Case un terzo dos concellos galegos carece de biblioteca municipal. A posta en marcha de bibliotecas móbiles, recuperando os antigos 'bibliobuses' é unha vella reivindicación que agora por fin se converte en realidade
Case un terzo dos concellos galegos carece de biblioteca municipal, segundo os datos máis recentes do Ministerio de Cultura. En concreto, son 91 e outras nove localidades non remitiron a súa información, polo que tamén poderían ser incluídos nesa categoría. A ausencia deste equipamento cultural afecta sobre todo á provincia de Ourense, onde máis da metade das súas localidades carece de biblioteca, e tamén á provincia de Lugo.
A finais deste mes a Xunta vai por en funcionamento en vinte concellos das provincias de Lugo e Ourense a furgoteca, un novo servizo de bibliotecas móbiles composto de furgonetas que viaxarán dúas veces ao mes a cada un destes concellos, buscando así levar o servizo de préstamo e consulta de libros e outras publicación a lugares que carecen de biblioteca municipal estable.
En concreto, en Lugo estará nos de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. En Ourense, en Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós. Os días, horarios e lugares de parada poderán consultarse na páxina web da iniciativa, nos lugares de información habituais do concello ou a través das redes sociais.
Un dos dous días os vehículos asentaranse nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais
Durante moitos anos existiron en distintos lugares de Galicia varios bibliobuses que realizaban este servizo, moi necesario para os lugares que tiñan lonxe unha biblioteca. Porén, os bibliobuses desapareceron (por exemplo en 1999 o que daba servizo á comarca do Condado e en 2007 o que funcionaba en Ourense) e dende entón un gran número de entidades, comezando pola propia Bamad Galicia (Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia) veñen reclamando a recuperación destas bibliotecas móbiles. Finalmente, despois de ser durante moitos anos simplemente unha promesa, o pasado mes de setembro a Xunta publicou o concurso para servizos bibliotecarios móbiles que agora se converte nunha realidade.
O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta
O servizo de préstamo da furgoteca ofrece a posibilidade de ler ou consultar, durante un tempo determinado e de forma gratuíta, todos os materiais da biblioteca. Para usar os servizos da biblioteca móbil só é preciso ser titular dun carné da Rede de Bibliotecas de Galicia.
A furgoteca organízase de tal xeito que un dos dous días os vehículos asentaranse nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.
A colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais
A colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais así como publicacións periódicas como revistas e xornais. Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución e formación nos sistemas de préstamos dixitais. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural.
A Consellería de Cultura destaca que a iniciativa vén acompañada "dunha intensa actividade cultural", pois prevé que conten con programación de periodicidade estable que inclúa clubs de lectura, contacontos, encontros con autores locais, entre outras, para o que se buscará a colaboración cos centros educativos.