Vén para quedar. Esta semana botou a andar unha nova edición de 21 Días co Galego e +, o programa que dende o ano 2013 busca aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego no alumnado dos centros de ensino e, sobre todo, a consideración que teñen sobre a lingua. Nos últimos anos a iniciativa non deixou de medrar, dende as primeiras edicións nas que a actividade se limitaba ao IES da Pobra do Caramiñal, ata a actualidade, na que participan unha ducia de centros de todo o país, contando co impulso da Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Na edición 2022 de 21 Días co Galego e + participan 4000 alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria de 12 centros de ensino
Nesta edición, ademais, as Tanxugueiras cobran un especial protagonismo nun programa que este ano ten como lema "Creando en galego no século XXI", como destaca Pilar Ponte, profesora e creadora da iniciativa. "Elas encarnan o espírito dese “creando en galego no século XXI”. Nelas temos os valores, temos creación feita por mulleres, temos defensa da lingua e o orgullo da cultura galega e temos a reivindicación a todos os niveis culturais, incluíndo o vestiario ou o baile", explica.
"As Tanxugueiras encarnan o espírito dese 'creando en galego no século XXI'. Nelas temos os valores, temos creación feita por mulleres, temos defensa da lingua e o orgullo da cultura galega e temos a reivindicación a todos os niveis", destaca Pilar Ponte
"En realidade, foi todo unha casualidade, pois o lema deste ano “Creando en galego no século XXI” xa estaba fixado dende setembro", di Pilar Ponte. "A idea era, coma sempre, achegar os rapaces á cultura galega, pero este ano facendo máis fincapé nas producións galegas actuais: música, literatura... que atraesen o seu interese. Despois xurdiu todo o tema das Tanxugueiras e cadrou perfectamente", engade.
Este ano as actividades desenvólvense en seis centros de Primaria: Atios (Valdoviño), Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), Manuel Suárez Marquier (O Rosal), Virxe da Saleta (Cea), Esclavas Sagrado Corazón de Jesús (A Coruña) e Concepción Arenal (Ourense). E seis institutos de Secundaria: David Buján (Cambre), Monte Castelo (Burela), Lucus Augusti (Lugo), Meaño (Meaño), Valadares (Vigo) e Barro (Barro).
TikTok, mulleres científicas, música galega actual ou A revolución do Tradi son algúns dos temas nos que traballará o alumnado
Ao igual que en edicións anteriores, os arredor de 4000 alumnos e alumnas participantes, entre 8 e 18 anos, comprométese a falar exclusivamente en galego durante todo o día ao longo de 21 xornadas. Ademais, levarán a cabo actividades centradas na lingua ou empregando a lingua como vehículo, a partir da idea central da edición deste ano: "Creando en galego no século XXI". Así, ao longo destas tres semanas irán publicándose vídeos temáticos nos que os rapaces e rapazas foron traballando.
O primeiro destes vídeos -A Revolución do Tradi- lígase de forma directa ás Tanxugueiras, aínda que o CPI Manuel Suárez Marquier do Rosal xa estaba a traballar na proposta dende o mes de setembro. Outro centro traballou sobre música galega actual non tradicional, outro faino sobre TikTok e outro sobre Youtube e Twitch, outro máis sobre os Podcast. De igual xeito, un realizará un vídeo sobre poesía e outro sobre literatura de muller. Finalmente, un traballou sobre ciencia en xeral e outro sobre científicas galegas actuais.
"Este é un programa a longo prazo, pero si deixa un pouso inmediato a nivel sociolingüístico, no senso de destruír prexuízos, de gañar orgullo, de abrirse ao galego e á cultura galega e no senso tamén de empatizar coas persoas galegofalantes e cos seus dereitos"
Cales son os resultados do programa? Que pouso deixa? Pilar Ponte explica que "este é un programa a longo prazo" e sinala que "hai poucos casos que entrasen falando en castelán e saísen falando en galego". "Porén, o programa si deixa un pouso inmediato a nivel sociolingüístico, no senso de destruír prexuízos, de gañar orgullo, de abrirse ao galego e á cultura galega e no senso tamén de empatizar coas persoas galegofalantes e cos seus dereitos", di. "Unha das cousas que máis valoramos é que o noventa e moito por cento dos alumnos e alumnas queren repetir a experiencia, como vemos nas enquisas anónimas que responden ao final do programa", engade.
Ponte destaca ademais que, a pesar de que sempre se adoita poñer o énfase na importancia de traballar con alumnado que xa non fala galego habitualmente, o programa tamén está pensado para os rapaces e rapazas galegofalantes. "Os 21 días son para conseguir neofalantes, pero tamén para manter falantes. De feito, participan algúns centros, coma os de Coristanco ou Burela, nos que a maior parte dos rapaces son galegofalantes. Mesmo en zonas moi galegofalantes temos o problema de que os rapaces abandonan na adolescencia o galego", destaca. Un estudo recente da Real Academia subliñaba que o "efecto desgaleguizador" do sistema educativo comeza na escola infantil e consolídase na adolescencia.
"Os 21 días son para conseguir neofalantes, pero tamén para manter falantes. Mesmo en zonas moi galegofalantes temos o problema de que os rapaces abandonan na adolescencia o galego"
O programa mantén este ano as súas colaboracións radiofónicas no programa Galicia por Diante da Radio Galega, nunha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas; alí os centros contaranlle á audiencia os temas que trataron e como está a ser a súa participación. O alumnado participa tamén no programa Dígocho eu! da TVG, que terá encontros virtuais cos 12 centros educativos participantes e, ademais, visitará algún deles. Así mesmo, os rapaces e rapazas participantes realizarán vídeos propios co formato característico do Dígocho eu! Este ano, con todo, as restricións obrigadas pola pandemia de COVID farán imposible, ao igual que o ano pasado, realizar o encontro presencial de final de curso no que participaba o alumnado de todos os centros.