Os concellos rurais galegos están a sufrir unha perda xeralizada de servizos en todos os ámbitos: educativo (co continuo peche de colexios e degradación de servizos, como estamos a ver estes días en Begonte ou no Courel), sanitarios (cun número moi reducido, por exemplo, de pediatras nestas zonas e con recortes noutras áreas) e mesmo financeiros (co constante peche de oficinas bancarias, que deixa a moitas localidades sen sucursal ningunha).
"Aínda que pola Lei de Bases de Réxime Local é obrigatorio que os concellos de máis de 5.000 habitantes conten cunha biblioteca, non todos os concellos deste tamaño (e moito menos os máis pequenos) teñen a capacidade económica para manter aberto o servizo"
Iso sucede tamén no que atinxe ás bibliotecas, un servizo fundamental para o acceso da cidadanía á cultura, á información e á formacións e do que moitos concellos carecen, un número que varía entre unhas e outras fontes entre as 75 e 100 localidades. Noutros casos, o servizo está moi limitado por falta de persoal e recursos económicos. Dende hai anos entidades como Bamad Galicia (Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia) veñen reclamando das distintas administracións un reforzo dos servizos que ofrecen as bibliotecas.
Falamos co seu secretario, Xoán Manuel Pérez Lijó, ao que preguntamos sobre a situación das bibliotecas no rural e sobre as fórmulas que se poderían poñer en marcha para a súa mellora, entre as que destaca a posta en marcha de servizos móbiles, a apertura das bibliotecas escolares a toda a poboación e a colaboración entre administracións, especialmente a través do impulso das deputacións provinciais.
Cal é a situación das bibliotecas nos concellos rurais galegos? Cales son os principais problemas?
"A maior parte destes concellos pequenos, cando teñen biblioteca, teñen persoal contratado de maneira precaria, con categorías profesionais que non se corresponden co seu traballo"
Os problemas son fundamentalmente a falta de recursos económicos e a falta de persoal, que afectan especialmente aos concellos máis pequenos. Aínda que pola Lei de Bases de Réxime Local é obrigatorio que os concellos de máis de 5.000 habitantes conten cunha biblioteca, non todos os concellos deste tamaño (e moito menos os máis pequenos) teñen a capacidade económica para manter aberto o servizo. Un problema engadido é o da dispersión da poboación, porque a realidade é que aínda que un concello na súa totalidade poida ter tres mil habitantes, no seu núcleo, onde se atopa a biblioteca, se cadra viven 500, polo que en realidade a biblioteca nin sequera está dando servizo a esas 3.000 persoas.
Incidides sempre nesa falta de persoal. Supoño que as necesidades son moitas, tamén de falta de orzamento para novas adquisicións, pero pódese dicir que o núcleo dunha biblioteca son os seus profesionais?
"Demandámoslles ás deputacións que invistan máis nos servizos bibliotecarios. Terían unha gran capacidade para levar estes servizos a moitos lugares que hoxe carecen deles"
A maior parte destes concellos pequenos, cando teñen biblioteca, teñen persoal contratado de maneira precaria. Non só me refiro a que as súas condicións económicas sexan precarias, senón a que están contratadas con categorías profesionais que non se corresponden co seu traballo, é dicir, como bibliotecarias e bibliotecarios. En moitos casos tampouco contan con formación específica en bibliotecas. Todo isto dificulta que se poida ofrecer un servizo bibliotecario de calidade. Porque unha biblioteca é algo máis que ter aberto un espazo con libros.
Dende a asociación reclamades tamén unha maior colaboración entre as distintas administracións para mellorar os servizos bibliotecarios. Non se produce na actualidade?
A Lei de Bibliotecas do ano 2012 recolle que debe haber colaboración entre as distintas administracións para levar o servizo a aqueles lugares onde as administracións locais non poden facelo. Sempre apelamos a ese espírito de colaboración para que se poñan en marcha servizos no rural. A Xunta está investindo bastante nos últimos anos, pero semella que non ten a capacidade de colaborar coas deputacións; e demandámoslles ás deputacións que invistan máis nos servizos bibliotecarios das súas provincias. As deputacións terían unha gran capacidade para levar estes servizos a moitos lugares que hoxe carecen deles.
Que poderían facer as deputacións?
"Sería interesante que se leven a cabo proxectos que poden dinamizar o libro e a lectura no rural, como por exemplo a apertura das bibliotecas escolares fóra do horario lectivo como bibliotecas públicas para a cidadanías desas zonas"
Hai exemplos noutras comunidades autónomas, que están a traballar con servizos móbiles, con actividades rotatorias entre distintos concellos, con persoal que depende directamente das deputacións ou con apoios ás contratacións emprestados polas propias deputacións. Estamos en conversas coa Deputación da Coruña para que dean este apoio á contratación en bibliotecas ao igual que fan en áreas como cultura, deportes, servizos sociais ou normalización lingüística. Sabemos que a Deputación da Coruña ten intención de facelo, pero aínda non se decidiu.
En todo caso, non é A Coruña onde hai unha maior necesidade disto neste momento, pois Ourense e Lugo teñen concellos con máis dificultades para contratar persoal. Nas estatísticas, ademais, aparece Pontevedra como a provincia galega con menos bibliotecarios por habitante, e iso é pola carencia de bibliotecas que hai na cidade de Vigo.
Que outras iniciativas se poderían poñer en marcha para mellorar os servizos bibliotecarios no rural?
"Sería interesante a posibilidade de levar servizos móbiles ás zonas de poboación máis dispersa no rural. Hai un proxecto da Xunta para levar un servizo móbil a dúas comarcas: unha en Lugo -posiblemente Os Ancares ou O Courel- e outra en Ourense, na comarca da Limia"
Tamén é interesante que se leven a cabo outro tipo de proxectos que están en marcha noutros territorios e que poden ser axeitados para dinamizar o libro e a lectura no rural, como por exemplo a apertura das bibliotecas escolares fóra do horario lectivo como bibliotecas públicas, que podería achegar este servizo a toda a cidadanía desas zonas rurais, pois moitas veces os centros escolares están máis próximos a moitos núcleos de poboación do concello que a propia biblioteca municipal.
Igualmente sería interesante a posibilidade de levar servizos móbiles ás zonas de poboación máis dispersa no rural. Hai un proxecto da Xunta para levar un servizo móbil a dúas comarcas: unha en Lugo -posiblemente Os Ancares ou O Courel- e outra en Ourense, na comarca da Limia. Sería un proxecto piloto, dende abril ou maio ata outubro. A idea é boa, pero sería bo que este proxecto se levase a cabo en colaboración coas deputacións e concellos afectados.
Reclamades tamén que a Xunta exerza un maior control sobre os concellos para asegurarse de que cumpren cos estándarse mínimos de persoal, investimento e recursos nas súas bibliotecas. Por que isto non se fai?
"As bibliotecas públicas deben levar a educación, a cultura e o ocio á poboación. Normalmente quedamos máis no aspecto do ocio, da lectura como mero pracer, pero esquecemos a importancia das bibliotecas na formación e educación"
A Xunta é bastante reacia a facelo, a controlar os concellos. Pero é contraditorio que por un lado a Xunta estea creando o Mapa de Bibliotecas de Galicia, aprobado polo Parlamento, que inclúe unha serie de estándares bibliotecarios e unha serie de características mínimas que deben ter, en canto a persoal, fondos, horas de apertura... Pero despois non se controla que isto se cumpra ou se achegue aos estándares. De feito agora está en marcha un proceso para adaptar os estándares á realidade, reducindo nos niveis. Nós pedimos que se adapten á realidade, pero a través da mellora da situación, non da limitación dos obxectivos.
As bibliotecas cumpren moitas funcións en todas as zonas, pero parece que no rural a súa importancia como espazo para o acceso á cultura é aínda maior. Porén, como sucede noutros ámbitos, é precisamente o rural onde se están a producir máis recortes. Cómpre un impulso para reverter esta tendencia?
Agora mesmo atopámonos cun problema de despoboamento e avellentamento máis agravado e coa consecuencia de que hai unha parte moi importante da poboación que non conta con servizos de ningún tipo: nin sanitarios, nin bancarios, nin bibliotecario... As institucións teñen que resolver esta falta de servizos.
Ás veces esquécese, ademais, que as bibliotecas son algo máis que un espazo no que se gardan e se emprestan libros e que cumpren funcións de promoción da lectura e mesmo de facilitadoras do acceso a Internet para a poboación que non ten outras vías para facelo... Sucede isto tamén no rural?
"As bibliotecas cumpren un papel importante tamén para acabar coa fenda dixital, que é cada vez máis importante e que vai ser un problema moito maior no futuro, na medida en que as administracións ou os bancos dixitalizan máis e máis os seus servizos"
As bibliotecas públicas teñen que cumprir tres principios, que ademais están marcados polas normas internacionais: deben levar a educación, a cultura e o ocio á poboación. Normalmente quedamos máis no aspecto do ocio, da lectura como mero pracer, pero esquecemos a importancia das bibliotecas na formación e educación. As bibliotecas deben ser complementarias á formación escolar e á formación non regrada noutros ámbitos. Hai exemplos moi bos en moitos lugares das bibliotecas como laboratorios, como espazos maker, como espazos de radio comunitaria...
Todo isto pódese facer nas bibliotecas municipais e se cadra nas bibliotecas rurais ten aínda moito máis sentido, porque seguramente nestas zonas a poboación non ten outros lugares nos que atopar estes servizos. As bibliotecas cumpren un papel importante tamén para acabar coa fenda de xénero ou coa fenda dixital, que é cada vez máis importante e que vai ser un problema moito maior no futuro, na medida en que as administracións ou os bancos dixitalizan máis e máis os seus servizos. Hai un risco de exclusión das persoas de maior idade, que nas zonas rurais é máis numerosa. As bibliotecas son o espazo axeitado para formar á cidadanía nisto e para funcionar como punto de acceso. As bibliotecas e boas redes de comunicación poden facilitar que o rural estea conectado co mundo.