A OPA do BBVA ao Sabadell en Galicia: superpostos en 43 concellos e disolución dos restos do Gallego

Sucursal do Banco Sabadell Gallego en Muros, situada onde estivera o Banco Olimpio Pérez, unha das orixes do Banco Gallego, e mapa da implantación do BBVA e do Sabadell en Galicia CC-BY-NC-SA Praza.gal

Hai tempo que o que noutrora puido ser considerado sistema financeiro galego desapareceu como tal. Se entendemos por sistema un conxunto de varios elementos que forman un todo. En rigor, a única entidade galega que sobreviviu como tal á marxe das quebras, rescates ou compras obrigadas foi a Caixa Rural Galega. Así foi especialmente dende que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) adxudicou ao venezolano Banesco a poxa de Novagalicia Banco, a entidade resultante do rescate de Novacaixagalicia, froito da fusión fracasada de Caixa Galicia con Caixanova.

Entre as múltiplas consecuencias da quebra de Novacaixagalicia estivo a venda por un euro do Banco Gallego ao Sabadell, que aproveitou a operación para estenderse en Galicia

Aquela fusión tivo múltiplas consecuencias no ámbito estritamente bancario, pero tamén no empresarial, no social e no político. A máis evidente, a creación de Abanca, empresa que conta con substanciosos beneficios dende practicamente o inicio da súa andaina -en 2017 xa acabara de pagar os mil millóns da compra- e que só no primeiro trimestre deste ano gañou 158,4 millóns. Entre esas diversas repercusións estivo a venda por un euro ao Banco Sabadell do que fora o Banco Gallego, entidade que estaba participada por Caixanova e despois, por Novagalicia.

Mobilización en 2021 en Vigo contra o ERE no BBVA. O persoal teme que a posible fusión co Sabadell traia consigo novos recortes CC-BY-NC-SA CIG

Ao contrario que noutras fusións, o Sabadell non resolveu a compra do Gallego en 2013 reducíndoo ou minguándoo á mínima expresión. Pola contra, aproveitou para consolidarse e mesmo expandirse en Galicia. Pero esa estratexia e os seus resultados no territorio pode mudar agora se triunfa a OPA hostil lanzada polo BBVA sobre a entidade catalá, que hai escasos días rexeitou a oferta de fusión -compra- que lle formulara ao considerar que a "infravaloraba".

BBVA e Sabadell suman 180 sucursais en Galicia e operan á vez en 43 concellos. Onde máis coinciden é nas cidades da Coruña e Vigo e nunha trintena de concellos máis teñen cadansúa oficina

Se a OPA hostil triunfa, isto é, se os accionistas do Sabadell interpelados polo BBVA deciden vender as súas accións e a operación logra os permisos pertinentes dos reguladores -numerosas voces relevantes, a comezar polo Goberno de España, xa se manifestaron en contra-, no caso galego o impacto máis directo produciríase en 43 concellos, aqueles nos que teñen oficinas abertas ambas entidades, que suman un cadro de persoal superior ao milleiro de profesionais (algo máis de 700 o BBVA e máis de 300, o Sabadell) en Galicia.

En conxunto, segundo datos do Banco de España, BBVA e Sabadell tiñan operativas a 31 de decembro de 2023 un total de 180 sucursais no noso país: 116 do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria e 64 do Sabadell, que tamén opera baixo a marca Sabadell Gallego. Onde máis coinciden é na cidade da Coruña, con 20 oficinas (13 do BBVA e 7 do Sabadell), e a continuación en Vigo, con 12 e 7, respectivamente. O maior impacto en termos absolutos estaría a continuación en Santiago (5+3) seguido por Lugo (4+3), Ourense (5+2), Ferrol (3+2) e Pontevedra (3+1).

O maior risco de que a OPA hostil e consecuente fusión afondase na exclusión financeira, é dicir, no afastamento do servizos financeiros, estaría neste caso na trintena de concellos onde hai unha única oficina dunha das dúas entidades (en 28 municipios é o BBVA e en dous, Negreira e Val do Dubra, o Sabadell). Tamén -se cadra, sobre todo- nos outros trinta onde teñen unha cada un, no maior caso vilas relevante e cabeceiras de comarca como Arteixo, As pOntes, Cangas, Carballo, Lalín, O Barco, Ribadeo, Ribeira, Vilagarcía, Vilalba ou Xinzo.

Do Banco de La Coruña e o Banco Olimpio á disolución nun xigante

Dáse a circunstancia de que, se a fusión vía OPA hostil chega a producirse, no xigante resultante habería por ambas bandas restos do que foi o sistema financeiro galego e, concretamente, dalgúns dos seus primeiros xermolos. Non en van, o BBVA tamén é na súa grande estrutura froito de varias fusións; fundamentalmente, dos bancos que seguen presentes no seu nome -os de Bilbao e Vizcaya e máis Argentaria, fugaz grupo que integrou todos os bancos públicos do Estado-. Pero tamén de entidades máis pequenas como o Banco de La Coruña, ao que absorbeu o Banco de Bilbao en 1970.

Sede do 'Banco de La Coruña' no Cantón Grande Coruñés e sede do Banco Olimpio Pérez, na compostelá Praza de Cervantes Dominio Público Publicación conmemorativa do 'Banco de La Coruña' e Investigación sobre o Banco Olimpio Pérez

No caso do Sabadell, con el van os restos do Banco Gallego, que á súa vez é memoria financeira das antigas grandes caixas, pero tamén das entidades de menor dimensión das que procede. Entre elas destaca o Banco Olimpio Pérez, entidade fundada en 1845 que tivo a súa sede na compostelá Praza de Cervantes -onde despois estivo o Gallego e actualmente é un centro de exposición e eventos de Abanca- e sucursais en Vilagarcía e Muros

O Banco Olimpio Pérez foi obxecto de diversas operacións e mudanzas durante o século XX, dende a fusión co Banco de Crédito e Inversiones (1965) ao control por Banca Catalana nos anos 80 do século pasado. Tras múltiples movementos, o antigo Banco Olimpio Pérez e unha das entidades galegas do Grupo Rumasa, o Banco del Noroeste, acabaron confluíndo no Banco Gallego, que dende os 90 estivo controlado dende a gran caixa do sur, primeiro con Caixavigo e despois, con Caixanova.

Creado con Onodo, un proxecto da Fundación Civio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.