91 concellos galegos carecen de biblioteca municipal, con 15% menos financiamento que a media do Estado

Interior da Biblioteca Municipal de Ortigueira © Concello de Ortigueira

A ausencia deste equipamento cultural afecta sobre todo á provincia de Ourense, onde máis da metade das súas localidades carece de biblioteca, e tamén á provincia de Lugo

Case un terzo dos concellos galegos carecen de biblioteca municipal. Así o indican os datos do Ministerio de Cultura correspondentes ao ano 2020 e que foron difundidos nos últimos días. En concreto, son 91 os concellos galegos sen biblioteca, mentres que outros 9 non remitiron a súa información, polo que tamén poderían ser incluídos nesa categoría. Na maioría das ocasións este feito ten que ver coa falta de persoal bibliotecario que complete a información estatística ou peches temporais.

A ausencia deste equipamento cultural afecta sobre todo á provincia de Ourense, onde máis da metade das súas localidades carece de biblioteca, e tamén á provincia de Lugo. En cambio, nas provincias da Coruña e Pontevedra, practicamente todos os concellos contan con este servizo.

Galicia está por debaixo da media estatal en todos os indicadores agás no número de documentos por habitante e nas adquisicións de documentos por cada 1.000 habitantes

BAMAD-Galicia, Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, chama a atención especialmente sobre a situación de varios concellos "que incumpren a lei desde hai anos ao superar os 5.000 habitantes e ter a obrigatoriedade de ter que dar este servizo esencial como recolle a Lei de Bases de Réxime Local". Os concellos son Oza-Cesuras e Valdoviño (na provincia da Coruña) e Tomiño (na e Pontevedra).

A entidade lembra que o pasado mes de setembro a Xunta de Galicia "publicou por fin despois de moitos anos previsto" o concurso para servizos bibliotecarios móbiles que se porá en marcha en 2023 e que permitirá cambiar os datos correspondentes aos concellos sen bibliotecas. Atenderá 20 concellos, 10 na provincia de Lugo e un número similar na de Ourense.

Á outra gran conclusión que se pode tirar das estatísticas fornecidas polo Ministerio é que o financiamento público que reciben as bibliotecas públicas galegas está moi por debaixo da media estatal, en concreto un 15%. Galicia destina nove euros por habitante ás bibliotecas, 1,63 euros menos que no conxunto do Estado (10,63 euros). En conxunto, Galicia está por debaixo da media estatal en todos os indicadores agás no número de documentos por habitante e nas adquisicións de documentos por cada mil habitantes.

BAMAD fai fincapé "na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos"

A entidade continúa a botar en falta que haxa "máis compromiso nas partidas dedicadas a bibliotecas nos concellos e nas Deputacións" e fai fincapé "na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos". BAMAD denuncia que segue atopando "casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais, recorrendo a persoal doutros servizos para cubrir os postos, persoal sen os coñecementos necesarios para levar a cabo unha boa xestión da información e documentación".

Unha biblioteca municipal na Coruña © Concello da Coruña

A asociación alerta "da perda continua de persoal bibliotecario que desde o ano 2016 descendeu en 39 persoas o que nos leva a contar con menos persoal por habitante". E conclúe que "non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido". 

"Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido", di a entidade

BAMAD Galicia esixe que a Xunta "desenvolva a lexislación bibliotecaria aprobada hai 10 anos". "É necesario desenvolver regulamentariamente a Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia, especialmente os aspectos organizativos, de cooperación e colaboración no funcionamento da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia", sinala a entidade que fai un chamamento á "implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles, e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello, para garantir o acceso de todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan, á información e á cultura de calidade".

A asociación fai un chamamento á "implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles, e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello"

A asociación destaca, iso si, algúns aspectos positivos. Neste senso, destaca como "especialmente relevante" a potenciación dos formatos dixitais accesibles a través do portal GaliciaLe que durante os anos 2020 e 2021 redobrou esforzos para facer fronte á gran demanda de préstamo de obras en formato dixital debido aos períodos de confinamento e de peche de servizos públicos. Así mesmo, celebra a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas que acada practicamente a totalidade das Bibliotecas Públicas.

De igual xeito, salienta o dato das adquisicións por cada mil habitantes que en 2020 se sitúa por encima da media estatal. "Esta tendencia esperemos que se manteña nos seguintes anos até o actual no que en 2022, grazas ás partidas dos Fondos de Recuperación Europeos, dotáronse as bibliotecas de maiores fondos para adquisicións", engade a entidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.