Outro golpe para o persoal da banca en Galicia. O Santander adiantou este xoves as consecuencias do expediente de regulación de emprego (ERE), que prevé que afecte 271 persoas en Galicia, onde pechará 135 oficinas, arredor dun terzo das que ten na actualidade, segundo os datos provisionais que a empresa trasladou aos sindicatos nunha reunión en Madrid.
Na actualidade, o cadro persoal do Santander en Galicia, logo da absorción do Popular e do Pastor, supera por pouco as 1.900 persoas e, a día de hoxe, o banco prexubilou xa 216 traballadores cuxas prazas non pensa cubrir. Os despedimentos que chegarán agora suporán desfacerse de case o 15% (14,1%) do persoal no país e do 34% das oficinas, unhas 400.
Os despedimentos suporán desfacerse de case o 15% do persoal no país e dun terzo das oficinas
Segundo os datos facilitados ás centrais sindicais, o ERE suporía o peche de 64 oficinas na Coruña, 37 en Pontevedra, 19 en Lugo e 15 en Ourense. Son, polo momento, cifras provisionais que se seguirán negociando nas xuntanzas que empresa e representantes dos traballadores manterán na vindeira semana.
O Santander, ademais, comprometeuse a recolocar o 100% das persoas afectadas que queiran seguir traballando a través dunha axencia coa que xa traballou en anteriores ERE.
Os criterios de saída son: primeiro marchas voluntarias e, no caso de non cubrirse o número, aqueles que teñan menor avaliación interna ou polivalencia. O ERE aplicarase até final de 2019 e poderíase prorrogar até o 31 e marzo de 2020.