Cando a mocidade asume a dinamización da lingua: ‘Aquí tamén se fala’ chega a 150 institutos

Os profesores Alberto Pombo e Arcadio González xunto con Carmen Boquete, Juliamny Godoy, Darío Regueira e Oli Rivas. CC-BY-SA IES Rafael Dieste

Desde o IES Rafael Dieste asumen a coordinación do que pode ser a maior campaña de dinamización lingüística feita antes en Galicia, na que o propio alumnado actúa como técnico de normalización

O que comezou nas clases de galego dun instituto da Coruña como unha experiencia para comprobar os prexuízos lingüísticos espallouse a lume de carozo polo territorio galego e xa son 150 os centros de ensino que forman parte da iniciativa cultural e de dinamización lingüística Aquí tamén se fala.

Desde o IES Rafael Dieste asumen a coordinación do que pode ser a maior campaña de dinamización lingüística feita antes en Galicia, na que o propio alumnado actúa como técnico de normalización.

O grupo Familia Caamagno, cun cartel da campaña 'Aquí tamén se fala' CC-BY-SA Aquí tamén se fala

“A idea comezou na clase de galego o curso pasado, falando dos prexuízos e da perda de falantes e entón xurdiu a campaña”, explica Carmen Boquete, alumna de primeiro de Bacharelato no IES Rafael Dieste e membro do equipo de dinamización que coordina toda a iniciativa. “Cada un tiña que repartir como mínimo tres carteis e a resposta foi moi boa. Foi unha experiencia moi curiosa e divertida”, lembra.

Un de cada catro concellos galegos xa participa na nova campaña, que comezará a despregarse en xaneiro, á volta das vacacións de Nadal. “Que se quiten as árbores de Nadal que imos os de Aquí tamén se fala”,  subliña Arcadio González, profesor de Filosofía no Dieste e membro coordinador do equipo que organiza o proxecto.

Nesta campaña a protagonista é a mocidade dos centros de ensino, que colle o temón da normalización lingüística e percorre o territorio armada de ilusión e centos de carteis

Nesta campaña a protagonista é a mocidade dos centros de ensino, sobre todo de secundaria, aínda que tamén hai algúns de primaria que se sumaron. A rapazada colle o temón da normalización lingüística e percorre o territorio armada de ilusión e centos de carteis. 

Segundo explica o profesor de Lingua e Literatura galega Alberto Pombo, creador e responsable inicial de toda a campaña xurdida na Coruña,  aínda quedan centos de destes pósters do ano pasado pendurados por locais de toda a cidade, mais este curso a iniciativa sobe de nivel. “Nun mes sumáronse 150 centros de toda Galicia. Vai ser unha campaña masiva e cremos que se converterá na maior iniciativa de dinaminación liguística da historia en Galicia”, explica Pombo, quen cifra en máis de 10.000 os carteis que se repartirán nas vindeiras semanas, o que supón máis de 10.000 negocios normalizados.

Exemplo de cartaz da campaña "Aquí tamén se fala" Dominio Público

“É unha experiencia incrible e unha forma de conectar coas persoas, co galego e co lugar no que estamos”, subliña Juliamny Godoy, alumna de 1° de BAC

“É unha experiencia incrible e unha forma de conectar coas persoas, co galego e co lugar no que estamos”, subliña Juliamny Godoy, alumna de 1° de Bacharelato, que chegou o curso pasado da Venezuela.

A campaña quere rachar cos prexuízos que pretenden dar “unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego. Ou de que no mundo da empresa non se utiliza, nin nos barrios, nin nas vilas... E para acabar con estas falacias exercemos como técnicos e técnicas de normalización lingüística”, aseguran desde a organización. 

Locais comerciais, mais tamén calquera actividade ­- unha explotación agraria, unha fábrica, un taller, os taxis, o forno do pan, artesáns e artesás- está chamada a formar parte da iniciativa e apoiar así tamén a lingua.

En xeral, a resposta por parte dos locais que reciben a visitan das mozas e mozos é positiva e acceden a colocar o cartel sen problema. Ademais, estes negocios reciben cadansúa mención con foto nas redes sociais do proxecto. “Creo que estamos a romper cos estereotipos de que o galego é só para o rural”, explica Darío Regueira, alumno de 1° de Bacharelato no IES Rafael Dieste.

Exemplos de negocios que apoian a campaña 'Aquí tamén se fala'. CC-BY-SA Aquí tamén se fala

Aquí tamén se canta

Entre as novidades deste ano atópase o proxecto audiovisual “Aquí tamén se canta” , que consistirá na gravación de concertos acústicos de diversos músicos e músicas galegas realizadas polo propio alumnado que integra o equipo de dinamización do IES Rafael Dieste.

A primeira mostra foi a gravación ao vivo en dúas pistas dunha versión acústica do tema “A da misántropa riquiña” de Lucía Aldao, realizada en novembro de 2023 no auditorio do instituto coruñés. 

O alumnado do Dieste xa fixera o curso pasado unha ambiciosa playlist con 250 cancións en galego, que se pode escoitar a través da plataforma Spotify. Un dos artífices desta lista foi Oli Rivas, alumno de 2° da ESO, que tamén forma parte do equipo de gravación dos concertos e as entrevistas da campaña.

Desde a organización avisan de que isto apenas vén de comezar e que no proxecto terán cabida colaboracións con empresas e institucións, así como unha sección de entrevistas e outra con breves vídeos realizados por referentes culturais e deportivos animando a usar a lingua galega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.