Santander compra o Popular e acaba de vez co Banco Pastor, o último banco galego

Protesta sindical ante a sede central do Pastor na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

Ano 2017 e aínda se pasan noites en branco para salvar bancos en España. O Estado, a través do seu brazo financeiro, o Fondo de Resolución Bancaria (FROB) anunciou a primeira hora desta mañá a decisión de vender o Banco Popular ao Santander polo prezo de un euro. A decisión pechouse ao longo da noite despois de que as entidades regulatorias asumisen que a entidade era inviable e que estaba a piques de afrontar problemas de falta de pagamentos. Desde as 8 da mañá, Santander garante a liquidez e faise responsable de que calquera depositante que acuda a retirar o seu diñeiro do Popular poida facelo con total tranquilidade. A operación acaba de vez co Banco Pastor, o último banco que quedaba do sistema financeiro galego. A súa marca desaparecerá e deixará atrás case 250 anos de historia, ao operar a entidade da familia Botín como un só nome en todo o Estado e converterse agora na segunda maior entidade de Galicia. A duplicidade de oficinas no país provocará outra importante perda de emprego no que fora o Grupo Popular, logo da reestruturación que levou por diante 800 postos de traballo coa absorción do Pastor e un recente ERE que acabou con máis de 400. 

O Santander compra por un euro o Popular, entidade inviable e a piques de afrontar problemas por falta de pagamentos

A inminente quebra levou a que a Xunta Única de Resolución, a autoridade competente para determinar a liquidación ou rescate das entidades bancarias europeas segundo a nova regulación, decidise activar o novo protocolo para salvar entidades. España convértese así no primeiro Estado europeo en usar este mecanismo e Popular, no primeiro banco en ser intervido de acordo coas novas regras de xogo.

Segundo a nova ordenación, os contribuíntes non deben ser os primeiros en soportar o rescate das entidades financeiras. Para lograr este efecto, decidiuse amortizar todas as accións do banco e tamén activar a conversión de parte da débeda. Con esta mecánica, os accionistas e parte dos acredores son os que puxeron o diñeiro para salvar a entidade que se supuña un risco para a estabilidade financeira española e, polo tanto, europea.

O Popular, co Pastor como marca maioritaria, ten uns 690.000 clientes en Galicia e unha ampla rede de máis de 200 oficinas

Para tomar esta decisión a situación chegara a ser desesperada. A Xunta Única de Resolución explicábase nun duro comunicado asegurando que Popular estaba "a crebar ou a piques de crebar" con suficientes elementos para considerar que a entidade, "nun futuro próximo, sería incapaz de pagar as súas débedas".

A duplicidade de oficinas en máis dun cento de concellos de Galicia provocará inevitablemente recortes no cadro de persoal do Grupo Popular. Coa marca Pastor como maioritaria, a entidade era a segunda do país, tanto pola súa importante rede comercial, con máis de 200 sucursais, como polo número de traballadores (sobre 1.400, máis de mil nas sucursais da entidade galega) ou o seu negocio, con case o 20% de cota de mercado e máis de 20.000 millóns entre créditos e depósitos. O número de clientes galegos anda arredor dos 690.000, dos que máis de 120.000 son pemes, autónomos e comercios. 

A duplicidade de oficinas volverá provocar recortes no cadro de persoal: hai 1.200 postos de traballo en xogo

Ademais, no Estado, pero nomeadamente en Galicia, agudizarase o oligopolio e concentración bancaria. Serán cinco entidades as que controlen case en exclusiva o mercado financeiro galego, logo dun proceso que levou por diante as antigas caixas, o Banco Gallego ou agora o Pastor. A preocupación dos traballadores, que denuncian a "presión extrema" á que foron sometidos nos últimos meses, é agora maior, ao estar en xogo os arredor de 1.400 empregos que quedaban no grupo. 

O futuro da histórica Fundación Barrié queda agora no aire

En Galicia, os efectos desta compra afectan outras impotantes entidades como a Fundación Barrié. A súa principal vía de financiamento era o seu paquete de accións no Popular tras a absorción do Pastor. Daquela, pasou a controlar algo máis do 8% do capital do grupo, pero as posteriores ampliacións de capital deixaron esta participación en apenas o 2,6%, uns 56 millóns que caeron ata menos de 18. Agora, ese capital non vale nada e as achegas a esta importante institución non existen. O seu futuro queda no aire.

Porque con esta compra, os accionistas do Popular perden toda a súa participación na entidade e o FROB xa sinalou que os títulos, repartidos en Galicia entre pequenos aforradores (uns 60.000) tras a última ampliación, serán os primeiros amortizados. Asociacións de consumidores como Adicae xa aseguraron que a venda realízase a costa dos accionistas. O anterior presidente da entidade, o galego Ángel Ron, saíu da empresa sen indemnización pero con dereito a unha pensión de xubilación de 23 millóns de euros. 

Os accionistas son os grandes perdedores da operación ao quedar sen o seu investimento; a súa única saída é acudir aos tribunais

Son os accionistas os grandes perdedores da operación ao quedar sen o seu investimento. O Popular perdeu máis da metade do seu valor na Bolsa nas cinco últimas sesións. Agora o valor das accións é cero porque as autoridades europeas amortizáronas, logo de chegar á conclusión de que o banco era inviable. A única saída que lles queda para intentar recuperar os seus cartos será acudir aos tribunais para demandar á entidade ou aos seus antigos xestores

No caso dos posuidores de depósitos, o cliente manterá os cartos (a partir de agora baixo o paraugas do Santander) porque non houbo que liquidar o banco. No caso de que así fose, só estarían garantidos os primeiros 100.000 euros. 

Sucursal do Banco Pastor nunha cidade galega / CIG

Ampliación de capital de 7.000 millóns

A operación é efectiva desde este mércores e para levala a cabo Santander realizará unha ampliación de 7.000 millóns de euros. Con ela cubrirá as necesidades requiridas de capital e provisións, segundo informou a entidade nun comunicado. Para dixerir o problema do ladrillo tóxico e as operacións relacionadas con el, Santander fará 7.900 millóns de euros de provisións adicionais para activos improductivos, incluídos 7.200 millóns de euros para activos inmobiliarios. Co que espera ampliar o nivel de cobertura de risco vinculado á actividade inmobiliaria do 45% ao 69%. Á vez que espera reducir os activos inmobiliarios nos próximos anos.

A CNMV suspendeu a Popular de cotización. Pola súa banda, o Banco Central Europeo e o Banco de España tamén emitiron os seus comunicados nos que tamén recoñecen que a quebra era inminente, a pesar dos intentos da entidade por desmentir este punto nas últimas semanas.

A Xunta Única de Resolución asegura que "non había ningunha previsión razoable" de que ningunha alternativa liderada polo banco ou ningunha medida tomada polos supervisores puidese evitar a caída da entidade nun período razoable de tempo. Ademais, asegura que o proceso de venda iniciado por Banco Popular non estaba a dar ningún resultado positivo, debido á dificultade do banco para lograr mobilizar a liquidez necesaria no tempo acordado.

As acciónns da entidade caeron constantemente nos últimos días e a capitalización do Popular quedou nos 1.300 millóns

O banco leva sufrindo un duro castigo nos mercados nos últimos días. A semana pasada, as accións da entidade caeron case un 40% e esta semana, os títulos volveron a sufrir perdas en bolsa. Desta maneira, a capitalización de Popular caera ata roldar os 1.300 millóns de euros. Aínda que desde a entidade seguían tratando de desinvestir naqueles activos non relacionados directamente coa súa actividade para salvar os mobles.

A xestión da información e a relación co mercado foron claves en que a entidade se deslizase polo precipicio e en que finalmente o seu destino fose unha profecía autocumplida. Tras a chegada do novo equipo executivo con Emilio Saracho á fronte (que procedía de JP Morgan) sucedéronse as filtracións sobre a venda da entidade e a inminente quebra. Os desmentidos do banco foron inútiles e o caos xerado arredor das filtracións foi afundindo a confianza na entidade e provocando a súa caída. O golpe definitivo chegou co atraso no proceso de venda. Nun primeiro momento, falábase de que a entidade daría de tempo ata o 10 de xuño para recibir ofertas. Un prazo que se ampliou ata finais de mes, o que deixou claro para o mercado o nulo interese por parte dos compradores. En principio, Santander, Bankia e BBVA estaban na recta final para expresar o seu interese.

Os problemas de Popular veñen de lonxe, cunha difícil dixestión dos activos inmobiliarios ou a integración do Banco Pastor no medio da crise como puntos clave. Nos últimos anos, a entidade viviu ademais tres ampliacións de capital e estivo inmersa en rumores de compra por outras entidades.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.