acceso ás webs da administración por defecto en castelán, os servizos que non entenden nin atenden en galego" e "a nova vaga de deturpación da toponimia". "O resultado de todos estes obstáculos", engadiu Maceira, "é o descenso de falantes".
"As accións necesarias para reverter o descenso no uso do galego están aprobadas desde hai case 20 anos no Plan", concluíu Maceira, facendo un chamamento ao Goberno galego e a todas as forzas políticas a acadar un "compromiso" para a súa aplicación
"As accións necesarias para reverter o descenso no uso do galego están aprobadas desde hai case 20 anos no Plan Xeral de Normalización da lingua Galega", concluíu Maceira, facendo un chamamento ao Goberno galego e a todas as forzas políticas a acadar un "compromiso" para a súa aplicación. "A partir dos obxectivos e medidas para acadalos que fixa o plan é posíbel estabelecer uns mínimos que garantan a posibilidade de uso e disposición do galego en todos os ámbitos, que non se limite a ninguén no uso do galego e se garantan os dereitos lingüísticos", finalizou.