'21 días co galego', a normalidade da lingua en plena pandemia: "o que sempre se fai é falar"

Alumnado participante na edición 2021 dos '21 días co galego e +' © 21 días co galego

Dende o ano 2013 lévase a cabo en varios centros de ensino de todo o país o proxecto 21 días co galego e máis, unha iniciativa que busca que durante tres semanas os alumnos e alumnas empreguen a lingua galega todo o tempo, dentro e fóra da aulas, decatándose así de que é posible facelo, rachando ideas preconcibidas e soltándose a falar. O proxecto naceu nun instituto da Pobra de Caramiñal co impulso de Pilar Ponte (A profa) e nos anos seguintes o seu éxito fixo que se estendese a máis e máis centros, chegando no 2020, xa co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a catro mil alumnos e alumnas de 10 institutos de toda Galicia.

10 institutos e case 4.000 alumnos e alumnas participan nesta nova edición a pesar das dificultades xeradas pola Covid-19

A edición 2020 puido realizarse con normalidade, pois levouse a cabo durante o mes de xaneiro, antes do inicio da pandemia. Porén, repetir a experiencia durante este curso semellaba moito máis difícil, tendo en conta a situación sanitaria e as medidas de precaución aínda vixentes. Con todo, os "21 dos 21" son xa unha realidade, e están a desenvolverse en dez centros de ensino galegos aínda que, como tantas outras cousas, tiveron que adaptarse á situación provocada pola Covid-19.

Entre os principais cambios desta edición está a inclusión, por vez primeira, de alumnado de Primaria, e a colaboración da iniciativa no 'Galicia por Diante' da Radio Galega e co espazo da TVG 'Dígocho eu'

Os institutos que este ano están acollendo as actividades son o IES As Mariñas de Betanzos, o IES de Carral (Carral), o IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela, o CPR Plurilingüe A Inmaculada de Lugo, o IES Perdouro de Burela, o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o IES Taboada Chivite de Verín, o IES Ramón Cabanillas de Cambados, o IES Sánchez Cantón de Pontevedra e o IES Santa Irene de Vigo. En conxunto, participan na iniciativa 3.738 persoas (alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos), mantendo a pesar da pandemia unha participación moi semellante ao do ano anterior.

Entre os principais cambios desta edición está a inclusión, por vez primeira, de alumnado de Primaria (ata agora só participara alumnado de Secundaria), en concreto dos cursos de 3.º 4.º 5.º e 6.º de Primaria do CPR A Inmaculada de Lugo. Nas novidades deste ano destaca tamén que a iniciativa ten unha sección diaria no programa Galicia por Diante da Radio Galega; alí os alumnos e alumnas relatan as actividades que están levando a cabo cada día. 

Igualmente, destaca a colaboración do programa Dígocho eu! da TVG, cuxos responsables manteñen encontros virtuais co alumnado dos centros participantes, que ademais deben realizar vídeos cun formato semellante ao empregado por este espazo. 21 días co galego e máis leva a cabo unha ampla actividade de difusión nas redes sociais, especialmente en Youtube, Facebook, Instagram, TikTok e Twitter.

Falamos con Pilar Ponte, coordinadora do programa dende o ano 2013, e que continúa á fronte desta actividade que promove que o galego sexa lingua normal de uso en todos os ámbitos, ao tempo que leva "a aula á rúa e a rúa á aula", fuxindo do estudo máis académico da lingua. 

Como está a ser esta edición, tan complicada pola situación sanitaria? É posible levar a cabo a actividade, mesmo a pesar das restricións e das medidas de prevención ante a COVID?

"Chegamos á conclusión de que dun xeito ou doutro, o que sempre se fai é falar, polo que os 21 días se podían manter, aínda que modificando as actividades"

Os '21 días' comezan a organizarse con moita antelación e o pasado mes de agosto non sabiamos como ía estar a situación nestas datas. O primeiro que había que decidir era se a actividade se realizaba ou non, sobre todo tendo en conta que a inmensa maioría das actividades que se desenvolven nos centros durante os '21 días' implicaban un contacto estreito, que agora era imposible. 

Ao final chegamos á conclusión de que dun xeito ou doutro, con máscara ou con restricións o que sempre se fai é falar, polo que os 21 días se podían manter, aínda que modificando as actividades. Ademais, no deseño que fixemos sempre ideamos unha versión b, que podía ser realizada mesmo durante un confinamento. Creo que podemos estar moi satisfeitos tendo en conta as expectativas que tiñamos.

"Teñen que superar múltiples obstáculos diarios para a realización de actividades e para gravar vídeos. Antes xuntabas a todos os rapaces nun recreo e gravabas o vídeo, pero iso agora non se pode facer"

O inicio de curso foi complicado e por iso quero agradecer aos dez centros que decidiron participar. Sempre estamos agradecidos aos centros que deciden implementar os 21 días como actividade de dinamización, pero este ano con moito máis motivo. Está sendo un sobresforzo para todos dentro dun ano escolar que xa implica un sobresforzo en continuo.

Teñen que superar múltiples obstáculos diarios para a realización de actividades e para gravar vídeos. Antes xuntabas a todos os rapaces nun recreo e gravabas o vídeo, pero iso agora non se pode facer: non podes xuntar un rapaz de 1º A cun de 1º B. E coa dificultade engadida que para unha actividade de lingua oral supón ter unha máscara.

Outra das novidades é ese espazo co que contades todos os días no 'Galicia por Diante' da Radio Galega e a colaboración co 'Dígocho Eu'. Como están a ser esas experiencias?

Decidimos facer unha aposta forte polos medios de comunicación. No verán pasado convidáranme a facer unha sección no 'Galicia por Diante', unha experiencia moi gratificante, e propuxémoslles ter unha sección no programa, todos os días á mesma hora, para que os centros participantes puidesen intervir nese espazo. A resposta do programa foi fantástica e aceptaron de inmediato. Isto, que hoxe nos está dando unha gran difusión, era tamén un mecanismo de seguridade no caso de que houbera un novo confinamento domiciliario, porque nos ía permitir ter a todo o alumnado participante conectado.

"A colaboración coa xente de 'Dígocho eu' era unha aposta segura, dado o éxito que está tendo o espazo e tratándose dun proxecto de mellora do rexistro lingüístico"

E falamos tamén coa xente de 'Dígocho eu', e esa era unha aposta segura, dado o éxito que está tendo o espazo e tratándose dun proxecto de mellora do rexistro lingüístico. Unha das tarefas que queríamos que fixesen os rapaces eran vídeos con formato 'Dígocho eu', é dicir, vídeos cunha reflexión lingüística sobre unha palabra ou frase que estamos empregando mal e achegando a proposta en positivo. Púxenme en contacto con Carlos, Esther e Rocío e convideinos a participar, de xeito que tivesen encontros non presenciais cos centros participantes. E así o están a facer: cada día un centro ten un encontro cos tres, ás veces coa participación de moitas aulas. Están sendo un exitazo. Ademais do ben que o fan os tres, hai que ter en conta que este ano os centros están tendo moi poucas actividades de dinamización.

"Está sendo un sobresforzo para todos dentro dun ano escolar que xa implica un sobresforzo en continuo"

Que sucede cando rematan os 21 días? Como avaliades e analizades os resultados e o efecto que tivo a experiencia no alumnado?

Cando rematan os 21 días todos os participantes -alumnado, profesorado, familias...- entregan unhas enquisas anónimas de valoración final; sabemos de que centros son, pero non sabemos quen as fai. Por suposto, no día a día estamos en contacto coas persoas que organizan as actividades en cada centro. E, ademais, levamos a cabo xuntanzas de valoración en cada colexio e, despois, unha xuntanza xeral de todas as persoas coordinadoras.

"Noutros anos constatáramos que onde mellor estaba funcionando o programa era nos primeiros cursos da ESO, polo que pensabamos que tamén podía funcionar moi ben nos últimos de Primaria"

Como está a ser esa participación de alumnado de Primaria, que ata agora non estivera incluído nos '21 días'?

Si, outra das novidades deste curso é a participación de alumnado de Primaria. Noutros anos constatáramos que onde mellor estaba funcionando o programa era nos primeiros cursos da ESO, polo que pensabamos que tamén podía funcionar moi ben nos últimos de Primaria, en Quinto ou Sexto. E conseguimos que o CPR A Inmaculada de Lugo participase con varios cursos de Primaria, a xeito de proba piloto, mesmo con nenos e nenas de Terceiro. E o resultado está a ser moi bo, están participando con moito entusiasmo, como se fose un xogo de rol, pero coa lingua.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.