A entidade cooperativa incrementou en 2023 as ganancias un 140% co impulso clave da suba dos tipos de xuro, o que lle outorga "marxe para abrir novas oficinas", anuncia o seu presidente
"Un resultado histórico". Así define Caixa Rural Galega as súas cifras de 2023, aprobadas en Asemblea Xeral o pasado sábado tras as Xuntas Preparatorias celebradas nas semanas previas en Pontevedra, Melide, Antas, Lugo e Vilalba. A única entidade financeira galega sobrevivente como tal ao marasmo de fusións, rescates e quebras da pasada década gañou o pasado ano 21,6 millóns de euros, unha cifra discreta en comparación coas da gran banca, pero que supón un crecemento interanual do 140%.
A cooperativa subliña que este incremento disparado -os seus beneficios viñan medrando ininterrompidamente dende 2023, pero en niveis moito máis discretos- se debe, sobre todo, ás sucesivas subas dos tipos de xuro decididas polo Banco Central Europeo durante o pasado ano. Un "aumento do prezo do diñeiro" para o que "a Caixa estaba especialmente preparada" por ser "o escenario máis lóxico dende había tempo", indicou o seu presidente, Manuel Varela, na presentación de resultados.
"Este comportamento dos beneficios -engade Varela- dános unha solvencia moi por riba do que nos esixe o regulador" (un 19,01%, un incremento superior aos tres puntos). E déixalles, daquela, "marxe para poder abrir novas oficinas nun futuro próximo e achegar a nosa entidade a aquelas poboacións de Galicia onde aínda non temos presenza física", anuncia. Actualmente, a entidade con sede en Lugo ten 48 sucursais, a maioría na provincia lucense.
Os depósitos da Caixa Rural roldaron os 1.800 millóns e os créditos, os 851 tras medraren un 5,6% e un 3,1%
Estas cifras de beneficios foron acompañadas por senllos novos récords de depósitos, investimento crediticio e tamén de cadro de persoal. Os depósitos da clientela da Caixa Rural Galega acadaron durante o 2023 un valor medio próximo aos 1.800 millóns de euros (+5,6%) e os créditos que teñen concedidos chegan aos 851 millóns netos (+3,1%).
Como vén sendo habitual, o groso do risco crediticio da Caixa Rural Galega está nas mans de clientela particular (61,31%) e case o 30% corresponde a pequenas empresas e profesionais autonómos. A promoción e construción inmobiliaria supón apenas un 4,72%, a débeda de Administracións Públicas queda nun 2,87% e o financiamento de grandes empresas, nun 1,75%.
Con todo este pano de fondo, o cadro de persoal da entidade chegou a un novo máximo, con 166 persoas, cinco máis que un ano antes. Trátase dun plantel que segue tendendo á feminización, xa que agora está conformado xa por 97 mulleres fronte a 69 homes. Todo, nun ano no que o número de persoas socias seguiu medrando ata achegarse ás 22.000.
A entidade lucense dedicou 400.000 euros a patrocinios mediante o seu Fondo de Educación e Promoción
Tras un exercicio con algo máis de 400.000 euros destinados a patrocinios a través do seu Fondo de Educación e Promoción (111 actividades que van do fomento do cooperativismo ao deporte, pasando pola formación ou accións socioculturais), o presidente da Caixa Rural Galega albisca un panorama no que, "se a inflación segue moderándose", é previsible que os tipos de xuro non só non sigan medrando, senón que o BCE opte por un "recorte moderado", o cal "debería estimular o crecemento" económico.
Non obstante, advirte Manuel Varela, "seguen presentes riscos, mesmo de recesión", polo que "habemos de valorar seriamente e seguir firmes nas nosas decisións, coa prudencia de sempre", indica. Neste contexto, a Caixa remata presentación de resultados expresando a "firme convicción de contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia" dende "o poder transformador da cooperación e a solidariedade", pero tamén valorando a importancia do "tempo de importantes transformacións" que vive o mundo, dende a "desaceleración da globalización" á "loita contra o cambio climático, a transición enerxética" ou o impacto da intelixencia artificial