No ano 2008 había en Galicia 2.534 sucursais bancarias. A economía bulía, cun crecemento asentado en boa medida nas promocións inmobiliarias e na construción. Unha parte importante desa rede de sucursais, que chegaba a case todos os concellos e barrios do país correspondía ás caixas de aforros galegas. A burbulla inmobiliaria estoupou iniciando a Gran Recesión e que, pasando por unha fracasada e polémica fusión, levou por diante as caixas.
Na actualidade hai tan só 1.234 oficinas abertas en Galicia, despois do peche de 1.300 en 12 anos
Dende entón foron moitas as sucursais que pecharon as súas portas e o seu número é hoxe menos da metade. Na actualidade hai tan só 1.234 oficinas abertas en Galicia, despois do peche de 1.300. Ademais, o proceso continúa: hai dous anos o Banco Santander clausurou 134 sucursais no noso país e agora a entidade negocia un novo ERE, que levará ao peche de 79 oficinas máis e ao despedimento de 370 persoas en Galicia.
No remate do pasado ano 2020 había en Galicia 45 concellos que carecían de sucursal bancaria, case o dobre da cifra de localidades sen este servizo dez anos antes. Ademais, outros 118 concellos contaban unicamente cunha sucursal
Ao tempo, aumentou o número de concellos galegos que carecen deste servizo, especialmente na zona rural. Pero tamén os habitantes de vilas máis poboadas e mesmo de cidades vese obrigada a desprazarse a unha distancia maior para acceder a algunha sucursal bancaria, reducindo ao mínimo ademais a súa posibilidade de elección entre unhas e outras entidades, pois cada vez son máis as localidades que só contan cunha oficina en todo o seu termo municipal.
O número total de entidades veu descendendo de forma sostida dende o ano 2008, momento en que acadara o seu máximo. A redución máis importante produciuse entre 2010 e 2013, unindo aos efectos da crise a desaparición das caixas de aforros, o que levou á desaparición de máis de 500 oficinas en só tres anos. Porén, dende entón o proceso continuou coa clausura de máis de 600 oficinas en sete anos. No pasado ano 2020 a cifra total de oficinas caeu en 132.
No remate do pasado ano 2020 había en Galicia 45 concellos que carecían de sucursal bancaria, case o dobre da cifra de localidades sen este servizo dez anos antes. Ademais, outros 118 concellos contaban unicamente cunha sucursal, unha cifra que se case se triplicou dende o ano 2003 (42). Este indicador disparouse entre os anos 2010 e 2011, despois da 'fusión' entre as caixas galegas, que levou a unha única entidade, posteriormente quebrada, nacionalizada e convertida finalmente nun banco.
No pasado ano 2020 a cifra total de oficinas caeu en 132
Entre os termos municipais sen oficina bancaria ningunha aparece un gran número de localidades rurais da provincia de Ourense, pero hai tamén concellos como Cabanas, Lousame, con máis de 3.000 habitantes, ou Monterrei, Dodro ou Paderne, con máis de 2.000 residentes, que carecen sen sucursais. Con só unha oficina hai un gran número de localidades, entre elas algunhas tan importantes como Brión, Vilaboa, Ponte Caldelas, Abegondo, Mugardos, Outeiro de Rei, Ribadumia, Vedra, A Illa de Arousa, Meis ou Cuntis.
Dende o 2008 pecharon 610 oficinas nas sete cidades galegas, encabezadas por Vigo
Os peches deixaron a moitas localidades rurais sen este servizo, pero foron tamén importantes nas zonas urbanas. Dende o ano 2008 pecharon 610 oficinas nas sete cidades galegas, encabezadas por Vigo, que perdeu 181 oficinas. E o mesmo sucedeu en vilas como Vilagarcía de Arousa, que perdeu 19 das súas 30 sucursais, O Porriño viu pechar 15 das súas 24 oficinas.
Seguen os peches no Santander
A CIG está a levar a cabo mobilizacións baixo o lema "Non ao SantandERE". O sindicato denuncia que "dende hai dous anos o banco está aplicando unha agresiva campaña para botar clientes e clientas das oficinas
A tendencia de peches continúa, con procesos abertos por exemplo no Banco Santander, que está a negociar un ERE que pode levar á clausura de 70 oficinas en Galicia e á desaparición de 370 empregos no noso país: 172 na Coruña, 101 en Pontevedra, 52 en Lugo e 45 en Ourense. En total o ERE afecta a 5.090 persoas en todo o Estado, aínda que 1.200 serían recolocadas en empresas do grupo, externalizando así traballos bancarios que até o de agora se facían nas oficinas, pois a entidade argumenta a decisión na baixada da atención presencial demandada pola clientela.
A CIG está a levar a cabo mobilizacións baixo o lema "Non ao SantandERE". O sindicato denuncia que "dende hai dous anos o banco está aplicando unha agresiva campaña para botar clientes e clientas das oficinas, obrigándoos e obrigándoas a relacionarse coa entidade a través do caixeiro, a banca online ou por vía telefónica". “E iso, sen importarlle nin a idade, nin os coñecementos nin os recursos que teñan estas persoas”, engade a central.
O banco, só na rede (para quen saiba)
O sindicato alerta de que os peches de oficinas afondarán "na exclusión financeira á que o proceso de reestruturación e concentración bancaria está levando a centos de galegos e galegas que viven nas zonas rurais"
O sindicato alerta de que os peches de oficinas afondarán "na exclusión financeira á que o proceso de reestruturación e concentración bancaria está levando a centos de galegos e galegas que viven nas zonas rurais". E sinala que as novas vías telemáticas ou telefónicas de atención "non fan máis que afondar na falta de atención" que sofre "a xente maior ou a xente que non dispón de medios dixitais para manexarse neste mundo tecnolóxico que se nos impón”. “Esa clientela que xa non lle importa á dirección da entidade, salvo para acribillala a comisións”, conclúe a central.
As entidades bancarias impulsan cada vez máis os seus servizos dixitais e a banca electrónica, manexada dende o ordenador ou o teléfono móbil. Unhas solucións que poden ser válidas para as novas xeracións, pero que engaden novas dificultades para as persoas de maior idade. As entidades tamén están a promover estes servizos entre estes grupos de idade, con campañas como a lanzada por Abanca hai unhas semanas e que atopou un gran rexeitamento nas redes sociais que obrigou ao banco a retirala.
Ás críticas a Abanca (e a outras entidades que están a levar a cabo campañas semellantes, cualificadas de "idadistas") únense a denuncias polo incremento no cobro de comisións para o pagamento de servizos
Na campaña, Abanca convidaba á poboación anciá a deixar de acudir ás oficinas bancarias, para a cambio empregar os caixeiro para sacar cartos ou para consultar se recibiran a pensión e tamén animaban a empregar a tarxeta para realizar os seus pagamento. Nos carteis podíase ler: "se podes pagar o bus con tarxeta, podes pagar o pan con tarxeta", "se podes facer a compra sen ir ao supermercado, podes pagar os recibos sen ir ao banco", "se podes ver aos netos desde a tablet, podes sacar diñeiro desde o caixeiro" ou "se podes consultar novas no móbil, podes consultar no caixeiro se che chegou a pensión". Ás críticas a Abanca (e a outras entidades que están a levar a cabo campañas semellantes, cualificadas de "idadistas") únense a denuncias polo incremento no cobro de comisións para o pagamento de servizos.