Se poden elixir, tan só o 3,1% dos galegos e galegas de máis de 14 anos que len libros prefiren ler en galego, mentres que o 96,2% optan polo castelán. É uns dos datos máis rechamantes (e alarmantes) que se inclúe no Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023, un estudo que todos os anos publica o Gremio de Editores de España.
Os datos que presenta a lingua galega son moi diferentes aos que obtén o catalán en Catalunya, onde o 38,9% da poboación prefire este idioma
Os baixos datos do galego, ademais, son aínda máis negativos se os comparamos cos últimos indicadores dispoñibles, correspondentes ao estudo do ano 2018, no que a preferencia pola lectura en lingua galega era do 4% e o castelán chegaba ao 93,7%
Os datos que presenta a lingua galega son moi diferentes aos que obtén o catalán en Catalunya, onde o 38,9% da poboación prefire ler en catalán. E mesmo son moito peores que os do eúscaro en Euskadi, onde o 9,8% prefire ler en euskera ou os do catalán en Baleares, onde o 10,7% ten o catalán como lingua de lectura predilecta. Os indicadores galegos están unicamente á altura dos do catalán/valenciano na Comunidade Valenciana, lingua pola que optan o 3% dos entrevistados e entrevistadas.
Cando se pregunta polo último libro lido, o 5,5% di que estaba en galego
O traballo tamén pregunta polo idioma do último lido polos entrevistados e entrevistadas, con resultados moi semellantes. Neste caso, os datos do galego chegan ao 5,5% (o castelán fica no 91,9% e os outros idiomas no 2,6%). Aquí, de novo os indicadores son peores que os que se rexistraban hai cinco anos: nese momento o 7,1% responderan que o último libro que leran estaba en galego.
Cando se pregunta por que non optaron polo galego no último libro que leron, as respostas maioritarias aluden a que a obra "non está editada en galego" (42,5%)
Entre as persoas ás que se lle preguntou cal foi o último que leran e responderon "castelán", o barómetro pregúntalles por que non escolleron ler ese libro en galego. As respostas maioritarias aluden a que a obra "non está editada en galego" (42,5%), mentres que un 25,3% dixo que lle era "máis doado ler en castelán". Outro 15,8% dixo que non tiña preferencia por unha lingua ou outra e un 9% sinalou que non elixira persoalmente o libro.
Se comparamos as respostas a esta pregunta coas que se deran cinco anos atrás, vemos como aumentou a porcentaxe de persoas que din que optaron polo castelán porque a obra non estaba editada en galego (pasou do 32,2% ao 42,5%) e reduciuse amplamente a proporción de quen sinalan que lles é máis doado ler en castelán (do 40,9% ao 25,3%).
Fran Alonso denuncia que os baixos datos que presenta o galego neste barómetro "poñen de relevo a carencia de políticas de apoio por parte da Xunta e as dificultades extremas ás que se enfronta a industria editorial e os escritores e escritoras galegas"
O director da editorial Xerais, Fran Alonso, fixo referencia a este estudo nun fío publicado na rede social X (anteriormente Twitter). Alonso denuncia que os baixos datos que presenta o galego neste barómetro "poñen de relevo a carencia de políticas de apoio por parte da Xunta e as dificultades extremas ás que se enfronta a industria editorial e os escritores e escritoras galegas". O escritor e editor critica "a falta dunha política lingüística efectiva que prestixie a lingua galega" e os efectos "do restrictivo Decreto do Plurilingüismo implantado polo PP en 2010".
Alonso fai ficapé tamén no "abandono ao que está sometido o sector por parte da administración pública" e á "indiferenza con que son acollidos este tipo de datos". Entre outras eivas sinala que na última década "non se desenvolveu a Lei do Libro e a Lectura; non se creou o Instituto Rosalía de Castro (que prevía a lei) para a exportación do libro galego; non houbo medidas efectivas de apoio aos clubs de lectura en galego nin ás bibliotecas públicas; nunca se elaborou un Plan Lector que favorecese a lectura en lingua propia; o libro galego na TVG só aparece nos programas culturais en horarios secundarios e non se trata nunca de xeito transversal coma nos ano 90"
A porcentaxe de galegos e galegas que len no seu tempo libre leva dous anos reducíndose e está tres puntos por debaixo da media española
O barómetro ofrece tamén información sobre o hábito lector, que en Galicia presenta unha porcentaxe inferior á da media española. Así, o 61,5% dos galegos e galegas afirman ler no seu tempo libre, fronte ao 64,1% do conxunto do Estado. Galicia é a sexta comunidade autónoma cun menor índice lector. A porcentaxe, ademais, leva dous anos reducíndose despois dunha década en constante ascenso, unha tendencia que tamén se dá nos ultimos datos para o conxunto de España.
O estudo si amosa un pequeno incremento na adquisición de libros na nosa lingua, aínda que os datos son igualmente moi reducidos. O "último libro mercado" polos entrevistados e entrevistadas de Galicia estaba en galego no 7,3% dos casos, unha cifra por riba da que presentaba o estudo do pasado ano 4,5%.