"Temos que estar na casa pero non podemos renunciar á vitalidade e, simplemente, agardar"

Aulas Galegas © Aulas Galegas

Nos últimos días botou a andar o portal Aulas Galegas, impulsado por un grupo de mestres e mestras para ofrecer recursos e materiais educativos en galego a rapaces e rapazas e ás súas familias durante os días e semanas de confinamento e de clases suspendidas. "Estamos na casa pero non estamos parados. A educación en galego continúa", destácase na presentación desta iniciativa, que xa conta cun gran número de contidos, que medran cada día.

250 mestres e mestras ofrecéronse de inmediato a colaborar coa iniciativa para ofrecer recursos e materiais educativos en galego

Aínda que o portal foi impulsado por Pilar Ponte (21 días co galego) e un pequeno grupo de mestres e mestras, cada vez son máis as persoas que están a colaborar nunha iniciativa que ordena os seus contidos por materias e por niveis académicos e que, destacan, non busca substituír á formación regrada e aos contidos que xa están a ser distribuídos entre o alumando polos centros e o propio profesorado.

O portal incorpora, ademais, distintas seccións transversais, algunha pensada para a formación e o entretemento das persoas maiores, outra máis centrada nos contidos lúdicos e os xogos, e outra destinada a recoller lecturas, contos e outros materiais semellantes, facendo fincapé nos vídeos e outros formatos audiovisuais. 

A páxina tamén inclúe ligazóns a outras webs e iniciativas educativas, para acceder con máis facilidade a todos os contidos educativos en galego dispoñibles na rede. E nos vindeiro días, ademais das opcións que xa ten o profesorado para ofrecer achegas e suxestións, ofreceranse canles para que os usuarios e usuarias realicen consultas e propostas. Falamos con Pilar Ponte.

"Para a educación regrada xa hai mecanismos, pero nós queremos achegar outro tipo de contidos para seguir formándonos"

Como xorde a iniciativa de poñer en marcha o portal? Que finalidade persegue?

Isto nace dun grupo de persoas que ante esta situación queremos axudar ao alumnado, ás familias e ao público en xeral. Comecei a chamar a xente, esta xente chamou a outras mestras e mestres e formamos un grupo inicial, ao que se seguen incorporando máis colaboradores e colaboradoras. O obxectivo da fin de semana era estar activos o luns si ou si, porque era o primeiro día que non había clase. Estamos sorprendidísimos da aceptación do público, porque estamos tendo moitísimas visitas. E tamén da do profesorado: puxemos un cuestionario para os mestres e mestras que quixesen colaborar, e ademais da xente que xa estabamos, chegaron 250 cuestionarios, con profesorado de todas as materias ofrecéndose para colaborar. 

"Para nós é básico que todos os contidos estean en galego, porque portais educativos e contidos en castelán hai moitísimos na rede, pero en galego non hai tantos, sobre todo en determinadas materias"

Todos os contidos van estar en galego?

Si, para nós é básico que todos os contidos estean en galego, porque portais educativos e contidos en castelán hai moitísimos na rede, pero en galego non hai tantos, sobre todo en determinadas materias. Por isto, mesmo nesas materias nas que hai menos cousas, o noso obxectivo é fomentar que se creen recursos en galego. 

Que función vai ter Aulas Galegas estes días? Vai ser complementario dos contidos que xa están a distribuír os centros para o seu alumnado?

Si, nós partimos de que o alumnado xa ten as súas indicacións por parte do profesorado e dos centros. Hai un portal educativo oficial, hai un Abalar con recursos de calidade feitos por profesionais a través de licenzas, pero isto é distinto. Nós non queremos substituír as administracións educativas nin o que o profesorado lles manda aos seus alumnos e alumnas. A nosa función é a divulgación, o aprender entretidos, fomentar os contidos audiovisuais e non tanto o estritamente académico. Aprender, aprendes na escola e aprendes na vida. Para a educación regrada xa hai mecanismos, pero nós queremos achegar outro tipo de contidos para seguir formándonos.

"Non queremos substituír as administracións educativas nin o que o profesorado lles manda aos seus alumnos e alumnas. A nosa función é a divulgación, o aprender entretidos"

Abalar ofrece tamén contidos curtos, pero outros son todo o contrario: unidades didácticas pensadas para desenvolverse en varias sesións e asesoradas por profesorado. Nós ofrecemos contidos curtiños, dixeribles comodamente, nos que prime a variedade. Ademais, non todos os compañeiros teñen o mesmo nivel de dixitalización e de coñecemento dos recursos que xa existen na rede. Nestes días tamén queremos ofrecerlle ao profesorado recursos para que os difundan entre o alumnado.

"Montouse un equipo xerontolóxico no que hai terapeutas, psicólogos e outros profesionais dirixida a dar servizo a persoas que conviven con xente maior, ou os maiores directamente"

Ademais dos contidos xerais, organizados por materias e niveis educativos, hai outras seccións. Chama a atención especialmente a de 'Estamos cos maiores', con contidos para as persoas de maior idade. Como vai funcionar?

Cremos que é unha das seccións máis interesantes. Montouse un equipo xerontolóxico no que hai terapeutas, psicólogos e outros profesionais dirixida a dar servizo a persoas que conviven con xente maior, ou os maiores directamente. Ata agora practicamente non había materiais en galego neste ámbito, non teñen onde remitir á xente, polo que van comezar a gravar eles mesmos os contidos.

Hai tamén unha sección de xogos (Enredos)...

Aí haberá xogos lingüísticos, matemáticos..., ofrecendo tamén un lado lúdico. Tamén está a sección de lecturas compartidas, nas que se irá falando de libros e incorporando contidos relacionados coa lectura.

"O que non podemos é recluírnos nas casas e, simplemente, agardar. É importante transmitir a idea de 'esteas onde esteas podes facer algo'"

Na presentación do proxecto destácase unha frase que repites o no vídeo de presentación: "Estamos na casa pero non estamos parados". Esa é a filosofía coa que nace Aulas Galegas?

A idea é: as circunstancias obrígannos a estar na casa a moitos de nós, pero o que non podemos é renunciar á vitalidade. As recomendacións sanitarias son manter as nosas vidas coa máxima normalidade dentro das posibilidades de cada un. Dentro desa normalidade, actuemos, adaptémonos ás novas circunstancias, pero sigamos avanzando. O que non podemos é recluírnos nas casas e, simplemente, agardar. Sobre todo temos que lembrar que nós traballamos, fundamentalmente, con rapaces. É fundamental estar activo e ter esperanza e creo que é importante transmitir a idea de 'esteas onde esteas podes facer algo'

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.